lunes, 20 de junio de 2016

Partidas carlistas

  De todos é coñecido que o século XIX estivo marcado polas guerras carlistas. Pero o impacto foi moi diferente nas diversas rexións españolas: moi alto no País Vasco, Navarra, o norte de Cataluña e o Maestrazgo e menos importante no resto.
  O carlismo en Galicia nunca conseguiu despegar porque, ao non ter o sustento foralista que tiña noutros lugares, non logrou o apoio dos mariñeiros ou campesiños. As "Carlistadas", como eran denominadas despectivamente polos liberais as levas carlistas, só lograban agrupar cregos extremistas e fidalgos de 2ª categoría. As partidas así creadas remataban indefectiblemente por derivar en grupos de bandoleiros que perxudicaban máis que axudaban á causa que supostamente defendían.

  Ordes non foi unha zona especialmente afectada, pero houbo accións puntuais. 
  Na 1ª guerra carlista constituíuse unha partida entre Sobrado e Arzúa ao mando do ex-oficial do exército Antonio López Ramos e na que participaban Ramón Ramos (Aiazo, Frades), o seu irmán José Ramos e o sacerdote Ramón Duro (Pasarelos, Oroso). Aínda que o territorio das súas correrías era o triángulo Melide - Arzúa - Sobrado, pasaron algunha vez por Ordes para asaltar dilixencias ao seu paso polo Mesón do Vento (14-08-1835) e Santa Cruz de Montaos (18-12-1835) -lugar ideal por estar á mesma distancia dos destacamentos de tropas de Leira e Sigüeiro e pola costa que ralentizaba a velocidade dos vehículos-, tender unha emboscada a forzas do exército en Senra - Oroso (1837) ou atacar Carballo (14-01-1838).

  Entre Mesía e Barbeiros creouse en 1835 outra partida ao mando de Frei Saturnino Enríquez do convento da VOT de Melide. Realizou correrías por Ordes aínda que a súa zona de actuación preferida era Abegondo. Era temido polos seus arrebatos de furor. Nunha acción na parroquia de Viós matou a 16 paisanos aos que acusou de espías do exército regular.

  A batalla máis importante na comarca volveu ter lugar en Montaos.
  No mes de novembro de 1938 foi feito prisioneiro o coronel carlista Andrés Areas, coñecido por don Juan Feás. Os carlistas decidiron atacar un convoi cristino para coller prisioneiros cos que negociar un rescate, así que o 30 de novembro marcharon desde Fao ata Santa Cruz de Montaos, apostándose para sorprender ao convoi que pasaría o día 1 de decembro. Nesta operación participaba o chamado Escuadrón de la Constancia, mandado polo tenente coronel Enríquez. O movemento do escuadrón alertou aos cristinos e avisaron ás forzas destacadas preto de Ordes.
  No medio dun forte temporal, a cabalería de Enríquez atacou o convoi, custodiado por forzas do terceiro batallón do rexemento de Castela ás ordes do capitán Víctor Velasco. O convoi tivo que deterse e defenderse pero pronto chegou a socorrelos un destacamento de cabalería mandado polo capitán Juan Antonio Cobián, conseguindo que o convoi seguise a súa marcha a pesar dos ataques carlistas, ata que recibiu preto xa de Sigüeiro o auxilio doutra columna mandada polo capitán Juan Santos Jiménez.
  Os carlistas tiveron que abandonar o ataque no que morreu, entre outros, o capitán José Taboada, comandante do cantón de Melide. Pouco despois Andrés Areas sería fusilado polos cristinos.
 
  Na 3ª guerra carlista, en novembro de 1874, tivo lugar o incidente máis notable: unha partida de arredor de 25 homes, ao mando de José Mª Andrade Portas, un mozo de 19 anos da zona de Arzúa, chegaron de noite a Ordes, foron ao edificio onde se recaudaban as contribucións, disparáronlle á porta e roubaron un pouco máis de 7.000 reais e tres escopetas. Iso si, como non se consideraban ladróns, deixaron un recibo pola cantidade exacta. Logo foron á Administración de rendas onde roubaron outros 19.000 reais e un montón de cigarros (queimando ademais os que non puideron levar). Remataron por ir á Casa do Concello onde queimaron o Rexistro Civil. Marcharon ás doce da noite e separáronse de contado (supostamente, despois do reparto).
  Saíron ao día seguinte dúas columnas de Santiago para atrapalos. Informaron á prensa que pronto estaría apresada "esa pandilla latro-facciosa" (palabras textuais), pero ... a cousa non foi tan rápida.
  En principio foi detido Andrés Aller, administrador de estancadas, por suposta connivencia cos carlistas, para ser liberado máis tarde.

 Andrade continuou coas súas incursións pero a súa sorte cambiou: A pesar de librarse polos pelos de ser detido en Sigüeiro en xuño de 1875, en agosto foi pillado en Santiago despois dunha persecución de película polos tellados da cidade. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario