No ano 1940
o alcalde, que naqueles tempos por mor de vir da Guerra Civil, tiña un poder
enorme (como se demostraría o ano seguinte cando cruzou as leiras das familias
máis importantes de Ordes coa nova rúa Generalísimo),
era o militar retirado Arturo Pérez Loureiro. O secretario do
Concello era en 1939 Ángel Concheiro Iglesias, pero en 1942 chegaría o seu tío de igual nome, Ángel Concheiro Rodríguez, que se xubilaría en 1951. O xuíz de 1ª instancia era José Samuel
Roberes García, secretario do xulgado Ubaldo Rivas Martínez, rexistrador da
propiedade Jesús Pintos Vázquez Quirós. O notario era Salvador Freijedo Sáinz, que marcharía xa en 1941. En 1942 sería nomeado Alfonso Leirós Fernández, este si de longa traxectoria na vila.
Julio Pol Caamaño, gran propietario
e un dos personaxes máis importantes da historia de Ordes durante o 1º terzo do
século XX, tiña 80 anos e morrería ao ano seguinte. Manuel García Bermúdez (m.1944),
banqueiro e comerciante moi rico, tiña 83, pero no seu caso xa empezara a tomar o relevo o
seu neto Manuel Concheiro García, director naquel
momento do Banco Pastor e futuro fundador de Macoga. O outro banco que había, o
da Coruña era dirixido por Segismundo Viqueira Mundito.
Juan Liñares Iglesias, ex-alcalde,
igual que Pol e Gª Bermúdez, era bastante máis novo (55 anos) pero pronto se
marcharía para a Coruña. Un dos seus fillos, o avogado Juan
Liñares Castro, era neses momentos secretario da Falange e sería alcalde no futuro.
Completaban a nómina de avogados importantes
da vila Juan Amigo Iglesias (familiar dos anteriores), Benigno Concheiro García (m.1944), Celestino e Jaime Concheiro Iglesias (m.1945), e Manuel Astray Mato (avó de Nel Astray).
O médico forense era Antonio
Concheiro Rodríguez (m.1942), de 64 anos. O seu fillo Antonio
Concheiro Iglesias fora alcalde nos primeiros
anos da República e volvería a selo no futuro. Da familia Liñares tamén era
médico Francisco Liñares, que morrería
ao ano seguinte.
A propietaria da farmacia de arriba era Josefina Carballido (viúva de Santiago
del Río) e Manuel Álvarez del Río (m.1949) era o da farmacia de abaixo.
O mestre de maior antigüidade Nicolás
del Río, xa con 66 anos, era moi respectado, en cambio non
espertaba simpatía en moitos sectores o párroco Ramón Mosteiro Ferro, que de todos
modos só botaría 3 anos máis na vila. En 1944 viría don Joaquín Andrade, que estaría ata mediados dos anos 50.
O maior empresario e comerciante era Fernando
Liste Mosquera Fernanducho, entón con 39 anos e moita
vida por diante. Outro moi importante pero xa maior (71 anos) era Ramón
Faya Fernández (m.1945), o propietario da fábrica de curtidos. Pedro
Pardo Fandiño, de 53 anos, tiña unha empresa de obras públicas pero
case toda a súa actividade era lonxe da vila. Despois de traballar con el, en 1940 fundou a súa propia empresa Ramón Carro Fernández, pai do Carro fundador de RCR. Os transportistas principais eran
Antonio
Álvarez o Cotovío e Rogelio
Prado Carnota que empezaba a súa decadencia pola presión que sufría
dos Foucellas.
Un dos comerciantes máis importantes era José
Mariño García (m.1947) que xa tiña 60 anos e que a finais da década sería substituído
polo seu fillo Manuel Mariño Vilela. Outro dos seus
fillos, Rafael Mariño Vilela, establecido no Recreo, sería alcalde
durante algún tempo. No norte da vila eran moi importantes Mariano
Amado Ferreiro e os irmáns Juan
e Manuel
Calvo Pérez, herdeiros da ferraxería. Outros comerciantes naquel
momento eran Antonio Verea Fandiño que tamén tiña un taxi, Ramón
Prado, e en Alfonso Senra Manuel Barreiro Uzal (que pronto marcharía para a Coruña), Francisco Vilar o
Chocolateiro, Julián Marcos Arenas e outros varios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario