No ano 1950 estreou o posto de alcalde o
avogado Juan Liñares Castro. O secretario do
Concello era Ángel Concheiro Rodríguez, pero xa se xubilaría en 1951 e ata 1956
no chegaría, grazas a unha permuta desde o Pino, o seu sobriño Ángel Concheiro Iglesias. Houbo varios xuíces como Alfonso
Navascués [ou Navasqüés] e funcionarios que apenas duraban no posto. Os que se asentaron
durante máis tempo foron o notario Alfonso Leirós Fernández que xa levaba na vila
8 anos e o secretario do xulgado Jesús Cristín Castro, que viría en 1955 e estaría
ata 1971.
Manuel Concheiro García era o director do
Banco Pastor e futuro fundador de Macoga. O outro banco que había de antigo, o
da Coruña era dirixido por Segismundo Viqueira Mundito. Ese ano 1950
instalouse unha sucursal da Caixa de aforros de Santiago na que traballou Ángel Raña
Dafonte.
Ademais do alcalde, outros avogados
importantes da vila eran Juan Amigo Iglesias, Celestino Concheiro e Manuel Astray Mato (avó de Nel Astray).
Pero o home que mandaba na sombra era o
médico Antonio Concheiro Iglesias, que xa fora
alcalde nos primeiros tempos da República. Nese ano 1950 cambiou de edificio o
"Sanatorio Concheiro" e pronto sería presidente do -xa federado-
equipo de fútbol. Outros médicos eran o
ex-alcalde Genaro González e Joaquín de Juan
y Casas.
A propietaria da farmacia de arriba era Josefina
Carballido (viúva de Santiago del Río) e desde 1949 (morte do seu
pai Manuel) Rafael Álvarez Salgueiro era o farmacéutico de abaixo.
O oco que deixou don Nicolás foi ocupado por
outros nomes. Chegou José Bello Segade Pepe
Bello e Manuel Picallo xa estaba en Ordes desde 1945.
Outro gran mestre fóra do sistema era Mariano del Amo Algara que daba clases
particulares. As mestras eran doña Maruja
Carreró, doña Moncha,
doña Concha, Patita
Astray...
Era párroco de Ordes don Joaquín Andrade que marcharía á Coruña en 1956, e en 1957 chegaría
o muradán don José
Fernández Fuentes, que empezou ben pero que acabaría sendo bastante
polémico.
O maior empresario e comerciante era Fernando Liste Mosquera Fernanducho, entón con 49
anos e moita vida por diante. Outro moi importante era Pedro Pardo Fandiño, de 63 anos, que tiña
unha empresa de obras públicas pero case toda a súa actividade era lonxe da
vila. Á súa sombra despegou en 1940 Ramón Carro Fernández, pai do Carro máis coñecido que empezou a
traballar en 1954 con só 15 anos.
Algúns dos comerciantes máis importantes da
vila eran Manuel Mariño Vilela nos
Lagartos e o seu irmán, o ex-alcalde Rafael Mariño Vilela, no Recreo. A súa
madrastra Ramona
Iglesias tiña unha casa de comidas a carón de Manuel, e José Mariño
Iglesias, un dos seus fillos, dirixía a ferraxería que tiña
antigamente a familia Barreiro fronte á igrexa parroquial, pero non duraría
moito tempo nela. No norte da vila dous grandes comercios eran o de Mariano Amado Ferreiro e a ferraxería de
Calvo. En 1952 morrería Juan Calvo e serían os seus fillos Suso
e Ismael
Calvo
Carnota os que levarían o negocio. Outra ferraxería, no Recreo
preto do cruce, era a de Amancio Castro.
Na zona máis oriental dos Lagartos
(entón Calvo Sotelo) aparecería un moderno serradoiro "Viuda de Wais".
Preto da vella maquía de Fernanducho
estaba a carpintería de José Fernández Bello (1920-1981). Xa nos
Lagartos en fronte da panadería de Victorio
estaban o ultramarinos de Antonio Verea Fandiño, dono tamén dun taxi, e o bazar da súa irmá Carmiña.
Tamén estaban o taller do latoeiro Segundo Costa, a fábrica de gasosas de Manuel del Río Bello, a
carnicería de Buyo
e o "Oriental
Cinema".
No Recreo,
ademais do serradoiro, Manuel Vieites
tivo unha zapatería a partir de 1951 e os Álvarez
contaban tamén cun comercio de teas e las. Manuel Regos Viqueira tiña a súa carpintería, Manuel García un taller de venda e reparación
de bicicletas, Manuel Castro un
taller mecánico, os Graña unha maquía, o xastre Candido do Picho
-o meu avó- o seu obradoiro, o Orensano unha tasca e Cándido Regos de Darefe un bar,
que acabaría cedendo ao seu irmán Manuel, pai do futuro alcalde. Ramón Prado morrería en 1956 e a súa
filla Luisa
Prado sería a que continuaría o negocio.
En Alfonso
Senra estaban a maioría de comercios: a tenda de Casabella,
a reloxería de Alfonso
Pérez Graña, a carpintería de José da Calzada, o ultramarinos de Manolo dos Ramos, a zapatería
"Calzados
Mallorca" que levaba a muller do taxista Manuel Gómez Gende, a mercería
de Fina
e Pilar, o comercio de Viriato, os xastres Aller,
Antonio
Ramos e José Mosquera Peteiro (que ademais era
barbería) e o ultramarinos de Pepa de Conde. Tamén as carnicerías de Pepe de Betanzos e de Ignacio. Julián Marcos Arenas tiña
un comercio que mesturaba librería, taller de fotografía... e funeraria! Fronte a Alameda
estaban tamén a mercería de Adita, a
casa de comidas e panadería de Antón do Túnel, a tenda de Josefa Ramos (nai de Mundito), o
Bar Juanito,
a casa de comidas e "Fábrica de Chocolates" de Francisco Vilar e a droguería de Manuel Liñares xa fronte ao Nogallás. Máis ao sur, a tenda da Morena, a tasca de Enrique, o comercio de Segundo Faya e a tenda de curtidos e
máquinas de coser de Víctor do Capitán,
entre outras.
Quedaban, no que hoxe son os Parques
Municipais e entón o Campo da Feira, o antigo Salón, o obradoiro de artesanía do coruñés Luis Villares Torres, o taller mecánico de Antonio Castro
del Río e a fábrica de gasosas de José Noya Vieites. Noutros
lugares tamén estaban o almacén de Espiñeira e xa fóra da vila a fábrica do leite.
Por suposto nas tres rúas principais aínda
había outras tendas, tascas e casas de comida que se me escapan.
Unha característica daqueles duros anos é que
había unha gran cantidade de pequenos vendedores que compraban nalgunha tenda
da vila ou de fóra e logo ían polas feiras da contorna sobre todo a da Adina
que era a máis forte.
Manuel
Moar Manolito de Ramos: "Sempre me
lembro de clientes que tiñamos na Cabra, entre elas María Antonia e
Valentina, que revendían os nosos produtos, en especial o xabrón "Lagarto". Outra clienta
que tiñamos era Mercedes do Piñeiro, a muller de Gumersindo dos Corbelles. Non
che digo nada doutros grandes traballadores do comercio como Antonio da
froitería, Amalia de Veiga, Hortensia de Candal, Angelito das Correas, Fina
da Tarula ou Genoveva, que vivía na casa de Ricardiño, o sobriño do cura.
Ordes ten unha grande historia e unha multitude de persoeiros que son dignos
de mención. Como me vou esquecer de Pepita do Churrero que sacou adiante unha
churrería con dous irmáns mudos que se chamaban Pepe (gran pescador) e
Estrella".
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario