viernes, 21 de agosto de 2026

Os mércores mercado

   Calquera ordense menor de 60 anos sempre viviu a certeza de que o día da nosa feira é o mércores e o que é menor de 50 anos nunca coñeceu outro emprazamento distinto ao actual, a carón da canle do regato Mercurín.
 

  Pero isto non sempre foi así. Moi ao contrario: a feira de Ordes ten máis de 200 anos e durante a maior parte da súa historia celebrouse en domingo e no que hoxe son os denominados Parques Municipais.
  Isto non é nada excepcional. Cando apareceron as feiras nos séculos XVIII e XIX, un número importante, entre o 25 e o 35%, celebrábanse en domingo, e iso a pesar da oposición dunha parte do clero pola preocupación sobre a desafección na práctica do culto e polos excesos de todo tipo (especialmente os etílicos e sentimentais) que podían producir as aglomeracións feirais.
  Pero aínda así mantivéronse moitas destas feiras dominicais. Na nosa comarca a principios do século XX non só as había en Ordes, senón tamén na Silva, na Pobra (Mesía) e en Viladabade (Tordoia). Pero nos anos 60 houbo un cambio xeral nos costumes, seguindo modas estranxeiras. Unha delas era a chamada "Semana inglesa" que deixaba totalmente libres a tarde do sábado e o domingo completo ao traballador. A mediados dos 60 a maioría dos lugares onde había feiras dominicais decidiron cambialas de día. Non foi unha decisión doada porque houbo unha enorme oposición, especialmente na provincia de Lugo. Os contrarios á medida apelaban á tradición e ás posibles perdas económicas. 
 

  En Ordes este cambio tivo lugar en abril de 1967. O día 19 tivo lugar a primeira feira en mércores, evento que foi publicitado na prensa e con carteis por toda a vila e parroquias veciñas. Para darlle un maior realce programouse unha exposición de maquinaria agrícola e unha pequena festa na Alameda amenizada pola Banda Municipal de Padrón.
  Aínda que ao principio había dúbidas o cambio foi exitoso e o nivel de asistencia á feira de labradores, gandeiros, feirantes e compradores non se resentiu especialmente.
  Como curiosidade nos Parques Municipais estaba o edificio onde don Manuel Picallo daba clase aos alumnos varóns de 4º de Primaria. O mércores os nenos podían pasar os recreos deambulando tranquilamente entre as tendas dos feirantes ou contemplando as transaccións dos tratantes de gando.
 
  A partir de ese momento os domingos deixaron de estar condicionados pola feira. O eixo pasou a estar na igrexa. A maioría das familias acudían a ela. Os nenos ían á cataquese mentres os adultos charlaban, logo todos oían a misa. Á saída as mulleres volvían á casa e os nenos corrían ao Chocolateiro ou á churrería de Pepita a gastar a paga semanal en cómics (Tío Vivo, Pulgarcito, Capitán Trueno, El Jabato...), en pequenos xoguetes como os sobre sorpresa ou en lambetadas. As mozas paseaban pola Alameda e os mozos e os homes adultos espallábanse pola multitude de bares que había, tomando varias roldas de cuncas de Ribeiro para logo regresar ás súas casas a comer. Pola tarde era o momento de ver a TV, xogar ás cartas e os afeccionados ao fútbol achegarse a Vista Alegre para ver o último partido do equipo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario