martes, 25 de agosto de 2026

Castro de Cestaños


  Cestaños é un pequeno lugar no norte da parroquia de Parada que tiña no ano 2023 só 10 habitantes. Non obstante no século XX foi berce de familias como os Ríos Raña, os Barreiro Prego, Fraga del Río ou Rama Regos. Aí viviu Estevo Rodríguez, o patriarca dos Estevos do Casal, e naceu Francisco Ríos Seoane, o personaxe máis famoso do lugar.
 

  Tamén é un lugar poboado desde tempos prehistóricos, como o demostra o castro que, contrariamente ao habitual, non está preto da aldea, senón na mesma aldea. Obviamente está moi alterado, mesmo hai tres edificacións no seu interior: dúas na zona oeste e unha vella casa completamente en ruínas no bordo leste. Conserva parcialmente o parapeto e pola zona sur e leste está bordeado por unha pista asfaltada. Ten forma ovalada, medindo de norte a sur uns 90 metros e de leste a oeste uns 110 metros, así que a súa superficie aproximada son 7.800 metros cadrados, ou sexa uns 12 ferrados.
 
 
  Non é o único resto arqueolóxico da aldea. A uns 80-90 metros ao noroeste da casa máis setentrional de Cestaños está o chamado Coto da Medorra, un antigo túmulo funerario duns 25 metros de diámetro e unha altura superior ao metro e medio que no centro presenta unha significativa fosa de 6 ou 7 metros de diámetro e medio metro de depresión, sinal evidente de ter sido "violada" a medorra. Tristemente iso está ocupado por un monte de eucaliptos  con abundante sotobosque de fieitos, así que é practicamente imposible apreciar todos estes detalles.

1 comentario: