Un estudo demoscópico realizado en setembro
de 2021 entre os moitos peregrinos
que chegaron a Sigüeiro concluíu que o 80 % partían do Ferrol, a maioría
tiñan entre 45 e 75 anos e o 65 % empregaba 6 días en percorrer este roteiro.
Igualmente o 65 % eran españois (sobre todo de Madrid, Valencia e Andalucía)
mentres o 35 % estranxeiro procedía sobre todo de Portugal, Italia, Alemaña e
os USA -si, non eran maioritariamente ingleses como se podía esperar!-. Ah! e
un dato fundamental: un 45 % gastaba máis de 50 euros ao día. Evidentemente
son unha importante fonte de riqueza para os concellos polos que pasa o
Camiño.
|
Pero isto non sempre foi así. Nos anos 80 do
pasado século o Camiño estaba baleiro. As peregrinacións que se efectuaban desde
Ordes e o norte da provincia (única e exclusivamente nos anos santos)
empregaban a estrada N-550.
Outra cousa era o Camiño Francés que comezaba
a despuntar e que achegaba riqueza ás vilas polas que pasaba. A subida
definitiva foi en 1993. Despois de
11 anos de espera desde o anterior, o novo Ano Santo trouxo a declaración de
Patrimonio da Humanidade para o Camiño Francés e a creación por parte do
Goberno Galego do primeiro plan de promoción internacional e de dinamización
cultural e turística do Camiño de Santiago, o que coñecemos como Xacobeo. De paso naceu Pelegrín, a lembrada
mascota deseñada por Luis Carballo.
Os alcaldes dos concellos cruzados polo
Camiño Inglés contemplaban esa explosión publicitaria con envexa. En xaneiro
dese mesmo ano, encabezados por Manuel Mirás Franqueira de Oroso, reuníronse para solicitar á Xunta que promocionase
tamén o seu roteiro, que Mirás (a quen non lle gustaba o de Camiño Inglés)
empeñábase en denominar "Camiño Real". En febreiro 27 municipios
coruñeses crearon un comité formado por tres alcaldes (os de Oroso, Betanzos e
Neda) para coordinar as iniciativas mentres tres técnicos ultimaban un mapa do
roteiro.
Pero a realidade daqueles primeiros anos 90
seguiu sendo dura: os poucos peregrinos que tentaban a viaxe atopaban mala
sinalización e tramos cortados con arame de espiño ou bolsas de lixo. Tampouco os veciños estaban contentos con algúns
peregrinos (sobre todo coas excursións de grupos a cabalo).
Pararelamente nos anos 90 comezou a haber publicacións sobre o Camiño Inglés. Sobre o noso tramo apareceu
en 1996, subvencionado polo Grupo
Rafra (a empresa do alcalde Manuel Mirás), o libro "Os camiños antigos
do Concello de Oroso", escrito por Manuel Pazos Gómez. En 1999, xunto con Xan
Ferreiro, creou un mapa que reseñaba ademais os principais monumentos en
Bruma, Ordes e Oroso.
|
En 1997,
con vistas ao Ano Santo de 1999, realizouse unha delimitación e sinalización do
trazado que, con mínimos cambios, duraría ata 2014.
A actividade do Camiño foi aumentando aos poucos
e ese ano 1999 supuxo un punto e
aparte cando en agosto se inaugurou o Albergue
público na localidade do Hospital de
Bruma a 41 km
de Santiago. Era unha antiga casa rural que foi doada pola familia propietaria ao
Concello de Mesía e este, á súa vez, cedeu á Xunta para construír o albergue.
O seculo
XXI supuxo o bum do Camiño Inglés. O número de peregrinos aumentou
vertixinosamente e os concellos tiveron que habilitar os pavillóns
polideportivos para acoller ás moreas de peregrinos que aparecían todos os
veráns (e non só os anos santos). Paralelamente aumentou a información grazas a
moitas novas publicacións e ao desenvolvemento da Internet onde é fácil atopar
mapas, fotos e narracións de camiñantes con datos ás veces contraditorios.
Arredor do 2006 apareceu un novo atractivo para os viaxeiros na Cruz de
Ardemil: o bizarro grupo escultórico
de Orencio
Uzal.
No ano 2014 a
Xunta estableceu o trazado definitivo (ata agora) que eliminaba unha longa
recta por pistas de concentración parcelaria na parroquia de Oroso. Como tardou
moito en sinalizarse, durante anos os peregrinos seguiron camiñando polo antigo
trazado.
No ano 2016
inaugurouse en Bruma o restaurante "Casa Graña", feito que evita que
os peregrinos teñan que ir ata o Mesón do Vento para comer.
Tamén nese 2016, en decembro, o Cabildo, despois de moitas peticións de
variadas asociacións nacionais e estranxeiras, decidiu otorgar a
"Compostelá" ás persoas que fixeran o Camiño desde A Coruña (que
dista menos de 100 km
a Santiago). Curiosamente, tres meses despois en marzo de 2017, os primeiros que a recibiron foron Montse Bouzas e Manuel
Pazos (que estaba preparando un novo libro sobre o Camiño).
En xuño de 2019 tamén o Concello de Ordes pasou a contar cun albergue de peregrinos no Outeiro de
Poulo. Tratábase da antiga reitoral que foi restaurada para a ocasión. Á
inauguración asistiu o mesmo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo.
En 2021 naceu un novo albergue privado na parroquia de Bruma.
Oroso foi desde sempre o concello máis
implicado na promoción do Camiño (realización de roteiros, creación do CEICI
-Centro de Estudos e Investigación do C.I.- visita e peregrinación en terras
inglesas e edición dunha unidade didáctica sobre a peregrina inglesa do século
XV Margery Kempe). Non obstante segue a ser o que non ten albergue público,
aínda que a oferta de aloxamento privado ampliouse considerablemente estes
anos. Ademais do Tradicional Albergue Mirás, hai o Ultreia et Suseia (antigo
Fogar da chisca, 2014), o Albergue Camiño Real (2017) e o Sigüeiro Hostel. Xa
do outro lado do río Tambre está o Albergue de Delia (2014).
No hay comentarios:
Publicar un comentario