Ao contrario que os fitotopónimos -topónimos
derivados de nomes de plantas- que son moi abundantes (máis do 20 % da
toponimia maior no noso concello) os zootopónimos son bastante escasos a pesar
da importancia de moitos animais na vida humana. De feito atopamos menos de 10
lugares cun nome procedente dun animal.
As Pombas é unha pequena aldea ao oeste
da Rúa de Buscás. Apenas hai 300
metros desde as súas casas á igrexa de San Paio. Está
asentada nunha suave pendente que baixa ata o río Cabrón. Non é difícil
imaxinar as leiras sementadas recibindo a visita destas aves, que sempre
simbolizaron a paz desde a lenda de Noé no Antigo Testamento. A palabra procede
do latín palumba "pombo, ave silvestre", pois os romanos
chamaban ás domésticas columba. A distinción perviviu na lingua de Oc
pero nas demais linguas romances só sobreviviu unha forma. En galego e castelán
quedou palumba que derivou en pomba e
paloma, mentres ás aves silvestres
chámaselles pombo e paloma torcaz respectivamente.
Tamén no oeste da parroquia de Buscás está A
Tiopeira, a case 1.500 metros por
estrada da igrexa e a uns 700 ao leste da estrada N-550. Tiopeira (toupeira en
galego normativo) pode significar que era un lugar onde había moitas toupas ou
que a orografía se asemella á do montículo de terra que eses animais sacan ao
exterior cando escavan as súas galerías. A palabra toupa (que na variante local
cambiou a tiopa - topia) procede do latín talpa.
Na parroquia de Barbeiros atopamos a aldea de Coruxo.
Situada nun antigamente importante camiño veciñal que unía Ordes con Frades, na
segunda década do século XX era o núcleo máis poboado da parroquia con 48
habitantes (100 anos despois segue mantendo ese posto con algún habitante
menos). Coruxo alude á curuxa (Tylo alba), ave de grande importancia na
cultura popular, como todas as rapaces nocturnas, por ser considerada portadora de funestas novas. A
etimoloxía de coruxa non está clara, podendo proceder do latín antigo *corugiam
ou de *corusceam, derivado de coruscam, ‘resplandecente,
brillante’, pola ollada característica desta ave.
Na microtoponimia aparecen tamén As Cruxeiras en Beán, lindando con Pereira e
un Riba das Cruxeiras no linde entre as parroquias de Pereira, Montaos e
Deixebre. As cruxeiras son lugares altos e pedrosos coas características que
adoitan elixir estas aves para vivir e aniñar.
A parroquia de Ordes conta coa Fraga da Galiña desde 1867, ano en que
foi anexionada xunto con Guindiboo de Arriba (que ata ese momento pertencían a
Pereira), Sar e a Espenica (que eran de Poulo). Parece un nome moi festivo que
invita a inventar algunha fábula chusca para xustificalo. Non obstante a
historia do lugar non foi tan alegre. En 1893 houbo unha mortandade tan
grande que no Diario de Lugo escribían:
"En el lugar de la Fraga, a un kilómetro de esta villa han muerto
casi familias enteras. Era, y es aún, desconsolador el triste cuadro que aquel
lugar compuesto de poco más de una docena de casas nos ofrece. ¡El dolor y la
miseria, viven allí en estrecho maridage! [...] ¡Ah! Es que aquellas miserables
chozas destilan por sus cuatro ángulos materias antehigiénicas; es que los
miasmas pútridos se han apoderado de aquellas viviendas y han creado una
atmósfera mortífera; es que están enclavadas entre pantanos corrompidos, que
producen el más insano paludismo [...]".
E en 1936 outra estarrecedora noticia: unha nena de seis meses,
filla de Jesusa Martínez, viúva e con 3 fillos, foi morta e en parte devorada
por unha cocha (a única habitación da casa facía as veces de cociña, dormitorio
e corte).
A parroquia de Ardemil, a máis grande de Ordes, tamén é a que
máis zootopónimos contén.
Se hai algún animal que simbolice
universalmente a astucia ese é o raposo, palabra que ven do latín rapu.
O nome As Raposeiras, unha aldea situada
uns 600 metros
ao noreste do encoro de Vilasenín, case no límite con Cerceda, pode aludir á
gorida do raposo ou tamén a que era un lugar cheo de matogueiras moi mestas
onde este mamífero acostuma facer os seus tobos.
A Piolla está preto
do Mesón do vento na estrada que vai a Betanzos. Pode que se chame así por ser
un topónimo festivo do estilo de Nugalláns en Trazo, quizais por unha veciña
moi baixiña ou pode ser unha metáfora aludindo a unha terra pobre (a zona é un
auténtico páramo). Tampouco hai que descartar que veña da “herba piolleira” (Pedicularis
sylvatica). Menos probable é que teña que ver con outra acepción de piolla
"manchas que saen na roupa branca cando se garda húmida". En todo caso os piollos en todas as sociedades
formaron parte da vida cotiá ata hai moi pouco tempo.
E por suposto non pode faltar o centro histórico da parroquia que ten o
suxerente nome de Cabeza de Lobo. En
tempos medievais debía haber lobos a esgalla por estas terras e tal vez algún
perdeu aí a súa testa ou o topónimo pode aludir a algunha característica
orográfica do terreo que recordase esa parte do corpo, pero parece máis
probable que faga referencia á nobre casa dos Moscoso (cunha torre a un
quilómetro escaso do lugar) que tiña como escudo heráldico a cabeza dun lobo
chorreando sangue.
Dado que en Bardaos (tordoia) está o lugar de Rabo de Lobo, resulta
tentador entendelos como os dous extremos dos territorios dos Moscoso nalgún
momento da historia, pero todo isto son só suposicións sen probas que as
respalden.
E deixamos para o final o problemático topónimo Moscoso
que da nome a tres aldeas preto da antiga torre, a uns 300 metros do actual restaurante Chaussy II.
Aparentemente o apelido e o topónimo derivan da mosca (do latim musca)
pero como xa se dixo noutro artigo deste blog referido ao apelido Mosquera é máis fácil buscar outras
orixes como por exemplo o musgo (latín muscu). En todo caso non se
exclúe a posibilidade da procedencia animal.


No hay comentarios:
Publicar un comentario