sábado, 29 de agosto de 2026

Fútbol nos anos 60

  A tempada 1960-61 foi o fin dos anos de gloria do Ordes. O 30 de abril de 1961 o equipo acadou un empate no campo do Coruxo, insuficiente para conservar a categoria. Comezou así a súa irregular travesía pola Serie A.
 
 
Na Tempada 1961-62 os equipos participantes eran os lugueses Calvo Sotelo de Pontes de Gª Rodríguez, Valle de Oro (Valadouro), Ribadeo e Foz acompañados do Órdenes, o Arenal de Santiago e o Barraña FC de Boiro. Ademais estaba o Deportivo B que xogaba pero que non computaba para a clasificación. O 27 de maio de 1962 finalizou a temporada co Calvo Sotelo e o Foz clasificados para competir na liguilla cos do sur e o Ordes nun meritorio 3º posto, aínda que a igualdade foi a nota predominante.
Na 1962-63 viñeron a SD Compostela, o Bergantiños de Carballo e o Noya. Seguían Calvo Sotelo, Ribadeo, Órdenes e Barraña. O Compostela non deu ningunha opción e gañou a categoria imbatido. O Ordes estivo mal e rematou nun triste 6º posto (de 7).
Na Tempada 1963-64 a gran novidade foi o Lugo-B, que tampouco computaba para a clasificación, e xa non estaba o Barraña de Boiro. Os equipos lugueses volveron a dominar mentres o Ordes e o Bergantiños loitaban por non quedar últimos. Para o recordo quedou unha humillante derrota por 11-0 o 22 de marzo no campo do Ribadeo. Esa penosa temporada o Ordes, que recibiu un 7-0 do Bergantiños na xornada final, quedou o último dos 7 equipos (aínda que sería 6º se non temos en conta ao Lugo-B), gañando un só partido, empatando outro e perdendo 10. Ademais meteu só 6 goles en 12 partidos e recibiu... 58! (o Bergantiños recibiu 31 e do resto dos equipos o máis goleado foi o Noya con 19).
 
A Tempada 1964-65 supuxo unha revolución. En lugar dos 7 equipos dos dous anos anteriores agora había 13, xa que se xuntaron con varios da Provincia de Pontevedra. Os desprazamentos eran máis longos pero había moitos más partidos e tamén moita máis emoción. Competiron o Ribadeo, Brigantium de Betanzos, Bergantiños de Carballo, Órdenes e Noya cos pontevedreses Marín, Estradense, Arcade, Gondomar, Bueu, Porriño, CD Silva de Vigo e Rápido de Bouzas tamén de Vigo. O final non foi demasiado emocionante porque o Brigantium e o Rápido de Bouzas foron moi destacados e xa tiñan acadado o ascenso antes da última xornada. Finalmente o meritorio campión foi o equipo de Bouzas (que non tiña xogadores profesionais). O Ordes, con moitos cambios, volveu a ser un equipo serio e quedou nunha excelente 4ª praza (aínda que a Wikipedia di que foi 5º) detrás do Bueu. Gañou 9 partidos, empatou 3 e perdeu 8, meteu 32 goles e recibiu un máis, 33.
Na 1965-66 o número de equipos subiu a 14. Eran practicamente os mesmos da tempada anterior menos tres (Brigantium, Rápido de Bouzas e Ribadeo) pero con 4 novas adquisicións: Foz, Calvo Sotelo das Pontes, Arsenal de Ferrol e Teucro de Pontevedra (tamén chamado Atlético Pontevedrés). Proclamouse campión o Arsenal de Ferrol e subcampión O Calvo Sotelo, que ascenderían á 3ª División. O Ordes volveu a ter unha campaña excelente, quedando 5º detrás dos devanditos, do Pontevedrés e da Estradense.
 

Na Tempada 1966-67 o Órdenes estaba acompañado de 11 equipos, a maioría de Pontevedra. Eran o Atlético Pontevedrés, Porriño, Choco, Vulcano, Gondomar, Marín, Silva, Milagrosa, Arcade, Estradense e Bergantiños. O comezo foi excelente e o 3 de xaneiro de 1967 o xornal La Noche publicou unha entrevista co presidente Antonio Concheiro e o secretario Carlos Espiñeira onde a pesar de que o primeiro recoñecera que quizais non lles beneficiase economicamente subir de categoría ambos os dous estaban moi ilusionados con esa posibilidade. O equipo estaba dirixido polo adestrador Alfonso e contaba con xogadores como o goleador santiagués Casado e o interior Machín (José Antonio Regueiro), motor do equipo.
En febreiro nun empate en Vigo co Vulcano o equipo formou con Seoane, Benigno, Adriano, Roberto, Vázquez, Pita, Amancio, Linares, Casado, Machín e Liste. A pesar do favorable resultado houbo medo porque volveron tres xogadores lesionados e non había profundidade no banco, pero afortunadamente ningunha desas lesións foi grave.
Despois dunha excelente campaña o Órdenes gañou 12 partidos, empatou 7 e perdeu só 3 con 54 goles a favor e 24 en contra. Logrou 31 puntos e o 2º posto detrás do Atlético Pontevedrés, acadando así o ansiado ascenso a 3ª División.
 
  O paso pola categoría foi curto e pouco brillante, pero esa xa é outra historia. De propina tedes aquí abaixo unha foto tomada con ocasión dun partido amigable que xogaron veteranos do fútbol ordense (dos que aínda viven algúns) no Nadal de aquel ano 1967.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario