As festas patronais de 1953 duraron 4 días e contaron coa actuación da histórica Banda
de Música de Merza (Vila de Cruces) fundada en 1928. Tamén veu a Orquesta Poceiro de Pontevedra, unha gran
formación fundada en 1943 por Benito
Poceiro e que estaba constituída por 13 sensacionais músicos. Aínda existía co nome de Poceiro Big Band en 2017, ano no que cesou a súa actividade.
O venres 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio
oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros do
país percorrían as rúas ao son das gaitas. Ás 7 da tarde fixo a súa entrada na
vila a Banda de Merza con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda, iluminada como outros anos
polo industrial pontevedrés Miguel Romero, comezou a verbena amenizada
pola banda e anunciada con estrondo por "infinidade" de bombas e
foguetes.
O sábado 15, día grande, ás 8 da mañá unha salva
de potentes bombas espertou aos ordenses. Unha hora despois a banda de Merza e
gaiteiros do país percorreron as rúas tocando alegres dianas e alboradas. Ás 11
os gaiteiros acompañaron aos xigantes e cabezudos paseando polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne que acabaría coa
procesión presidida polas autoridades. Ás 2 da tarde tivo lugar o concerto
da banda e da Orquestra Poceiro na Alameda.
Ás 6 da tarde houbo un gran evento: o
primeiro partido no novo estadio (aínda en obras) Vista Alegre. Era o 2º Trofeo Viriato polo que competiron o FC
Bergantiños de Carballo co equipo local. A semi-inauguración non puido ser
mellor pois, no medio do delirio do público, o equipo local fulminou por 4-0 ao
Bergantiños.
A continuación na Alameda houbo festa
vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás 11 da noite
reiniciou de novo a música e o baile.
O domingo 16, día de San Roque, copiou ao
anterior. Ás 9 volveu saír a banda e ás 11 os xigantes e cabezudos. Misa
solemne tamén ás 12 pero a música xa se adiantou á unha. Ás 6 da tarde
houbo de novo partido de fútbol. Nesta ocasión disputouse un trofeo doado pola
casa Monplet e o equipo rival sería o Arzúa FC, un equipo máis forte que puxo
en apertos ao Órdenes pero que acabou
sucumbindo tamén por 2-1, o que alegrou aos seareiros. Ás 8 repetiuse o baile.
A festa nocturna contou ademais con fogos artificiais dos famosos industriais irmáns Rocha
de Oza dos Ríos. Como en días anteriores
multitude de bombas e elevación de globos grotescos anunciaron o final da
verbena.
O luns 17 a banda xa saíu ás 10 da maña e a sesión vermú adiantouse ás 11. A tarde quedou reservada para os divertidos xogos daquela época: carreiras de cintas, de sacos... e outras varias que facían a delicia dos asistentes. Ás 11 da noite a última verbena despediu aquelas alegres festas.
En 1953 por primeira vez La
Voz de Galicia dedicou un especial ás festas patronais de dúas páxinas completas. Nelas, ademais do programa, aparecía a típica
entrevista co alcalde Juan Liñares, unha descrición da vila e as súas novas construcións, unha reportaxe sobre o
equipo de fútbol, a habitual colaboración de Manuel Astray e algunhas curiosidades
como un apuntamento sobre Manolo do Nacho e unha sección chamada "Encantiños Ordinenses" con fotos de dúas
belezas da época das que non pon o nome, así que premio para quen as recoñeza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario