A feira da vila de Ordes posiblemente teña máis de 200 anos e aínda así non é tan antiga como as da Adina,
as Travesas ou a Grabanxa.
Nas "Memorias
políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de
España", libro de Eugenio Larruga publicado en 1798, menciónanse 5 lugares pertencentes á actual comarca de Ordes que
tiñan feiras mensuais. No que entón era a xurisdición de Mesía había feira na Adina, Poulo, Grabanxa e Mesía, e na xurisdición de Folgoso celebrábase
unha o 1º sábado no propio lugar de Folgoso
(Pereira). Ademais Lestrove (Benza)
-entón da xurisdición de Montaos- tiña 3 feiras anuais, unha delas duraba 3
días (do 18 ao 20 de outubro), outra era o domingo de Quasimodo e outra o 11 de
xuño. Non da comarca, pero moi próxima, era a famosa feira das Travesas -propiedade do Conde de Altamira-
que se celebraba o 1º domingo de cada mes.
Recordemos que naqueles tempos Ordes era unha
das parroquias máis poboadas da contorna pero aínda non era capital. A feira
debeuse crear a partir de 1812
porque nese ano foi autorizada polas Cortes, como podemos ver no seguinte
documento.
ORDEN
En
que se concede la celebración de ferias a algunos pueblos de la provincia de
Galicia. Las Cortes generales y extraordinarias, en vista de las instancias
hechas por los vecinos de la feligresía de Santa María de Órdenes en el
partido de Santiago, y los de la feligresía y coto de Mercurín en el de La
Coruña, ambos en la provincia de Galicia, que el antecesor de V.S. nos
remitió de orden de S.A. en oficio de 29 de enero último, han resuelto: Que
la Regencia del Reino expida las ordenes correspondientes, a fin de que los
expresados vecinos puedan celebrar una feria mensual, los de la feligresía de
Santa María de Ordenes en los miércoles de la segunda semana de cada mes, y
los de la de Mercurín en los lunes de la primera; y al mismo tiempo han declarado
por punto general que S.A. permita la celebración de ferias y mercados, sin
exención de derechos, a todos los pueblos que lo soliciten, siempre que lo
estime oportuno/oyendo antes á la Diputacion provincial. Y de orden de
S. M. lo comunicamos á V. S. para inteligencia de la Regencia del Reino, y
que disponga su cumplimiento. = Dios guarde á V.S. muchos años. = Cádiz 22 de
Febrero de 1812. = Josef Antonio
Sombiela, Diputado Secretario = Josef
María Gutiérrez de Terán, Diputado Secretario. = Sr. Secretario interino
del Despacho de Hacienda.
|
Non
sabemos o que pasou coa feira de Mercurín, pero a de Ordes prosperou. Nalgún
momento ao longo do século XIX cambiou aos domingos. Nunha sesión do Concello de 1871 menciónase unha feira celebrada o 2º domingo do mes. En 1882 creouse un mercado o 3º domingo. En 1891 sabemos que tamén o había o último domingo do mes. En 1900 segundo o
libro "Historia comercial de La
Coruña" de Francisco Tettamancy Gastón, mentres a Adina e Poulo tiñan
unha feira ao mes, en Ordes había dúas (os terceiros e últimos domingos) con
moito gando e "froitos do país". En 1906, segundo El Correo de
Galicia, a feira ía ter periodicidade semanal, pero iso non sucedeu. Un decreto de 1922 pretendendo favorecer o descanso dominical obrigou a que o Concello tivese que xustificar a súa tradicionalidade para evitar o cambio de data. En 1928 foron autorizadas as tres feiras semanais que había en Ordes, o 2º domingo (denominada "Poulo" porque se trasladara desde esa parroquia), o 3º domingo ("Araña") e o último domingo ("Nova").
Durante moito tempo a feira e o xulgado foron
os focos do crecemento ordense. A economía da vila dependía deles ata tal punto
que case todos os comercios eran tamén casas de comidas para acoller a tanto
visitante. Os domingos de feira unha riada de xente de media comarca chegaba a
Ordes. Os das aldeas máis afastadas viñan andando en grupos polas corredoiras e
os campesiños máis ricos montados en bestas ou asnos. Na maioría das fachadas
había argolas onde se podían deixar atados os animais, pero outros quedaban nas
cortes dos amigos. Conforme foi avanzando o século tamén se sumaron os
viaxeiros en autobús. Ademais dos locais Cotovío e Rogelio, viñan Plácido de
Santiago, Modesto da Sionlla, o Invencible de Oroso, Había de vir e veu dos
Carballos, de Mesía, de Abellá, La Luna, Arturo Míguez da Coruña, Ramón da
Ponte de Carral...
Era un non parar. Algúns comerciantes xa
chegaban antes da saída do sol. Os que traían gando poñíanse na parte baixa do
campo da feira, o que hoxe é o parque infantil, mentres o resto ocupaba a zona
máis próxima á Alameda. Alí podíanse atopar desde panos, teas e calzado ata potas,
ferramentas e apeiros. Ata viñan oleiros de Buño que deixaban o seu material na
casa de Baltar. Moitos dos comerciantes da vila como Víctor e Guillermo do
Capitán tamén ese día poñían posto na feira.
As mulleres campesiñas levaban o cesto na
cabeza onde traían queixos, penlas de manteiga envoltas en verzas, ovos,
galiñas... vendían o seu xénero na súa sección (a feira do cesto) e logo deixaban
as cestas nalgún lugar como a casa dos Pedreira, para poder dar unha volta polas
outras seccións, facer as súas propias compras e desfrutar das charlas coas
amigas ou do moceo.
Os litigantes no xulgado consultando aos
avogados, os que querían facer xestións, os pacientes dos médicos... todos
viñan o domingo para aproveitar despois e pasar pola feira. De feito o
compoñedor de Santaia, o sr. José Seoane, ou o sacamoas de Leobalde, o sr.
Louzao, tamén vinan pasar consulta ese día.
Moitos levaban chourizo ou queixo, compraban
algún molete e comían xa na feira. Por unha perra de cobre bebían un tanque de
auga doce con limón que o augador levaba pola feira adiante nunha barrica de
zinc forrada de cortiza e atada cunha correa, mentres berraban: "¡Agua limonada, que se toma sin gana!"
Comprárase ou non, vendérase ou non, sempre
se podía un divertir coas numerosas atraccións que había no lugar. Diante da
casa de García Rivas (que logo sería o Nogallás) estaban tres ou catro fotógrafos
con panos pintados de cores rechamantes como fondo das fotografías. Sentados
nas escaleiras do cruceiro (que entón estaba na Alameda) o cego do acordeón e a
súa compañeira cunha bocina de folla de lata cantaban historias de crimes que
tamén se podían comprar en papel. Ao lado do cárcere (no lugar que despois
ocuparía a Casa do Concello) estaba o paxariño. Por un patacón o paxaro saía á
porta da gaiola e collía co peteiro un papeliño de cores nunha caixiña. Case sempre as clientas eran mozas
que o lían con ilusión. Logo continuarían paseando cos seus mozos.
Argentina, a somnámbula, cos ollos tapados
adiviñaba a roupa que levaba unha persoa e logo predicíalle o futuro. Mario era un charlatán e mago moi
elegante que facía trucos. Non faltaba tampouco o cartuxeiro
que tiña un cuarto alugado a Cándido o taberneiro no que hoxe é o pub a carón
do Banco de Santander. Cándido falaba cos clientes e logo aparecía o cartuxeiro
que "misteriosamente" xa sabía que enfermidade padecían. Por certo
que Cándido tiña unha filla moi guapa á que sempre lle dicía:
- ¡Conchita, date a valer, que tú puedes!
Moitos durmían na vila esa noite ou a anterior e outros moitos
comían nas tascas e comercios. Como pasa agora nas festas, moita xente
traballaba de reforzo neses lugares, gañando máis ese día que ao longo da
semana. Algúns clientes pasábanse cos ribeiros e abandonaban a vila con certa dificultade.
E se algo non se podía
facer ese día sempre se podía volver ao domingo seguinte.
Nos anos 60, concretamente o 19 de abril de 1967, a feira
trasladouse definitivamente aos mércores. A pesar da polémica o cambio de día
non afectou moito. A principios dos 70
cambiou de ubicación ao campo actual e seguiu tendo moito éxito durante toda esa
década. Logo as cousas irían cambiando e aqueles tempos de esplendor son agora
un bonito recordo dos máis maiores.
Agradecementos a Carlos Calvo pola información sobre este
tema.
No hay comentarios:
Publicar un comentario