En 1940
podía haber penurias pero a xente estaba contenta do final da guerra e Ordes é
inseparable da troula, así que temos novas de varias das festas que se
celebraron.
En maio o Santísmo Sacramento congregou a moita xente na igrexa parroquial. A misa contou co sermón do padre Josafat, un pasionista da Residencia de Melide, e os cantos do profesor de música da Escola Normal e da Sociedade Económica de Amigos do País Jesús García Giménez que tamén tocou o armonio.
Non podía faltar o Corazón Délfico en xuño
con moita asistencia á igrexa e misa final o 29 dese mes. Tres días antes celebraron a festa na Rúa de Buscás.
En
xullo foi a quenda da festividade do Sagrado Corazón. Na misa solemne predicou o franciscano Bernardino Lago e novamente cantou e tocou García Jiménez. O Santo Sacramento estivo exposto
á pública adoración, sendo velado polos socios do Corazón de Xesús. Pola tarde
tivo lugar a procesión, na que portou o estandarte o alcalde Arturo Pérez Loureiro
flanqueado polo secretario do concello Ángel Concheiro Iglesias e o tenente de
Sanidade Militar Enrique Babio Calleja. Seguíanos dúas filas de fieis, co apoio
musical dos restos da banda de música local e o "coro de señoritas"
que ían cantando motetes. Recolleuse cera de abondo para custear os gastos da
festividade. Ademais celebraron a primeira comuñón Rosarito e Pepito, os "anxelicais
fillos" do xuíz de primeira instancia Samuel Roberes García.
O 3º domingo do mes tivo lugar a festa de
Santa Margarida nos Carballos, parroquia de Deixebre, que estaba dirixida polo
párroco don Pedro
Tojo Carneiro.
Como todos os anos por aquelas datas Ordes
estaba cheo de veraneantes, entre os que destacaban o tenente Enrique Babio
Calleja coa súa muller Paquita Sánchez Martín, irmá do interventor do Banco de
España Enrique Sánchez Martín (casado con Asunción Concheiro), a familia da viúva
de Cordido da Coruña, o tenente coronel Eloy Soto Menlle (irmán da mestra doña Juanita)
e o sacerdote don Felipe Gómez Muñoz, párroco de Santa María do Camiño e San
Bieito do Campo ademais de capelán de Ánimas na catedral.
Había moitos que viñan todos os anos, como
Consuelo Puertas Roa, viúva de Nine,
que traía ás súas tres fillas (dúas delas casarían para Ordes en 1942). Outro habitual era
o avogado José Mª Méndez Gil Brandón, que viña coa súa muller Mª Miranda
González del Valle, e que tiña construída na vila unha casa señorial (a carón
do que agora é DIA). Por certo que ese
verán non foi moi bo para el porque rompeu unha perna estando en Ordes. Outras
que non faltaban eran as "señoritas"
de Carrero Cárdelo (as Marcialas) que
regalaron panos e estampas de santos aos rapaces da escola para animalos nos
seus deberes relixiosos.
En agosto as festas patronais duraron... 5 días! (do mércores 14 ao domingo 18 como
nos mellores tempos). Non podía faltar un elocuente orador sagrado para
predicar os sermóns e a orquestra do mestre García Jiménez, máis dúas bandas de
música e unha gaita do país.
Dentro das actividades lúdicas nas festas
destacou un partido de fútbol contra o "potente" equipo de Sigüeiro,
que estivo amenizado polas dúas bandas de música contratadas. O partido foi moi
emocionante, merecendo os lances do xogo moitos aplausos do público, pero ao
final caeu do lado dos visitantes que venceron por 5 a 4. En setembro celebrarían a revancha en Sigüeiro, da
que non teño noticias. Os xogadores daquel equipo orosán eran: Liñares,
Castro I, Balado I, Martínez, Balado II, Castro II, Barreiro, Castro III,
Barreras, Pais e Fernando.
Finalizaron as festas cun concurso de gando e
premio aos mellores exemplares.
En setembro non podía faltar a festividade da
Mercé na Calle de Poulo, custeada polo coadxutor da parroquia de Ordes, pero nativo de Poulo, don Domingo
Barbeito Veiras, que contratou a unha
"afinada" banda de música e
adquiriu unha boa cantidade de fogos de artificio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario