Ramón García naceu na parroquia de Olas (Mesía) no ano 1937. Os seus pais eran Andrés García Sánchez e María Francos Rodríguez (1912-1992), matrimonio que tivo
7 fillos: José, Ramón, Emilio, Pilar, Aurelio, Jesusa e María del Carmen García
Francos.
Ramón casou con María Gómez Mosquera, a maior dos tres fillos de
Manuel Gómez Sánchez e Manuela Mosquera Uzal. O matrimonio tería dous varóns: Manuel e Sabino García Gómez.
Como tantos outros homes da Galicia rural Ramón emigrou, no seu caso á
capital de Francia, Paris, no ano 1965. Alí estivo durante 11 anos e aprendeu o
oficio de carpinteiro.
Retornou a Galicia en 1976 e montou xunto á súa muller un pequeno
taller a carón da súa casa en Campo (parroquia de Mesía) de apenas 90 metros cadrados.
Comezou a facer traballos e reformas sobre todo na área da Coruña.
Ata aquí era a historia tantas veces vista de
emigración e retorno para montar un negocio co que vivir sen apertos ata a
xubilación. Pero o seu destino cambiou a principios dos anos 80 cando estaba
reformando un hotel coruñés. Comentáronlle que había un home que estaba buscando carpinteiros para
montar varias tendas de moda. Aquel home era Amancio
Ortega, o xefe
de Inditex, e Ramón García foi quen aceptou aquel encargo.
Da poderosa man de Inditex a pequena carpintería de Ramón foi medrando e
aquel primeiro anexo rematou por converterse nunha gran factoría de 8.000 metros cadrados
que acolle as diversas seccións de fabricación.
Despois de facerse con Stradivarius en 1999, o grupo Inditex volveu a
confiar en Ramón García. No ano 2004 recibiu máis encargos para abastecerse de
traballos de carpintería e foi neste momento que naceu a 2ª empresa do grupo
"M.C. Mesía SL".
Neses anos, de 2003 a
2007, tamén foi membro da Corporación
Municipal de Mesía formando parte do grupo de goberno e colaborando a súa
empresa economicamente cos clubs do concello e en xeral con todo tipo de
eventos solidarios.
No ano 2012, momento de crise económica, Ramón García anunciou que, sen abandonar
Mesía, instalaríase tamén en Ordes, o que foi recibido como auga de maio no lugar.
Efectivamente, pouco despois comezou a construción dunha nave de 22.000 metros
cadrados que sería o seu centro loxístico.
No ano 2018 a empresa inaugurou outra factoría
no estado de Querétaro (México) desde onde atenden o mercado de América do
Norte e do Sur. Alí traballaban 80 obreiros que,
xunto aos 250 da comarca, sumaban un total de 330 empregados (hoxe xa son máis).
A empresa diversificouse aínda que os seus
principais clientes seguen estando dentro dos campos da moda e a hostalería.
Nos últimos anos Manuel e Sabino García, que con 14 anos xa estaban axudando no
taller, tomaron o mando, aínda que Ramón supervisou ata o último alento.
Gustáballe a gaita e a música de Los
Satélites, visitar as plantas da compañía en Ordes e Mesía e ensinar aos
visitantes algúns secretos do traballo de carpintería. Acostumaba rematar a
visita con un «non sei como
chegamos ata aquí»
co que apenas lograba disimular o orgullo polo traballo dos seus dous fillos.
Morreu repentinamente o 25 de decembro de 2021 aos 84 anos de idade (curiosamente
a súa nai tamén falecera polo nadal o 23 de decembro de 1992 en Olas). O seu
enterro foi un dos máis concorridos da historia de Mesía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario