San
Antonio de Guindibó
En
esta capilla, sita en la parroquia de Montaos se celebró la tradicional
romería y función religiosa, cuya misa solemne fue cantada por el digno
coadjutor de Órdenes don Domingo Barbeito Veiras, habiendo asistido también
los párrocos de Trasmonte, Beán, Órdenes y Santa Cruz.
El párroco don Antonio Duro Cotón sentó a
su mesa instalada en una pintoresca robleda a muchos comensales, a quienes
obsequió con una suculente y abundante comida, recordando haber visto allí,
además de al clero, al propietario de La Coruña don Manuel Fandiño, al
industrial de Santiago don Felipe Dacosta, al encargado del taller y garaje
del señor Bouzas de Santiago, don Fernando Rodríguez, al abogado de Órdenes
don José Varela Renduelles, al procurador don Manuel Mosquera, al industrial
de Órdenes don Cándido Seoane, al jefe de telégrafos don Pastor Stolle, al
industrial de Santiago don Jesús Ferreiro Neira, y al maestro nacional de
Órdenes don Nicolas del Río y otros que lamentamos no recordar. Amenizó la
banda de la Garabanja.
|
O profundo sentimento de relixiosidade imperante na sociedade española, e na galega en particular no século XVII, impulsou a certos terratenentes a construír ermidas nas súas posesións rurais, co obxectivo de que os seus caseiros, criados e veciños, puideran facer uso das mesmas e non ter que desprazarse a outros lugares, ás veces lonxanos, coa perda de tempo que iso supoñía.
A Capela de Guindibón foi mandada construír polos irmáns Antonio e Francisco Rodríguez Varela, ambos os dous curas e naturais de Montaos, aínda que Antonio exercía de cura nas parroquias de San Miguel de Vilar e San Breixo de Foxás, que por aquel entón pertencían á xurisdición da Ulla e na actualidade forman parte do Concello de Touro.
O documento asinouse o día 10 de xullo de 1709 en Folgoso, que naquelas datas era xurisdición. A capela dedicáronlla á Nosa Señora do Rosario e a San Antonio de Padua, "para maior gloria, honra e reverencia" co consentimento do Señor Arcebispo de Santiago e do reitor de Santa Cruz, D. Diego de Barreiro. Nela debían celebrar misas e obras pías polos seus pais, avós e outros antepasados, polas benditas ánimas do purgatorio e demais persoas das súas obrigacións.
O avó dos fundadores da capela, D. Vicente Rodríguez Ortega, xa no ano 1649, no seu testamento deixou asignados parte dos seus bens para que no futuro se pagasen as misas pola súa ánima e pola do seu fillo Juan, que era o pai dos fundadores da capela. No documento figuran outros nomes aos que se lle deben botar misas e tamén ao oitavario de San Antonio e da Virxe do Rosario.
Para a construción da capela e o seu mantemento doaron varios lugares e cargas de trigo que algúns caseiros lles pagaban. No escrito, no apartado de doazón de bens, di: “Doan para sempre xamais dende hoxe día para todo tempo as súas pertenzas a dita capela para que sexa construída e mantida para poder exercer o culto. Os sucesores, e polo tanto os futuros donos, serán os familiares da casa de Guindibón, onde viviran os seus pais e avós, preferindo o varón á muller e o máis vello ao máis novo”.
Polo seu carácter privado a capela foi cambiando de dono, e no ano 1929 pertencía a María Grela alcumada a Troiteira, que a herdara do seu pai. O día 13 de xullo do devandito ano a tal María irrompeu nela cando o cura, D. Antonio Duro Cotón, oficiaba a misa na compaña doutros tres cregos. Uns afirmaron que a muller entrou berrando "Viva o Comunismo e morra o clero!", outros aseguraron que o arrebato da muller debíase á disputa polos cartos recadados das esmolas que doaban os fieis. O cura sostiña que lle pertencían a el que era quen dicía a misa, e a muller reclamaba a metade, alegando que ela era a dona da capela e que tiña que coidala e arranxala.
O cura denunciou á muller, e María foi xulgada o condenada a 13 días de arresto e a 10 pesetas de sanción, así como a pagar as costas do xuízo que ascenderon a 810 ptas. Como María Grela non puido facerlle fronte a dita cantidade, fóronlle embargados todos os bens, incluída a capela e o terreo derredor. O xulgado poxou todos os bens e a capela mercouna un home de Ordes, chamado D. Manuel Mosquera Iglesias, que lla cedeu a Dª Ramona Blanco de Guindibón. A “Troiteira” non lle entregou as chaves á nova propietaria, pero as autoridades perante testemuñas, déronlle posesión dela á nova dona.
A “Troiteira” tiña
outros dous irmáns no estranxeiro, que tamén tiñan parte nalgunha das
propiedades que venderan na poxa e a cousa complicouse e prolongouse no tempo,
pero despois da Guerra Civil Española, o clero mandaba moito así que os irmáns foron
declarados en rebeldía e os litixios remataron a favor da nova dona da capela. A "Troiteira" aínda tería máis problemas coa xustiza xa sen relación coa capela.
Dende entón, a capela xa tivo diferentes donos, pero pouco a pouco foi perdendo devotos e na actualidade, só se celebra nela a novena e a festividade de San Antonio de Padua.
Victorino Cores Liste
Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario