TEMPERATURA
En ESPAÑA,
segundo a AEMET, 2023 foi o segundo
ano máis cálido da serie histórica, lixeiramente por detrás do 2022. Os dous foron os máis cálidos
desde polo menos 1916.
Houbo
90 días cunha temperatura media situada entre o 5% das máis altas rexistradas
historicamente para esas datas. Pola contra só cinco días estiveron entre o 5%
dos máis fríos para o normal na época, cousa que ocorreu durante o único
episodio frío destacable do ano, entre finais de febreiro e comezos de marzo.
Produciuse unha onda de calor entre o 17 e o
25 de agosto (9 días) intensa e extensa pois afectou a 39 provincias onde se
bateron 39 récords de temperaturas máximas e de mínimas moi altas, como o 23 de
agosto, cos 44ºC de Bilbao ou os 29,4ºC de mínima en Barcelona. En Canarias
viviuse outra onda entre o 2 e 17 de outubro, extraordinaria pola súa duración
(16 días) e polo seu carácter tardío. El Hierro alcanzou os 35,5ºC, a
temperatura máis alta desde que existen rexistros na illa. Igualmente no
municipio de Guía de Isora (Tenerife) o 12 de agosto rexistrouse unha
temperatura mínima de 37,2ºC, récord español desde que hai rexistros. Tamén en
abril e a mediados de decembro houbo períodos esaxerados de calor. En Málaga
alcanzáronse os 30ºC o 12 de decembro, a temperatura máis alta rexistrada na
España peninsular ese mes en toda a serie histórica.
En GALICIA a temperatura media foi de 14,9ºC.
Soamente xaneiro, febreiro e curiosamente xullo pódense considerar meses
"normais" (de feito o comezo de ano foi bastante frío), pero todos os
demais meses foron cálidos ou moi cálidos, destacando xuño e outubro. Non
obstante a zona máis afectada foi o norte das provincias da Coruña e Lugo,
mentres no sur as temperaturas estiveron máis preto das súas medias habituais. Na comarca de Ordes a variación media alcanzou + 1ºC
sobre a media histórica.
PRECIPITACIÓNS
En ESPAÑA 2023 foi un ano moi seco, o 5º menos
chuvioso desde 1961 e o 4º do século XXI. Especialmente a primavera foi a 2ª
máis seca da serie histórica, aínda que un verán algo máis húmido do habitual
compensou algo a situación.
Isto
ocasionou que Cataluña e as concas do Guadiana e Guadalquivir padezan unha seca
alarmante que vén desde 2016, e aínda que as secas dos anos 80 e 90 foron máis
intensas no sur peninsular non se prolongaron tanto como a actual.
A
pesar diso, non faltaron episodios como a borrasca Juliette que provocou nevadas en Baleares en
febreiro, a DANA de setembro con 7 falecidos e choivas torrenciais
en boa parte da península, a borrasca Aline que provocou a maior precipitación en
Madrid nun día desde 1860, ou a borrasca Bernard (case un ciclón subtropical) en
Andalucía.
As
precipitacións estiveron moi desigualmente repartidas porque Galicia e a zona
centro, en cambio, tiveron auga para dar e tomar. A precipitación media en GALICIA foi de 1.560 litros
por metro cadrado, ou sexa un 21 % máis alta do normal. Para atopar outro ano
similar hai que ir ata o 2000, o inverno
sen fin. De feito o outono e o final de ano foron tan chuviosos que as
cidades de Pontevedra e Ourense romperon o récord de días seguidos sacando o
paraugas. Noutras cidades como Ferrol, Vigo, Santiago, Lugo e A Coruña, aínda
que non se superou o número de días, si o fixo o numero de litros por metro
cadrado acumulados.
Como podedes ver perfectamente no mapa,
na maior parte da comarca de Ordes caeron máis de 1.800 litros por metro
cadrado, chegando no oeste de Trazo e Tordoia a sobrepasar os 2.200 litros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario