Moi antigamente os zapateiros fabricaban os
zapatos, botas ou zocos no seu taller. Compraban o material, tomaban medidas do
pé e deseñaban o calzado ao gusto do cliente. Ás veces, en lugares onde chovía
moito, poñíaselles aos zapatos o coiro coa parte de dentro para fóra co
obxectivo de logo que se lle puidese untar algo de graxa, escorregase a auga e non
se mollasen os pés.
  A finais do primeiro terzo do século XX xa
era raro que os zapateiros creasen o calzado, que viña feito de fábrica, e
quedaron limitados á súa reparación. O que si seguiron facendo foron os zocos
dos campesiños ata que este calzado deixou de ser popular.
  Instalados
no seu taller co indispensable mandil, os zapateiros tiñan multitude de
ferramentas: martelos máis ou menos grandes, cravos, tenaces, coitelas para o
coiro e ferro para afialas, agullas (ou máquina de coser), fío, un molde para o
calzado... 
  Para facer os zocos tiñan un cepo. A madeira
das solas labrábana cunha macheta, logo cunha trencha facían a xabreira onde se
axustaría o coiro e cunha gubia e unha rasqueta deixaban a sola ben fina.
Colocaban logo o coiro para a empeña e o talón.
  Emparentados cos zapateiros estaban os
albardeiros, que facían as albardas para bestas, asnos e cabalos. Tiñan as
mesmas ferramentas porque a fin de contas ambos os dous oficios traballaban o
coiro.
  Un lugar onde houbo multitude de zapateiros
foi a vila de Noia. A localidade
chegou a ter... ata 44 fábricas de
curtidos! o que propiciou a instalación de máis de 60 talleres de fabricación
de calzado e outros 50 de reparación. Así que non é extraño que moitos deles
emigrasen a otros lugares menos saturados.
  Un deses lugares foi Ordes* onde a principios
do século XX viñeron os irmáns Ramón
e José Faya
Fernández que montaron fábricas de curtidos, a principal no Recreo e
outra en Reboredo.
  Tamén veu o zapateiro máis famoso da vila, Manuel González Romero o
Capitán, que fabricaba zocos e vendía calzado nas feiras. Casado con Manuela Faya Fernández (si, irmá dos
curtidores) tivo seis fillos: Manuel, José, Carmen, Guillermo, Víctor e Blanca
(m.1942 con só 21 anos). 
  Os fillos varóns tamén foron zapateiros.
Manuel González Faya (1902-1976), casado con Benigna Álvarez, acabou sendo
mestre nacional. José tivo unha zapatería no Orzán. Guillermo (1918-2005) casou
con Amable Abeijón. O máis coñecido de todos foi o irmán menor Víctor González Faya.
  De Noia era o zapateiro e logo rico
comerciante Antonio Amado Amado
(1869-1934). que se instalou no que hoxe é Alfonso Senra 34 (onde agora está o
bazar do chino Hongy Zhang). O seu comercio competía co de Mariño na Rúa dos
Lagartos por ser o máis grande e importante da vila. O seu fillo maior, Mariano Amado
Ferreiro (1909-1980), foi zapateiro antes de marchar a Santiago onde
instalou o seu propio comercio. 
  Tamén
de Noia viñeron os tres irmáns Agraso. O zapateiro Emilio Agraso Olveira
(1921-1994) casou con Esther Regos Viqueira, unha das fillas de Angustias. Emilio, o único fillo do
matrimonio, non continuou coa tradición e foi oficial da Mariña.
  Unha excepción foi José Castro Castro Pachiro que viviu no Paraíso nunha casa que
mantén aínda o seu aspecto antigo e que era de familia ordense.
  Outros nativos foron José García Calvo (1920-2009),
casado con Dorinda López Recouso (filla do burraxeiro de Loureda), que tivo o seu taller en Alfonso Senra 1, e Manuel Castro
Sánchez (1930-2023) o Zapateiro de Guindibón.
  Pero un dos máis coñecidos e non tanto polo
seu traballo senón polas anécdotas que protagonizou foi Estevo, o Zapateiro da Portela (Leira).
Bebía moito cando viña á feira de Ordes e dicía frases que quedaron na memoria:
 -O Zapateiro da Portela, quen fixo o ceo fixo
a Terra.
 -O coiro da a metade... pero hai que saber
estiralo.
 -Os meus fillos son moi listos. Saben ler a letra
pequena.
 -Non teño nin pai nin nai pero arréglome o mesmo (cando xa era vello).
Unha vez, na
esquina da casa de Moar fronte á Casa do Concello, atropelouno un coche. Os
viandantes, asustados, foron ver como estaba e viron que se levantaba como se
nada berrando en voz alta:
 -Eu os coches pároos co cú!
* Familias que viñeron a Ordes desde Noia son os Faya, González,
Romero (os de Julián), Abeijón, Amado, Nine e Gago. 



No hay comentarios:
Publicar un comentario