miércoles, 7 de agosto de 2019

Paseo do Río Mercurín


  O paseo do Río Mercurín foi inaugurado en decembro de 2009, pero a súa historia vén de moito atrás, de finais do século XX.
  Xa nos plenos do ano 1999, época na que era alcalde Teodosio Martino, aparecía a intención de facer un paseo fluvial nas deterioradas marxes do río Mercurín. No ano 2000 o proxecto comezou a tomar forma e era moi ambicioso: pretendíase facer un longo paseo que chegase desde a depuradora das Casillas ata a aldea de Vilaverde, Contando para iso cunha achega económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de 900.000 euros.
 

  Pronto chegaron os primeiros atrancos. No ano 2004 seis dos 9 propietarios dos terreos afectados na zona do Recreo protestaron contra o alcalde que, segundo eles, pretendía que cedesen as propiedades a cambio de nada. Loxicamente a oposición (especialmente o CDI de Roberto González, inimigo político e persoal de Martino) apoiou aos propietarios.
  En setembro de 2005 deuse un primeiro paso adiante ao derrubar o vello matadoiro que estaba en estado ruinoso e encima do leito do río, o que permitiu despexar unha zona dese futuro paseo. Non se avanzou máis nesa lexislatura.
  En maio de 2007 tiveron lugar as eleccións municipais que supuxeron a caída de Martino e a chegada á alcaldía de Manuel Regos. Disposto a deixar a súa pegada na vila comezou unha política de grandes obras e festexos acompañado do seu antigo rival e agora aliado Roberto González.
  Unha desas grandes obras sería o paseo fluvial, pero prudentemente apostou por un proxecto menos ambicioso e problemático que o orixinal, empezando por acondicionar a zona (uns 400 metros) entre os muíños da Silva (o do Campo da feira) e o da Braña. Agora os atrancos chegaron por parte do BNG e ADEGA que denunciaron ao concello por unha talla ilegal de árbores en outubro de 2008.
  Por fin as obras iniciaron en febreiro de 2009. A inauguración tivo lugar o 30 de decembro dese mesmo ano e nela estivo presente o responsable territorial da Consellería do Medio Rural Enrique Luis Salvador Sánchez.


  Así unha zona degradada, en total estado de deterioro, que nalgúns lugares funcionaba como vertedoiro converteuse, grazas a un investimento de 450.000 euros da Consellería de Medio Rural, nun pulmón verde para a vila e nun espazo de lecer para os máis pequenos porque contaba cunha área recreativa con parque infantil.
  O atractivo do lugar subiu no verán de 2010 cando o Concello trouxo novos habitantes para a insua no medio do río. Unha pequena cantidade de cabras marroquís, parrulos, ocas e ata un cisne (posteriormente trouxéronlle unha compañeira) contribuíron a humanizar o paseo (curioso que as aves "humanicen" mentres moitos humanos "animalicen"). O encargado do lugar era Francisco Pallas.


  O paseo tivo un enorme éxito. En 2014 despexouse e botouse rebo nunha zona duns 900 metros que chegaba ata estrada que vai do Casal a Vilaverde. Deste xeito os amantes das longas andainas tamén comezaron a utilizalo.  
  En novembro de 2015 pasou a chamarse Paseo Ramiro Recouso en recordo do concellal do BNG falecido uns días antes, pero como pode supoñerse o nome popular segue sendo "Paseo do río" ou "Paseo dos patos".
  En outubro de 2019 cementouse de novo e ancheouse o camiño preto do muíño da Braña e colocáronse novos bancos ao longo de todo o percorrido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario