Jaime Castro
(o "de" veu despois) naceu en 1913. Foi un ordense
"accidental". O seu pai, Ignacio Castro Iglesias era membro da
rica familia Castro de Oroso (o seu tío Francisco foi xuíz municipal dese
concello nos anos 20 e propietario do Pazo de Meimixe nos Ánxeles, e a súa tía
Encarnación foi muller de Manuel García Rivas -alcalde de Ordes de 1925 a 1929- e, á súa vez, tío
de Domingo García Sabell).
Ignacio foi médico na vila máis de 15 anos,
por iso os 7 fillos que tivo do seu matrimonio con Mª Josefa García
Rodríguez, naceron na vila. Trasladouse a Santiago en 1925 e con el
toda a familia.
Javier, o maior dos varóns, tamén foi médico pero outros, coma Ignacio e
Antonio, estudaron a carreira de Dereito en Santiago. Jaime (que era o 4º e que
viviu ata os 12 anos en Ordes) foi deles o máis destacado, aínda que Antonio Castro chegou a ser alcalde de Santiago.
En abril de 1942 aprobou as oposicións en Madrid e en xullo foi
xuíz de 1ª instancia en Caldas de Reis. Ao ano seguinte foi para Cambados e logo
para Bilbao e Vigo.
Máis adiante foi
nomeado presidente da Audiencia Provincial da Coruña e posteriormente das de
Albacete, Extremadura e Valladolid.
Entre outras
distincións, foi condecorado coa Gran Cruz de Raimundo de Peñafort (a máis
importante do mundo xudicial) e foi membro de honra da Asociación de juristas gallegos en Madrid (Iurisgama). No ano 1970
o alcalde de Ordes, Antonio Concheiro, declarou a súa intención de noemealo
"Fillo predilecto" -era xunto con Juanjo Linares o ordense máis exitoso
e destacado na época- pero, ao final, non se levou a cabo.
Do seu matrimonio con
María
de la Cinta Fernández Barreiro tivo
6 fillos. Dous deles, Jaime (notario en
Granollers e Barcelona) e Luis seguiron tamén a carreira xudicial, ao igual que
un dos seus netos, Luis de
Castro Mejuto, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia.
O feito máis
dramático da súa vida tivo lugar en xaneiro de 1985 cando o seu fillo menor, Fernando, con 29 anos nese momento,
suicidouse despois de disparar e ferir gravemente a dous membros dun tribunal
de oposicións a notarías (ambos os dous sobreviviron). O suceso tivo moi ampla repercusión mediática naquela época.
Jaime de Castro
faleceu na Coruña o 21 de maio de 2010
aos 93 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario