sábado, 11 de diciembre de 2021

A movida: os anos 80

DAS SALAS ÁS DISCOTECAS
  Mentres en Ordes e comarca os 70 eran os tempos das salas de festas, na cidade de New York, a capital do mundo, aparecían os clubs onde os gais ao principio e logo a mocidade en xeral se reunía para bailar. Estes lugares acabáronse chamando discotecas e deron lugar a un movemento musical derivado do soul e do funky, especificamente pensado para as pistas de baile, que se coñeceu como música disco. 
  A popularización mundial do fenómeno propiciouna en 1977 a película "Saturday Night Fever" con música dos Bee Gees e protagonizada por John Travolta. Imposible naqueles tempos atopar alguén que non tivese oído e tarareado o machacón "Ah, Ah, Ah. Stayin' alive. Stayin' alive".
 
  E... sorpresa! Ordes agora estaba á vangarda. Só un ano despois, en xullo de 1978, apareceu a primeira discoteca da vila na Rúa Mediodía. Os empresarios eran emigrantes retornados de Arxentina, os irmáns Lolo, Ramón e José Antonio Gómez de la Iglesia, que xunto ao seu primo Ramón Pazos de la Iglesia puxeron en marcha o local. O sonoro nome Bariloche foi tomado da turística cidade arxentina.
 
 
  Non moito despois Juan Manuel Louro Candal abriu a discoteca Tebras no Recreo e disputou unha breve batalla con Bariloche por gañar o favor do público, pero xa no ano 1981 tivo que asumir a derrota. Quedou reducida a un "after hours" e conformouse cos clientes máis noctámbulos. Anos despois cambiaría o seu nome a Foxos e seguiu sendo o lugar que pechaba a noite. Curiosamente durou moito máis tempo que Bariloche.
 
 
  Fóra da comarca apareceron grandes salas de festas que aos poucos fixeron a transición a ser o que se chamou "macrodiscotecas". En 1979 naceu Chanteclair en Valga, en 1980 inaugurouse en Touro Dona Dana (que en 1992 converteuse en plató do "Luar" da TVG) e en 1981 Lennon na Estrada. Ademais de ser bastante visitadas, especialmente Dona Dana por mor da súa proximidade, eran moi famosas polas súas pegañentas cuñas publicitarias na radio. Aínda hoxe non esquecín: "Chantecler ¿Te trisca la idea?" ou "Dona Dana, tu macrodiscoteca en Touro". 
 
  Así que a principios dos 80 a situación en Ordes era a seguinte: una exitosa sala de festas Órdenes 2000 que abría normalmente os domingos, outra sala, Josfer no Mesón do Vento, que tamén tiña bastante publico (sobre todo da súa zona) e dúas discotecas novas do trinque, a concorrida Bariloche e a minoritaria Tebras
  Podemos engadir en Herves a discoteca King's que abriu en febreiro de 1982 e que era frecuentada sobre todo por xente de Carral pero á que se achegaban tamén algúns ordenses.
  Ao principio a nova moda non afectou demasiado ás salas porque o seu día forte non era o mesmo nin tiñan o mesmo tipo de clientela, máis verbeneira e latina unha contra outra máis intelectualoide e "moderna".
  Non obstante Órdenes 2000 xa chegara ao seu punto álxido nos anos 80-81. A partir de aí comezou a decadencia, tendo cada vez menos xente. As orquestras ían sendo cada vez máis mediocres e as actuacións de famosos cada vez máis espaciadas (un dos últimos foi Bigote Arrocet en 1987). Moar intentou aguantar facendo ceas baile nos derradeiros tempos pero en 1989 tivo que tirar a toalla e pechar a sala.
  Polo contrario Bariloche viviu unha década de éxito. Repleta os sábados e con bastante xente os domingos, que ademais consumían en cantidades industriais. Isto aumentaba exponencialmente en festas e vésperas de festivos. Por se iso fose pouco, a partir da metade dos 80 a súa sesión de tarde dominical concentraba á clientela máis nova que abarrotaba o local (aínda que non gastase tanto como a adulta).
 
  Outro aspecto do cambio que houbo foi a aparición dos primeiros pubs a mediados da década. Os pubs naceron coa intención de captar clientela xuvenil, diferenciándose claramente dos bares existentes ao ofrecer música e pista de baile cunhas consumicións algo máis caras. Foron bastante exitosos, aínda que a pista de baile acabou sobrando porque ninguén a usaba. Como tamén era a época na que empezaban a funcionar os videoclubs, aqueles primeiros pubs acabaron servindo para que a mocidade vise neles as películas de éxito como sucedáneo dos cines.
  O primeiro destes pubs foi Arcos na Rúa Nova. Os empresarios eran Manuel Liste Varela (1958-2018), fillo dos propietarios do Bar Puente, e o arquitécto técnico José Manuel Mirás García. O local pasaría por varias mans e aínda pervive. Moi pouco tempo despois Juan Francisco Abeijón Casas, antigo pinchadiscos de Bariloche, montou o pub Kilé que foi moi exitoso e que pechou cando el se dedicou á radio local. O terceiro foi o pub Kronos na Rúa Mundito, caso extraordinario porque leva máis de 3 décadas co mesmo dono, José Antonio Castro Fernández (tamén son remarcables os 19 anos, desde xullo de 1992, que botou alí como camareiro José Luis Bermúdez Landeira). 
 
  Rematou o ano 1989 con Bariloche dominando a noite ordense, pero un cambio desmesurado estaba á volta da esquina: as dúas seguintes décadas foron a era de LP 45.

2 comentarios:

  1. Estaba tamén a discoteca King´S, en Herves, a cal acudía fundamentalmente xente de Carral e Concellos limítrofes. Abriu a suas portas en febreiro de 1982 e estaba a rebosar todolos sábados e domingos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si!!! Como eu só fun unha vez, xa non me acordaba dela. Gracias polo apunte. Vou engadila ao artigo.

      Eliminar