martes, 25 de junio de 2019

1928-29: A Gran Depresión

   1928 foi o último ano dos "felices 20" e foi bastante bo. Un tal Walt Disney creou un rato de debuxos animados que chegaría a ser inmensamente famoso e, aínda mellor, un descoñecido investigador escocés, Alexander Fleming, atopou a penicilina, posiblemente o descubrimento que máis vidas salvou na historia.
 
  Pero 1929 foi outra historia: Wall Street deu o 21 de outubro o primeiro aviso de que algo ía mal, moi mal, pero o golpe definitivo foi o 29 de outubro, o "Martes Negro", día en que se puxeron á venda 16 millóns de accións e non houbo comprador. A burbulla económica estalou e os americanos viron como o seu soño rachaba en mil anacos. Logo o mundo, que non inventara aínda a palabra globalización pero que xa estaba poderosamente interconectado, sufriu os efectos da paralización da locomotora americana.

  España foi un dos países aos que menos afectou e aínda así a súa produción industrial caeu case un 20 % nos seguintes tres anos. Outros países levárono peor, especialmente Alemaña e Austria, o que sería unha das causas da vindeira 2ª GM.
  O réxime ditatorial deteriorouse con rapidez. Lonxe quedaban xa os seus éxitos iniciais. Primo de Rivera, que tamén sufría os efectos da diabetes, viuse progresivamente abandonado por todos os que antes o apoiaran con entusiasmo. En xaneiro de 1929 tivo lugar un intento de golpe de estado militar que fracasou, pero a represión posterior deixou aínda máis só a un Primo que acabaría por dimitir un ano despois.
  1928 foi un ano incomparable para a poesía: naceron o Romancero gitano de García Lorca, o Cántico de Jorge Guillén e as Poesías completas de Antonio Machado. Doutra banda Monseñor Escrivá de Balaguer fundou o Opus Dei. En 1929 tiveron lugar a Exposición Iberoamericana de Sevilla e a Exposición Universal de Barcelona.

  En Galicia o máis destacable foi a creación da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) por Santiago Casares Quiroga e Antonio Vilar Ponte na Coruña. En 1931 os elementos máis nacionalistas marcharían para fundar o Partido Galeguista.

  A pesar da Gran Depresión internacional e da crise española, para a vila de Ordes que en 1928 tiña 45 casas (segundo Tierra Gallega) seguían sendo bos tempos.
  A instalación da oficina central das obras do ferrocarril deu un empuxón á economía local, pero o maior movemento de diñeiro producíao a feira. Había tres ao mes, o 2º domingo (denominada de Poulo), o 3º domingo e o último. Un Real Decreto en maio permitiu continuar con esas tres feiras en domingo.
  Outra novidade foi a aparición do primeiro taxi (un Ford-A) que pertencía a Antonio Verea Fandiño (1884-1970) e, en agosto, a inauguración do Salón Cine Troche -onde hoxe está o Bar Saloon- que incluía bar e mesa de billar. Supoño que sería unha remodelación e quizais iniciarían a proxección de películas os xoves e domingos, porque como salón de baile xa levaba anos funcionando.
  Tamén abriu a "Tablajería de Ignacio López" nunha casa que pertencía a Rita Castro e construíuse o muro da Alameda para separala do campo da feira.
  En Lesta e en Barbeiros comezaron a funcionar as súas escolas unitarias das que foron os primeiros mestres Andrés Barbeito Ramos e Pedro de Andrés García Cuenca respectivamente. O ano seguinte tamén se construiría a do Mesón do Vento. Os axentes para a recadación de cédulas serían ese ano Pedro del Río Caramelo e Horacio Pol Amor.
  Pero non eran bos tempos para todos: os labregos sufrían os embates dun inimigo máis, o bacilo do ántrax (entón denominado carbunco) que atacou ao gando. Ata 23 vacas morreron na parroquia de Leira, o que era unha catástrofe para as súas débiles economías. Tamén houbo casos de peste porcina. A José Mariño, por exemplo, morréronlle 13 porcos xa en xaneiro de 1929.
  Dentro das novas de sociedade tivo lugar na vila a 1ª misa do sacerdote Manuel Romero Álvarez (da familia dos de Julián) e houbo algunhas vodas de nivel: o médico Antonio Concheiro Iglesias casou coa moza coruñesa Euduvigis Carro, Isabel del Río Castro (mestra en Boiro) co tamén mestre e xornalista Federico García e Pura Faya Vilariño na Capela de Lourdes co mozo santiagués Santiago Vigo Boo. Os mortos máis notables foron Emilia Sánchez Somoza da prestixiosa familia do Pazo de Marzoa e muller de Ramón Abeijón, Inés Pérez del Río (viúva de Ramón Calvo, o patriarca da familia da ferraxería), Laureano Varela Ferreiro (1869-1928), o propietario da casa onde pasou a noite Felipe II na Calle de Poulo, Pilar Pampín e Francisco Ferreiro Pérez, industrial irmán máis novo de Antón de Xan Ferreiro e avó dos Ramechos, que segundo a prensa foi vítima do frío cando facía unha viaxe a Parada en decembro.
  En xaneiro Ordes recibiu a visita do xeneral Riquelme e en xullo a do tamén xeneral Martínez Anido (ministro de Gobernación), que de viaxe entre Santiago e Coruña detívose e conversou afablemente coas autoridades municipais.


  En 1929 a voda máis rechamante foi en febreiro a de Amalia Concheiro García con Pedro Losa Bondad á que asistiron uns cen invitados. Outra de certa pompa tivo lugar na igrexa de Sta María de Leira entre Valentín Blanco del Río e Jesusa Fuentes Gestal. Foi oficiada polo párroco don Emilio Regueiro García e o "espléndido lunch" foi preparado... si, na "Casa Barreiro" que xa existía.
  Ese ano houbo catro mortos notables: en xaneiro José Conde Barreiro, patriarca dos Condes do Bidueiro, ex-concelleiro e apoderado da viúva de López Rioboo, en febreiro Juan Barreiro Ríos*, antigo alcalde, banqueiro e comerciante, en agosto Gumersindo Liñares Iglesias, patriarca da poderosa familia Liñares, e en decembro Eduardo Mato González, xefe de prisión, emparentado coa familia Astray. Ademáis en abril faleceu con 33 anos Rogelia Vieites Álvarez, a muller do comerciante José Romero Faya. Tamén morreu a súa irmá Rogelia, Josefa Baamonde, o estudante de Medicina Ramón Piñeiro Ruibal e o tamén estudante de dereito Fernando Varela Rendueles.
  En outubro unha nova curiosa: Domingo González Parente e Gerardo Aguilar foron multados con 5 pesetas por "embriaguez, blasfemias y escándalo".
  En decembro foi nomeado como secretario do xulgado o avogado Ubaldo Rivas Martínez, procedente de Ortigueira e que botaría ata 1942 na vila. O ano rematou cun forte temporal de choiva. Como sempre, desbordáronse os ríos da comarca (e de media Galicia). En Ordes as augas derrubaron a pequena ponte do matadoiro, quedando interrompido o tránsito e houbo que quitar moitos animais das cortes para salvar as súas vidas. 

* Juan Barreiro Ríos: Rico comerciante -foi algúns anos o maior contribuínte de Ordes- que tivo unha ferraxería fronte á igrexa. Ademais era representante na vila de varios bancos e chegou a ser alcalde en 1910. Os seus fillos eran Juan, médico en Ares, José que foi sacerdote en Bardaos, Dolores (mestra en Oroso) Manuel (casado con Manuela Mirás Rodríguez, quedou co comercio en Ordes e morreu en 1945), Carmen (casada con Segundo Buján Barreiro), Andrea 1895-1943 (casada con Manuel Fernández Uzal) e Elisa Barreizo Uzal. Despois de 1945 desapareceu a familia da vila.

Parroquias máis poboadas da comarca de Ordes en 1928
ORDES  1.567 h.
Queixas 839 h.
Gorgullos 643 h.
As Encrobas  1.251 h.
Xavestre 822 h.
Leira 638 h.
Rodís 1.144 h.
Mesía 775 h.
Xanceda 585 h.
Ardemil 996 h.
Cabaleiros 677 h.
Bardaos 577 h.
Cerceda 930 h.
Buscás 676 h.
Abellá 557 h.
  
 De propina un par de chistes gráficos do ano 1928.

miércoles, 19 de junio de 2019

Empresas de Ordes 2015

  Se ides á páxina de Economía Digital, podedes ver cales son as 2.500 empresas máis importantes de Galicia.
  No ano 2015 (último ano do que ten datos) a comarca de Ordes tiña 2.522 empresas, a maioría moi pequenas, porque só 35 aparecían nesa lista. O concello de Ordes que tiña 983 empresas (preto do 40 % de todas as da comarca) só tiña 5 entre as 2.500 principais, moitas menos que as 13 de Oroso ou as 10 de Cerceda.
  Isto quedaba algo compensado en que dúas eran moi importantes (a 3ª e a 4ª da comarca despois de Sogama e Puentes y Calzadas SL).

CRC: A empresa fundada por Ramón Carro foi a primeira do concello practicamente todo o século XXI (xa no 2006 era a máis importante cunha facturación duns 30 millóns e beneficios de 856.000 €). A crise da construción afectouna duramente ata o punto de ser superada por Internaco, pero no ano 2015 recuperou o 1º posto novamente. Cunha facturación de 44 millóns de euros e case 104.000 € de beneficios (obsérvese a drástica diminución con respecto a 2006) era a 3ª da comarca, mentres en Galicia ocupaba o posto 563.

INTERNACO: A empresa fundada en 1976 pola familia Concheiro contaba no ano 2015 cunha facturación de 39,1 millóns de euros, máis de 80 empregados e 810.000 € de beneficios, o que a situaba no posto 617 de Galicia. En 2013, aínda que a súa facturación era de 37,7 millóns, o seu beneficio era maior (3.100.000 €), e era a 1ª empresa de Ordes. Na pasada década, no ano 2006 era a segunda por detrás de CRC.

MACOGA: A empresa fundada por Manuel Concheiro en 1974 era en 1915 a 3ª máis importante do concello e ocupaba o posto 1.946 en Galicia, cunha facturación de 12 millóns de euros e un beneficio de case 760.000 €.

PERSEO TEXTIL: A empresa da Rúa da Canteira pasara de facturar máis de 7 millóns no ano 2014 a 4,7 no 2015 e tiña perdas (-111.000 €).

CONSTRUCCIONES MADONU: Unha empresa dedicada á construción de pontes e túneles que no 2014 facturaba 2,4 millóns de euros e que no 2015 subiu ata os 4,4 millóns, cun beneficio de 248.000 euros. Todo isto valeulle para ocupar o 5º posto (4.940 en Galicia).

 
Mirando a lista de 2014, invádenos a nostalxia pois aínda aparecían dúas empresas clásicas que foron, sobre todo a primeira, parte da historia da vila.
VIRIATO: Era a última fase dunha longa decadencia, pero aínda lle chegaba para ser a 3ª do concello e 564ª de Galicia cunha facturación de 11,4 millóns de euros, uns 120 empregados pero unhas perdas de máis de 330.000 euros. Aínda aguantou un par de anos máis pero en xaneiro de 2017 pechou definitivamente as portas.
PONPRE: A pesar dos seus problemas, a gasolineira de Leira aparecía naquel listado no posto 2411, aínda que con facturación e beneficios 0,00. Hoxe segue pechada e coas malas herbas medrando nas súas instalacións.

Se queredes ver un listado de empresas de Ordes, premede na ligazón.

viernes, 14 de junio de 2019

José López Bao

  José López Bao, máis coñecido simplemente como Bao (aínda que nos anos 60 e 70 era alcumado o Rei do si bemol), naceu en 1927 na parroquia de Ardemil (Ordes). Era o 2º fillo de Benito López Fernández (1892-1985) e María Bao Bello (1902-1984). A afección pola música veulle de moi novo, pero non só como instrumentista senón tamén como construtor de instrumentos. Explícábao el mesmo:
- Comecei a tocar cando tiña uns 12 anos cunha gaita moi vella que soaba moi mal. Entón díxenme, vou probar a ver se podo facer algo mellor.
  E así comezou a súa carreira de artesán, fabricando manualmente un ronco.
- Todo o mundo comentou o ben e forte que soaba ese ronco. Moitos non crían que fora capaz de facelo a man sen usar un torno, máquina que naquel tempo custaba 2.000 pesetas (o prezo de 7 vacas!). Empezáronme a encargar instrumentos, cinco gaitas de golpe. Mesmo un veciño do Canedo quíxome comprar o ronco e como non quería vendelo, rematei por cederllo por 47 pesetas, cando a gaita custaba 45.

  Pero Bao era un home polifacético: ademais da gaita tocaba o clarinete e non só era artesán senón que tamén sacaba os seus cartos exercendo de barbeiro. Tocou co cuarteto "Os da Fraga" substituíndo a Manuel Louro que estaba enfermo e cos de Carballedo de Buscás.
  Casou con Regina Álvarez Bascoy coa que tivo dous fillos: José e Manuel.
  Non obstante ser só músico e construír gaitas non daba para vivir ben, así que, despois de facer tamén chineiros e neveras, no ano 1952 empezou a traballar na Fábrica de Armas da Coruña. O home que facía instrumentos musicais e mobles pasou agora a fabricar escopetas e ametralladoras.
 
  Viviu en Cernadas ata o ano 1968 e logo marchou a Eirís de Abaixo. Alí montou un gran taller onde seguiu construíndo gaitas no seu tempo libre. Nesa época a gaita máis barata que fabricaba costaba 30.000 pesetas, pero algunha podía chegar a valer ata medio millón (ou máis) de pesetas da época.
 En 1987, ano no que deixou a Fábrica de Armas, comezou a fabricación de instrumentos a xornada completa.

  As súas gaitas tiñan un gran prestixio, tanto que para adquirir unha delas había unha lista de espera de ata tres anos. Saíron centos das súas mans e foron usadas polos principais grupos de música tradicional: Cántigas da Terra, Os Cinco de Galicia, Os Labregos, Brisas da Coruña, Os Montes de Lugo ou o Ballet Galego. Para estes últimos fixo 15 gaitas e tamén bombos e tambores. A súa fama chegou aos Estados Unidos, onde un museo exhibiu a súa foto ao lado da de Dalí.
  Pero ese prestixio non era regalado: Bao non levaba a conta das horas que pasaba no seu taller. Sempre repetía:
- Facer as cousas en condicións leva máis tempo que facelas mal. Unha gaita profesional ben afinada leva moito tempo.
  No ano 2002 foi premiado coa "Gaita de ouro" no 12º Concurso de Gaitas de Punta Arnela (Ferrol). Para apreciar o valor do galardón, diremos que a "Gaita de prata" foi para o famoso Orfeón Terra Nosa.

  En 2012 a súa casa foi expropiada pola ampliación de Matogrande, así que volveu ás súas orixes, a Ardemil. Alí continuou facendo gaitas practicamente ata o día da súa morte, o 27 de setembro de 2015, aos 88 anos de idade. Está soterrado no cemiterio de Leira.

martes, 11 de junio de 2019

O pazo de Codeseda

  Un dos edificios de arquitectura civil máis antigos de Ordes (século XVII) é o pazo de Codeseda, lugar da parroquia de Leira, que está a menos de 500 metros da Nacional 550.


  O pazo é un edificio con planta case cadrada (que ocupa uns 250 m2) con tellado a catro augas. A fachada principal que da ao leste ten diante 4 plataneiros (o que significa que para observala ben é mellor ir cando estean sen follas). Está feito de cachotería (pedra miúda) enfuscada e revocada, con cantería en vans e cornixa.
  Na zona sur da fachada o máis salientable é un balcón sobre grosos canzorros con balaustrada de pedra labrada. Preto do centro destaca un escudo moi ornamentado dividido en catro cuarteis que aluden ás diversas ramas familiares dos propietarios.
  Nunha das fachadas laterais apréciase a forma semicircular dun forno que se usaba para cocer o pan.


  Os terreos do pazo están amurallados. Fóra deles, na parte norte, podemos ver o hórreo da propiedade e a uns 50 metros ao sur está a capela, feita tamén na súa maior parte de cachotería (aínda que a espadana é de formigón) e cun escudo máis antigo que o do propio pazo.


  A casa de Codeseda estivo sempre unida á casa de Queirís (na parroquia de Santaia de Moar). Os Verea e Aguiar eran os donos de ambos os dous dominios. Don Domingo Rodríguez de Verea e Aguiar e a súa muller, dona María López de Verea, fundaron no século XVII este pazo. Así se recolle no escudo que se encontra na capela pacega.
  Por vía matrimonial os descendentes foron vinculando esta casa con diferentes familias: os Caamaño, os Seijas (procedentes da casa de Bascuas en Arzúa), os Pol (que viñan do pazo de Lermo nas inmediacións de Santiago), os Salazar e Alvarado (da casa da Ribeira no val de Barcia), os Hermida...
  No segundo tercio do século XVIII don Jacobo de Verea, avogado da Real Audiencia de Galicia na Coruña, incrementa as dimensións do pazo e incorpora o escudo que se ve na fachada principal, onde se representan os brasóns dos Aguiar, Baamonde, Pol, Alvarado e Salazar, os dous últimos polo seu matrimonio con dona Mª Teresa de Pol y Salazar. O seu neto, Francisco Verea y Hermida, que nacería no pazo en 1781, foi gardamariña e morreu con 20 anos no incendio do navío "San Hermenegildo". A principios do século XIX aínda vivía Ignacio Verea y Pol Hermida, patrón da capela, cabaleiro da Real Maestranza de Ronda e persoa de gran renome na zona.
  Posteriores repartos nas herdanzas ocasionarían que a propiedade acabara en mans da familia luguesa Llamas Navia de Osorio.
  En 1877 sufriu un gran incendio.
  Nos anos 60 do século XX remata a vinculación con familias nobres: comprouna Ricardo Mosquera, xardineiro de Lugo e propietario de viveiros, que no ano 1978 venderíalla á familia Alonso da Coruña que son os actuais propietarios.

sábado, 8 de junio de 2019

Comezos da liña férrea

  En 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera, aprobouse o Plan Guadalhorce que buscaba mellorar a rede ferroviaria creando novas liñas e, de paso, reducir o desemprego grazas ás obras públicas. Recuperouse así (despois de 50 anos) o proxecto de unir Zamora e Ourense, que pasou a incluírse no chamado "Plan Preferente de Urgente Construcción" onde se contemplaba ademais que desde Ourense continuase a Santiago e Coruña.
  Esta era a obra de maior envergadura e mais custosa de todas as que se proxectaron nese Plan. En febreiro de 1927 contratáronse as obras do tramo Santiago-Coruña por un valor de un pouco máis de 32 millóns de pesetas.
  Os Reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia visitaron o 24 de Setembro de 1927 na Coruña o comezo das obras desta liña. Por certo que o enxeñeiro xefe, D. José Fernández-España Vigil, ao pouco tempo de comezar os traballos, sufriu un accidente de automóbil no que perdeu a vida.

  En Ordes, pola súa privilexiada situación entre Coruña e Santiago, instalouse a finais do ano 1927 a oficina central encargada da administración e dirección dos traballos de campo, que abarcaban desde o túnel de Vista Alegre preto da Coruña ata as inmediacións do Tambre.
  Foi elixido como contratista das obras o ourensán José de las Cuevas Vázquez e entre os funcionarios técnicos estaban Francisco Pérez Rodríguez, José García Vidal e Francisco Cachafeiro. Montáronse varias brigadas, que constaban duns 400 obreiros, cubrindo ese tramo dun 20 Km. Moitos destes "carrilanos" -como eran coñecidos os obreiros do ferrocarril- residiron en Ordes (e tamén moitos foron contratados na comarca), o que significou unha época de gran animación e prosperidade para a vila (similar ao que pasaría a finais dos anos 70 coa construción da Central Térmica de Meirama e da Autoestrada do Atlántico).

  En 1928 constituíuse a "Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste", máis coñecida como Oeste, que absorbeu a MZOV coas súas liñas e as súas obras.
  Pero a rendibilidade do proxecto xeraba dúbidas. A crise do 29 e o feito de que fose algo nacido na época de Primo de Rivera non o axudou. Cando se proclamou a República, en 1931, os obreiros eran optimistas, pero Indalecio Prieto decidiu non gastar mais diñeiro nas obras. Paralizáronse por tanto os traballos de máis de 12.000 persoas. Ante as violentas protestas, sobre todo en Ourense, o Goberno deu marcha atrás pero decidiu que o ferrocarril fose custeado polas Deputacións e Concellos, o que retardou os traballos. 
  A Guerra Civil paralizounos totalmente. Cando finalizou apenas había diñeiro pero si moita man de obra barata (os prisioneiros republicanos) o que permitiu acabar as obras e inaugurar a liña o 14 de abril de 1943.

martes, 4 de junio de 2019

Os Mosqueiras de Montaos

  Xa temos dito que o apelido Mosquera é bastante común en Ordes. Unha das familias máis coñecidas de Montaos foron os Mosquera Candal, nacidos de Juan Mosquera Iglesias (1874-1943) e Concha Candal Mosquera (1876-1963), que vivían nunha casa moi próxima á igrexa de Santa Cruz.
  O matrimonio tivo 9 fillos: Carmen, José, Asunción, Genoveva, Ricardo, Jesús, Juan, Concha e Laureano Mosquera Candal.

  Dos 4 varóns, tres traballaron en Obras Públicas -os que en galego eran coñecidos como legoeiros (popularmente laghueiros)-.
  José Mosquera (1902-1986), casado con Consuelo Veiras (1910-2003), herdou a casa familiar e tivo 8 fillos. A súa primoxénita, Juana, casou con Suso de Calvo da coñecida ferraxería que hai en Alfonso Senra 49. O quinto, Juan (1941-2023), foi director da sucursal do Banco de Santander en Ordes.
  Ricardo (1910-1999) quedou solteiro. Jesús, sarxento do Rexemento de Infantería Zamora, morreu na Guerra Civil en agosto do ano 1938Juan (1913-2019) foi o máis famoso, tanto pola súa lonxevidade -105 anos!- como por ser colaborador do Centro Meteorolóxico -o que lle valeu para saír varias veces nos xornais e na televisión-. O máis novo, Laureano (1918-1995), morreu sen fillos.

  Das mulleres, a maior -Carmen (1901-1997)- e a menor -Concepción (1916-2011)- casaron en Montaos. Asunción (1903-1998) casou con Amancio Rico (1900-1983) o propietario de "Muebles Rico" de Sigüeiro, onde naceron os seus 5 fillos. Genoveva (1905-2000) casou co perito ordense Pedro del Río (m.1975) sendo ambos xa maiores. O matrimonio, que viviu no Mesón de Deus, non tivo fillos -aínda que Pedro xa tivera algúns non recoñecidos antes do matrimonio-. Por certo, o seu irmán Benjamín tamén casou cunha Mosqueira, pero neste caso era dos Mosqueiras de Vilaverde.
 

jueves, 30 de mayo de 2019

Juan Mosquera Candal

  Se unha virtude tivo Juan Mosquera foi a da persistencia (e a da lonxevidade). Era un home dos de antes da guerra e, no seu caso, non só da Guerra Civil senón da "Gran guerra" (a 1ª GM), pois naceu o de 3 xuño de 1913 en Santa Cruz de Montaos.
  Era fillo de Juan Mosquera Iglesias (1874-1943) e de Concepción Candal Mosquera (1876-1963) que tiveron unha ampla familia de 8 fillos (cousa moi habitual naqueles tempos) dos que el era un dos maís novos. José (1902-1986) e Ricardo (1910-1999) traballaron en Obras Públicas o mesmo ca el, que, a pesar de ter poucos estudos, chegou a capataz.

  Juan casaría con Marcelina Lestón Simal (1918-2003) coa que tivo un fillo, Juan José (que morrería antes ca el), e con quen viviría en Santa Cruz na Igrexa Nº 29.

  Juan era moi activo e, ademais do seu traballo en Obras Publicas, comezou a colaborar co Servizo Meteorolóxico Nacional (agora AEMET) a petición do mestre de Pereira, en agosto de 1948, e dous anos despois, en 1950, tamén empezou a mandar informes fenolóxicos.
  Todos os días ás 8 da mañá recollía os datos dos pluviómetros, anemómetros e cataventos que tiña na súa finca. Os datos enviábaos a Madrid mensualmente por correo. Tamén saía co seu coche a recoller datos fenolóxicos que servían para estudar a relación entre o clima e o ciclo biolóxico das especies. Era moi coñecido na zona polos paisanos a quen lles preguntaba polas aves que avistaran, especialmente polo cuco e as andoriñas.
  Os seus datos foron moi valiosos para a investigación e o seu nome aparece citado mesmo en teses de doutoramento. Era tan recoñecido o seu saber no campo da meteoroloxía que nunha ocasión foi chamado a un xuizo por mor dun accidente de tráfico en Ordes, para testificar cos seus datos a choiva que caera ese día.

  Os anos foron pasando e Juan rematou por ser o máis veterano colaborador dos 3.000 que tiña a AEMET. Isto valeulle aparecer varias veces na prensa e que a entidade lle rendera unha gran homenaxe en marzo do ano 2016 en Madrid, dentro dos actos conmemorativos do Día Meteorolóxico. Tiña nese momento 102 anos.
  Ese mesmo ano xa non renovou o carné de conducir e deixou de dar os seus habituais paseos a bordo do seu Peugeot 206, pero continuou recollendo os datos pluviométricos ata que o corpo aguantou.
  Morreu o 21 de abril de 2019 aos 105 anos de idade.

  Podes ver aquí un vídeo onde o entrevistan.