2022 foi un ano excepcional. Xa empezou cunha madrugada
tropical o 1 de xaneiro que parecía estar a anticipar toda a calor que viría
despois.
TEMPERATURA
2022 foi sumamente caloroso, cunha media de 14,9 ºC e unha anomalía
positiva de máis de 1,4 graos con respecto aos valores esperados. Hai que
remontarse a 1961 para ver cifras
tan altas. De feito a temperatura media de cada provincia española foi a máis
alta da historia, agás no caso das Canarias, como podedes observar no seguinte
mapa (premede para ver máis grande).
O verán será lembrado como o máis cálido
desde que existen rexistros. Galicia, como o resto de Europa, foi vítima dunha
«megaonda de calor», un episodio de temperaturas extremadamente altas que se
prolongan no tempo e abarcan unha extensa área. A anomalía positiva foi ata de
3 graos.
As máximas foron infernais, sendo o día 14 de
xullo o máis caloroso*. Nesa mesma data tamén se viviu un raro evento chamado «Sistema
Convectivo de Mesoescala» xerador dunha área tormentosa do tamaño de Galicia que
deixou máis de 6.000 raios!!! en 4 horas.
Esa tormenta acendeu a mecha doutra vaga de
incendios que deixou varias vítimas e miles de hectáreas de bosques queimadas.
As condicións dese mes de xullo non se
esperaban ata o ano 2049 no peor escenario de cambio climático.
PRECIPITACIÓNS
Se algo quedou en evidencia no 2022 é que o
clima é cada vez máis extremado. Durante os primeiros nove meses do ano houbo
unha ausencia moi importante de choiva que, combinada coas altas temperaturas,
provocou unha intensa seca. De feito, o déficit de choiva de Galicia en
setembro (-35 % e nalgunhas zonas mesmo do -50 %) era o máis alto de España.
Pero a partir da segunda quincena de outubro,
sen termo medio, pasouse da ausencia de auga á abundancia. Durante tres meses
seguidos caeu tanta choiva que Galicia non só superou a seca, senón que acabou
o ano con ríos a piques de desbordar e co nivel dos encoros recuperado.
Aínda así o volume total de choivas, 1.200 litros por metro
cadrado, foi un 7 % menor que a media dun ano normal.
*
Practicamente toda Galicia superou os 35ºC. Unha decena de localidades chegaron aos
40 e a cidade de Ourense, por primeira vez na historia, rexistrou 44ºC (preto dos 44,2 que houbo
en Leiro o 7 de agosto de 2016 -récord galego-). Dentro da miña casa o termómetro
marcou ese día 28,5ºC
cando o máximo foran 27ºC
noutros días de veráns anteriores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario