lunes, 7 de agosto de 2023

Juan Ríos García

  Juan Ríos García naceu no Casal arredor do ano 1894, nunha familia de varios irmáns (José*, Jesús, Manuel...). Juan, que era pequeno pero ancho de ombros e coas pernas algo escarranchadas, era coñecido na súa xuventude como Juanito de Varela.
 
  Como tantos outros mozos daquela época emigrou a Cuba nos anos 10. Nos brañais da provincia de Camagüey cortou leña para facer carbón e logo plantar cana de azucre no sitio. Juanito, que era moi falador, contaba logo o durísimo que era aquel traballo: tiña que carrexar troncos nunhas alforxas "coma as dun burro" e sacalos do brañal por un carreiriño feito con paus. Se pisaba mal, espetábase na braña ata a cintura e tiñan que arrincalo do lodo dous homes. Un dos seus compañeiros foi o seu primo Estevo de Cestaños*, que o animou a deixar aquel traballo.
  Juanito fíxolle caso e pasou a traballar como maquinista dun tren de mercadorías chamado "Santa Fe", no que viviu algunhas experiencias dignas dunha novela.
 
  Finalmente, non vendo que Cuba fose aquela jauja que vendían todos, volveu á súa terra, ao Casal, onde lle empezaron a chamar o Cubano.
  Pouco despois, na festa de San Pedro de Cestaños fíxose mozo de Manuela.
  Manuela Martínez Varela (1901-1960) era a maior de oito irmáns. Dous dos varóns tamén emigraron e outro, chamado José (1910-1952), foi marmorista e morreu moi novo.
  Con ela casou Juanito e tiveron 7 fillas e un fillo varón: Josefina, Emilia, Jesusa, Julia, Estrella, Marina, Elvira e Roberto Ríos Martínez. Despois de ter as primeiras tres fillas, aínda emigrou outra vez a Cuba, onde estivo dous anos.
  Viviron no Casal de Abaixo, fronte á casa de Alberte. Tamén fixo unha casiña no que entón lle chamaban Vista Alegre e cambioulla a un tal Uzal por unha camioneta. Cando a camioneta se estropeu, levouna ao taller de Castro e arranxouna el mesmo, o que lle valeu sona de magnífico mecánico e o seu alcume definitivo de Rada (como Pablo Rada, o mecánico que viaxara no avión "Plus Ultra" con Ramón Franco).
 
  Nos convulsos anos 30, Rada foi un activo militante de Izquierda Republicana e da Sociedade de Agricultores de Ordes, dando mitins polas parroquias tentando espallar as súas ideas. Chegou a ser un dos concelleiros da Corporación de marzo de 1936, durante o goberno da Fronte Popular.
  Co Alzamento comezou a represión e Rada foi detido xunto con outros esquerdistas de Ordes. Xulgado en Compostela por traizón na causa 230/36 que remataría coa maioría dos imputados fusilados en Boisaca en 1937. Comentouse que se salvou da pena de morte pola intercesión dunha cuñada que estaba de criada na casa dun coronel coruñés, pero isto é un rumor sen bases sólidas. Ao igual que outros sete imputados, dos que  se consideraba que "non exerceron funcións directoras", recibiu a sentencia de cadea perpetua, pero pasou só catro anos no cárcere, pois sería liberado nunha amnistía xeral que houbo no ano 1941.
 Apoiou aos foucellas, levándolle algunha vez viandas ao monte. Solicitáronlle un par de traxes de carabineiro dun dos seus xenros e quixérono deter. El mesmo se entregou na Coruña e só estivo unha semana no cárcere. Marchou de Ordes, mercando unha taberna na Rúa da Gaiteira na Coruña.
 
  En xuño de 1960 morreu a súa muller, Manuela, aos 59 anos de idade.
  Rada viviu os seus últimos anos na Coruña. Morreu en agosto de 1981 aos 87 anos e está soterrado no cemiterio coruñés de San Amaro. 
  A súa 4ª filla, Julia, casou con Francisco Remuiñán Figueira (1916-2005), dunha moi coñecida familia de Parada propietaria dunha empresa madeireira.
  A 5ª, Estrella, casou co carpinteiro Ricardo Moar Figueira (1930-1991) con quen pasou varios anos emigrada a Dortmund. Un dos dous fillos do matrimonio foi Ricardo Moar Ríos Richard, futbolista do Deportivo e do Valladolid, club co que xogou varias tempadas en 1ª División.
 
* José Ríos García Pepito do Alto, casou con María Vázquez Candal con quen viviu no Alto, pequena aldea próxima á parroquia de Mercurín. Alí tería un posto cun boi. Un dos seus 7 fillos foi Arturo Ríos Vázquez, o propietario da Marisquería Ríos no Portazgo.
  Estevo de Cestaños sería o patriarca dos Estevos do Casal.
FONTE PRINCIPAL: "Historia viva" de Manuel Rodríguez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario