Na nosa paisaxe as flores amarelas son as
máis abundantes. No seculo pasado a gran cantidade de toxos e xestas (e de
grelos nas leiras) tinguía os campos desa cor. Hoxe xa non sucede exactamente así, pero segue habendo moitas plantas
con flores amarelas.
Quizá a especie máis ubicua e coñecida sexa Taraxacum officinale,
planta da familia das Asteráceas, diente de león en castelán e en inglés, pois dandelion
vén de "dent-de-lion". En galego chamámoslle mexacán pola crenza de que o seu
cheiro atrae aos cans e failles ouriñar sobre ela. Ten unhas propiedades
diuréticas coñecidas desde a antigüidade. Distínguese doutras plantas de flores
similares polo seu talo oco.
Moi parecida (tamén das Asteráceas) é Hypochaeris radicata,
en galego igualmente mexacán, en castelán falso diente de león, que ten o talo
ramificado e non oco.
Seguindo coas Asteráceas temos a Calendula arvensis, maravilla silvestre
en castelán, moi similar á Calendula officinalis, maravalla,
que son outras plantas de flores moi parecidas.
Un aspecto moito máis bravo con follas
dentadas teñen Sonchus oleraceus e Sonchus asper, tan
parecidas que non son capaz de distinguilas. En castelán son chamadas cerraja
e en galego serralla.
Nativa do Mediterráneo e Europa, hoxe hainas en case todo o mundo.
Máis pequena, con flores dunha cor amarela
máis pálida e follas lanceoladas e peludas é a Andryala integrifolia,
cerraja lanuda. Parecida a esta, pero co
centro das flores de cor púrpura é a asperilla, Hispidella hispanica.
A Jacobea vulgaris, herba de Santiago ou herba do Sapo, é unha planta común
en toda Europa que destaca polo cheirume das follas, por iso en inglés ten
moitos nomes que inclúen a palabra fart (que fede). As súas flores son entre
20 e 60 capítulos (como os das margaridas pero con pétalos amarelos) por
planta. Parente súa é a Senecio vulgaris cunhas flores bastante pequenas. En cambio Glebionis segetum tenas tan espectaculares que lle chaman en Castela corona de rey ou doblón (recordando a antiga moeda).
De flores tamén bastante grandes é a Arnica montana,
nativa do centro de Europa e habitual nas zonas montañosas pero pouco común na
nosa comarca.
Xa pertencente á familia das Hipericaceas é a
abeloura
ou herba de
San Xoán, Hypericum perforatum, o hipérico
castelán. Moi común en toda Europa e Galicia, é unha das plantas que se
recollían antes da noite de San Xoán e que tiña unha reputación de facer fuxir
espíritos e aparicións. En cambio non é tan habitual a Primula vulgaris, cáncaro ou panqueixo (primavera ou flor de San José en castelán), que é unha das primeiras plantas en florecer e por tanto anunciadoras da primavera.
Habitual en campos sen cultivar Brassica barrelieri (pimpájaro en castelán) ten unhas pequenas flores de cor amarela pálida. En cambio é intensamente amarela a Oxalis pes-caprae, vinagreta
(porque os seus talos saben a vinagre), unha planta de orixe
sudafricana que colonizou xa toda España e que chegou hai pouco á nosa comarca (polo menos haina no Mesón do Vento). Tamén posúen pequenas flores amarelas Medicago arabiga, un trevo abundante na estación da Pontraga que ten unha mancha en forma de corazón nas follas e Ornitophus compressus, unha fabácea habitual en Vilaverde.
Sumamente abundante,
especialmente nas zonas máis húmidas, é a herba belida, Ranunculus repens,
botón de oro
en castelán e buttercup
"cunca de manteiga" en inglés. Esta planta das Ranunculáceas a pesar
da súa aparente fraxilidade contén anemonina, unha substancia moi tóxica para
os animais e os seres humanos. Mesmo as abellas evitan chuchar o seu néctar.
Con preferencia por sitios máis húmidos está
a herba
centella, Caltha palustris, calta ou
caléndula
acuática, que pode curar as espullas pero é irritante para a pel.
Tamén das Ranunculáceas é a herba das
almorrás, Ficaria verna (antes
Ranunculus ficaria), chamada así por un engrosamento das súas raíces que
recordan ás hemorroides. En castelán recibe o nome de celidonia menor.
Con nome similar pero da familia das
Papaveráceas é a
celidonia ou ceruda, Chelidonium majus (celidonia
mayor), moi popular entre os rapaces porque ao partir o talo vese un
característico látex alaranxado ao que se lle atribúen propiedades curativas
das espullas.
Abundante nos lugares máis húmidos é o lirio amarelo,
Iris pseudacorus,
planta perenne provista dun bulbo ovoide que perdura no inverno. Tamén nos
prados a carón dos ríos son abundantes os cucos (ou calzas de cuco), Narcissus bulbocodium, que é un narciso pero de cor amarela.
Cambiando totalmente de habitat, en lugares
moito máis secos, podemos atopar o verbasco, Verbascum thapsus, (tamén
chamado gordolobo
en castelán) planta bienal que chega a
alcanzar os 2 metros
de altura, con follas tamén moi longas e con lanuxe. As flores teñen un
pigmento amarelo que xa usaban as mulleres de Roma para clarear o pelo. Tamén
en soares e sitios non húmidos aparece Oenothera biennis,
en castelán onagra
ou hierba del
asno (o mesmo en portugués, onagra e
erva-dos-burros).
Moi abundante é a Conyza canadensis, erígero ou hierba carnicera, que é unha planta moi invasiva. É alta, con talo oco e follas lanceoladas que case desaparecen cando brotan unhas pequenas flores amarelas.
Finalmente, unha planta abundantísima é o fiúncho, Foeniculum vulgare (hinojo
en castelán), tradicionalmente cultivada para usar como condimento, hoxe
pódense ver exemplares de gran altura en beiravías, soares e case calquera
curruncho.
Se queredes ver outras plantas, non
necesariamente da comarca, con flores amarelas, premede na ligazón: Plantas con flores amarelas.











No hay comentarios:
Publicar un comentario