Montaos estivo habitada desde tempos prehistóricos como demostran o castro de
Carrás e o castro do Dono. Este último, practicamente destruído, testemuña o
continuismo do poboamento ao longo dos tempos porque está localizado no núcleo
da Igrexa, ao oeste da N-550.
Na Idade Media o Territorio de Montaos
aparece recoñecido como tal desde o ano 818.
O propio comes Aloitus, repoboador da
rexión do Tambre, citábao no seu testamento como "territorio Montanos iuxta riuulo Tamare". Un século máis
tarde, no ano 925, Fruela II otorgoulle á Igrexa compostelá o condado de Montaos que entón comprendía
desde o Tambre ata a terra de Nendos, é dicir, ata Faro (Coruña) e Betanzos,
quedando integrado no Señorío de Santiago, o máis importante do Reino de Galicia. En 1124 Alfonso VII doou á Igrexa de Santiago a metade de Montaos. Ese documento permítenos saber
que esa demarcación era máis ou menos a zona centro-occidental da actual
comarca, aínda que chegaba ata Sumio (Carral) e Dubra.
Igual que á monarquía sucedeulle á Igrexa:
incapaz de xestionar tanto territorio tivo que ceder propiedades aos nobres, pretendendo que fose de forma
temporal e non hereditaria. Pero os conflitos sociais do século XV (Guerras
Irmandiñas) debilitaron os poderes señoriais e isto foi aproveitado polos
beneficiarios desas concesións para apropiarse de atribucións non concedidas e
exercer máis poder.
Deses tempos dataría o castelo de Montaos, no lugar de
Castrelo, a uns 800
metros ao oeste do Camiño Inglés. Hoxe só queda o lugar
e non hai resto algún.
Pedro Bermúdez Prego xa aparecía como cavaleyro
da Terra de Montaos desde o século XIV. Os seus descendentes foron García Prego, Pedro Bermudez "O Vello" e Pedro Bermúdez "O
Mozo". Este último foi o que viviu os turbulentos tempos Irmandiños e
acadou novos privilexios, pero foi o seu irmán Fernando o primeiro que se titulou abertamente "Señor de
Montaos".
Cando volveu
a normalidade o arcebispo interpuxo un preito pola xurisdición de Montaos que
se alongou ata finais do século XVI.
Neses anos os Bermúdez de Castro seguiron exercendo a soberanía do
territorio. O preito rematou en 1596
ao seu favor e por primeira vez falouse do Estado de Montaos.
|
Pero todo isto era puramente nominal porque a parroquia non formou parte dese
estado nin no Antigo Réxime pertenceu á xurisdición de Montaos, que practicamente
era o actual concello de Trazo (comprendía 8 das 11 parroquias -menos Berreo,
Monzo e Restande- xunto con 3 de Tordoia: Castenda, Leobalde e Numide). Montaos,
en cambio, estaba integrada na xurisdición de Folgoso (de señorío do
Conde de Altamira) como a maioría das actuais parroquias de Ordes.
En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de
Santiago" informaba que Montaos tiña 40 veciños (arredor duns 180
habitantes) que eran menos que os 44 de Parada e Ordes ou os 48 de Poulo, pero
máis que os 33 de Oroso, os 30 de Trasmonte ou os 24 de Deixebre.
A principios do século XVIII
foi construída a capela de San Antón. En 1749
polo Catastro del Marqués de la Ensenada sabemos que Montaos
tiña 34 veciños e que producía coles, trigo, centeo, millo, millo miúdo, fabas,
mazás, liño... e había as especies de gando habitual na zona: vacas, cabalos,
bestas, ovellas e cabras. Por certo que tamén había un zapateiro, Jacinto
Mosquera, posible antergo dos moitos mosqueiras que hai na parroquia.
No século XIX, en 1828,
segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Sebastián de Miñano,
Montaos case dobrara a poboación con 64 veciños -303 habitantes- e pagaba unha
contribución de 760 reais.
Durante a 1ª Guerra Carlista a parroquia foi
en varias ocasións teatro de operacións militares debido á súa posición
equidistante entre Leira e Sigüeiro (onde había destacamentos de tropas
cristinas) e á longa costa antes de Santa Cruz que ralentizaba o paso das
carruaxes. Aí foron asaltadas dilixencias polas faccións de López Ramos e Frei
Saturnino (mesmo o 18 de decembro de 1835
unha foi queimada) e tivo lugar o 1 de decembro de 1838 un infrutífero ataque
por parte do coronel Enríquez a un convoi cristino defendido polo capitán
Víctor Velasco.
A mediados do século XIX, en 1848 o Diccionario de Madoz informaba que Montaos tiña 68 veciños -389 almas-.
Engadía que o terreo, que era de mediana calidade, producía millo, centeo,
patacas e trigo. Había 70 casas, 5 fontes e 5 muíños fariñeiros. Precisaba que
o clima era temperado e san "si bien
se padecen fiebres inflamatorias".
En 1876
Montaos superaba os 400 habitantes (404), sendo así só a 7ª parroquia máis
poboada do concello.
No século
XX, en 1909, Eduardo Pondal dedicoulle
un poema a parroquia: "Indo polo camiño". Neses anos era alcalde
pedáneo Ventura
Conde, párroco don Antonio Duro Cotón e mestra da escola Enriqueta
Troche Rivas.
Durante a 2ª República a axitación obreira e agraria chegou á parroquia. e Popular de Ordes. Manuel
Cores era o secretario, Julio Caamaño Villasenín o contador e Ramón Figueira
Pazo e Antonio Villasenín Pena os vogais. No lugar de Fosado (por onde pasaba a
vía do tren) tiña a sede o 1936
O triunfo do
Alzamento en 1936 rematou con estas asociacións e os seus bens foron confiscados. Non
obstante a parroquia non sufriu a represión que padeceron outras próximas e só
un dos seus veciños, o mineiro Constantino Gómez Martínez de 43 anos, foi
xulgado por rebelión resultando absolto.
Iso non
significa que non houbese resistencia, pois en maio de 1945 morreu en terras de Queis o mozo de Ordes Manuel del Río Botana, o que trouxo como consecuencia o desterro a Soria da familia Penedo que o axudara. Tamén o 14 de abril de 1948 (como pasara en Ardemil dous anos
antes) os anti-franquistas voaron varios postes telefónicos preto de Guindibóo
de Arriba.
Máis ou menos nese tempo tivo lugar a "Batalla do Cano", unha tremenda
pelexa entre moitos mozos de Montaos e Trasmonte. Neses anos 40 era mestra Mercedes Méndez
Ríos (m.1975) e párroco don Juan Simal Fernández ata 1956. Nos 60 foi sacerdote do lugar don Isidro Marcos Romero, da familia dos de Julián, que remataría por colgar os hábitos e casar cunha freguesa, provocando
un bo escándalo na época.
Os anos 60
tamén contemplaron o inicio da concentración parcelaria e a mellora da rede de
camiños.
A estrada N-550 foi a principal impulsora de que a parroquia gañase poboación
(ao contrario que outras máis rurais) e chegase a ser a 3ª con máis habitantes.
Doutra banda, como unha maldición, tamén a converteu nun lugar especialmente
castigado polos accidentes, aínda que non todos foron no seu trazado. En 1960 morreu afogado no Lengüelle o
adolescente Andrés Barreiro, fillo da mestra. En 1962 morreron en Guindibóo nun pozo o mozo Francisco Juncal
Iglesias e o seu veciño Juan Juncal Corbelle de 34 anos, casado e con dous
fillos. Un ano despois, en 1963, Ramón Rodríguez Docampo faleceu
por caerlle enriba un muro. En 1964
María Blanco Iglesias de 40 anos morreu atropelada na estrada iniciando unha
longa lista de vítimas, tanto nativas da parroquia como forasteiras.
O principal punto negro está preto da ponte sobre o río Cabrón e (que ironía!) do Marisans.
Alí morreron un mozo de Parada e outro
de Mercurín que ían no mesmo coche en 1972, dous mozos de Ordes en 1993, e un
rumano no ano 2016.
Nos anos 70 apareceu a estampa máis típica de Montaos: as vendedoras de grelos ao pé da estrada. Por certo que ao principio foron moi criticadas porque estaba mal visto ese tipo de venda que parecía ser sinal de pobreza
En 1980
arranxouse o campo de Nivelos e ao ano seguinte federouse o equipo de fútbol,
empezando a xogar en 2ª categoría rexional. O seu primeiro presidente foi Victorino Cores, perenne concelleiro da parroquia.
Neses anos 80 Montaos
foi noticia polas disputas que houbo coa mestra Victoria Díaz Cabanelas que
chegaron mesmo á agresión física. En Guindibóo deu clase Mª del Pilar
Álvarez Herrera (1935-2014) coa que algúns
tampouco estiveron entusiasmados.
En 1990
tivo lugar o suceso máis tráxico da historia recente da parroquia, a morte dos
4 membros da familia Louzao por inhalación de monóxido de carbono. Catro anos despois, Manuel Gómez Ramos, de 51 anos, foi asasinado no chalé que coidaba en Fosado. Este crime nunca se resolveu.
O século XXI
comezou máis festivo coa reforma do campo de Nivelos en 2002, cousa que
aproveitou a Asociación Xuvenil "A Revoltosa" que organizou alí a
partir do ano 2006 durante varios anos o festival "Revoltosa Rock".
Por esas datas comezou a facerse famosa a casa que hai preto do bar a Curva por
mor da súa espectacular iluminación de Nadal.
Un novo accidente de tráfico na noiteboa do
ano 2020 volveu a entristecer a parroquia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario