martes, 16 de diciembre de 2025

Bromas de antano

  Nos vellos tempos as bromas eran unha parte importante da realidade social. Non había apenas diversións fóra do duro traballo, así que bromas que hoxe nos parecen dignas de xulgado de garda entón eran moeda habitual.
  Non só producían ledicia momentánea senón que tamén proporcionaban material que contar nas tertulias nocturnas das lareiras ou nas tabernas e as máis notables convertíanse case en lendas porque progresivamente íanse adornando con novos detalles ao longo do tempo.
  Nunha época tan dura onde a maioría da xente era tan seria, os bromistas contumaces formaban unha caste especial, odiada e admirada ao mesmo tempo. Algunhas das súas aduanadas aínda son recordadas e polo tanto os seus nomes. Entre eles había desde mozos trangalleiros como Alfonso Ruibal Canaima que se vestía cunha saba para asustar aos transeúntes nocturnos que pasaban pola actual Vista Alegre, ata un sacerdote: o cura Duro de Montaos, que ás veces sorprendía aos fregueses coas súas saídas.
 
 
OS GHOCEBELLOS
  Unha broma case universal no mundo rural é convencer a un forasteiro da existencia duns animais que só se poden coller de noite no medio do monte. En Castela o nome máis común é gamusinos e en Galicia biosbardos, pero en Ordes sempre se lles chamou ghocebellos.
  A vítima máis notable foi nos anos 10 do século XX un xuíz castelán chamado don Antonio, que andaba normalmente vestido con chaqueta de estopa branca, lazo en vez de gravata e sombreiro de palla cubano, ademais dun reloxo cunha cadea e medallas cruzando o peito. Os mozos algareiros da vila convencérono para ir buscar uns bechos polos que se pagaba moito diñeiro, que logo poderían repartir entre todos.
  Levárono ben lonxe de Ordes ata chegar á Chousa da Muruxosa e déronlle un saco e un caldeiro vello cun rebolo para petar nel. Logo deixárono para supostamente ir encirrar aos ghocebellos que fosen na súa dirección, mentres el quedou berrando a copla tradicional:
"Ghocebello, vente ó rello,
que Xan da Albarda por ti agarda".
  Bourando no caldeiro e cantando estivo ata moi tarde. Cando xa se decatou da broma, camiñou completamente desorientado e quixo a sorte que fose parar a aldea de Gosende. Alí atopou a Dolores Lois (a nai de Manuel Lois) e ao porteiro do Xulgado (tamén castelán) Ricardo Robado que o acompañaron ata Ordes. Conta a lenda que ese día, acompañando ao xuíz, namorouse a parella que acabou casada e vivindo no Recreo. Terían 6 fillos, ata que ela morreu en 1925.
 
ESTEVO DE CESTAÑOS
  O patriarca dos Estevos do Casal foi un gran algareiro.
  A súa cuñada Carmela era pretendida por Andrés, un mozo que ía desde O Alto a Cestaños andando acompañado dunha cadela porque era bastante medoso. Estevo escondeulle a cadela e o mozo tivo que emprender o camiño de volta xa de noite sen ela. Estevo logo atoulle unha caldareta vella ao rabo e soltouna. A cadela saíu correndo seguindo a pista do seu amo e a este, cando oíu o ruído, case lle estoupou o corazón. Non se matou de milagre correndo a todo galope polas corredoiras e chegou ao Alto sen folgos.
  Outra vez fíxolles crer ás mulleres de Cestaños que había Misa do Galo na igrexa de Mercurín. A súa muller, Pilara, dixo que non a perdía por nada. De noite todas xuntas en fila seguindo a unha que levaba un farol parecían talmente a Santa Compaña e todos os que se cruzaban con elas fuxían aterrados. Cando chegaron á igrexa atopárona pechada, así que Pilara rezou o Rosario dando voltas coas outras mulleres polo adro. Os veciños de Mercurín non ousaron achegarse a ver quen eran. Volveron de novo a Cestaños antes de abrir o día e foron recibidas por Estevo cantando coma se fose un galo.
  O seu neto Estevo herdou esa vea. Nos anos 50 morreu Vicente da Ponte e a campá levaba tempo tocando. Estevo viña da vila e a súa muller e nai preguntáronlle quen era o morto. Con total seriedade mentiulles e díxolles que era o xastre Picho que vivía no Recreo. Elas avisaron a outras mulleres do Casal e foron á casa do Picho cubertas con mantóns negros para dar o pésame. Chegaron á eira da casa e alí imaxinade o seu abraio cando oiron a estrañada voz do "morto" berrando: "A onde carallo ides???".
 
O ENTERRO DA PICONA
  A Picona era unha muller anciá que vivía no que hoxe é o Casal 13 camiño do Campomaior. Morreu solteira e sen familia, así que só algúns mozos do Casal foron ao seu velorio e alí quedaron tomando café e augardente. Nun determinado momento Estevo convenceu a Manolo de Mariño para sacar o cadáver da caixa e metelo debaixo da escaleira. Juan Abruñeiras vestiu con roupa dela e co pano na cabeza e logo meteuse no ataúde ao que lle puxeron a tampa. Como tiñan unha boa cantidade de alcol enriba, quedaron durmidos. Cando chegou o cura e os acompañantes para levala para a igrexa pola mañá (nesa época todos os enterros eran a esa hora), sacaron a caixa á eira. Nese momento levantouse Abruñeiras dun golpe dándolle tal susto á xente que moitos deron un berro e case caeron de cu... menos Juan de Barreiro que escapou como un lóstrego ata a súa casa sen sequera tirar a cruz polo camiño do medo que levaba enriba.
  Así as gastaban no Casal naqueles tempos.
FONTE: "Historia viva" de Manuel Rodríguez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario