En 1941 a violencia seguiu moi presente nas terras
da comarca.
O 18 de marzo de 1941 foi a quenda de
Cerceda. Soledad
Regueiro, unha veciña de Cerceda, ía acompañada do seu fillo de 18
anos José
Regueiro, cando atoparon no camiño a Antonio Muiño Fraga. Eran veciños mal levados así que iniciaron unha
discusión que acabou con Antonio agredindo a Soledad. José Regueiro defendeu á súa
nai e Antonio sacou unha pistola coa que lle disparou dous tiros. Ambos os dous encerelláronse nunha pelexa que acabou
con Antonio bastante maltreito e con José morto.
O xuízo atrasouse dous anos e tivo lugar en
maio de 1943. Actuou como acusador privado o avogado Jesús Molina Paz mentres o
defensor foi Ángel Aperribay. O fiscal Pedro de Alcántara García Hernández pediu para
Antonio Muiño a pena de 14 anos, 8 meses e un día de reclusión menor máis unha
multa de 15.000 para os herdeiros.
A noite do 31 de agosto de 1941 volveu
aparecer a negra sombra da morte contrastando coa alegría da verbena. Esta vez
o crime tivo lugar na parroquia de Buxán, que entón tamén daba nome ao concello
que hoxe coñecemos como Val do Dubra.
Era a festa do Sacramento cando os sons da
gaita víronse interrompidos polos berros e queixumes de dor. Varios mozos de
Buxán e Niveiro armados de paus e armas brancas participaron nunha refrega.
Cando cesou o combate, os asistentes puideron ver un corpo tendido no chan.
Tratábase de Santiago
Casal, un labrador de 27 anos. Varios veciños seus recollérono e
levárono nunha camioneta ata o hospital de Santiago, pero cando ingresou era xa
cadáver e non se puido facer nada por el.
O mércores, día 3, o médico forense Francisco Amigo
López practicou a autopsia ao corpo que presentaba numerosas
contusións, unha puñalada nas costas e a fractura da base do cranio como
consecuencia dun golpe cun pau. O
cadáver recibiría logo sepultura no cemiterio de Boisaca en Santiago.
Iniciadas as pescudas para esclarecer o
feito, pronto se deu cos autores. O brigada da Garda Civil Gervasio Carballo Pimentel e o
garda segundo Esteban
Tuda García detiveron a José Fraga Fraga de 24 anos e a Mariano Fraga
N. de 28, ambos os dous labradores, solteiros e veciños de Buxán. O
primeiro xa tiña antecedentes violentos, pois o ano anterior tivera unha pelexa
en Portomouro cun tal Manuel Fraga Grille ao que disparou nunha perna mentres
el foi ferido de dúas navalladas no abdome.
O motivo do crime de Santiago Casal foi unha
das máis habituais naqueles tempos: un conflito por discrepancias no
aproveitamento da auga para rega das súas propiedades. Iso foi creando unha
forte inimizade que desembocou finalmente na pelexa.
O xuízo tivo lugar un ano despois, en
novembro de 1942. José e Mariano foron defendidos polo avogado Juan Fernández
García. O fiscal señor Alcántara solicitou para cada un dos
procesados 14 anos, 8 meses e 1 día de reclusión menor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario