Se unha virtude tivo Juan Mosquera foi a da persistencia
(e a da lonxevidade). Era un home dos de antes da guerra e, no seu caso, non só
da Guerra Civil senón da "Gran guerra" (a 1ª GM), pois naceu o de 3
xuño de 1913 en Santa Cruz de Montaos.
Era fillo de Juan Mosquera Iglesias
(1874-1943) e de Concepción Candal Mosquera (1876-1963) que tiveron unha
ampla familia de 8 fillos (cousa moi habitual naqueles tempos) dos que el era
un dos maís novos. José (1902-1986) e Ricardo (1910-1999) traballaron en Obras
Públicas o mesmo ca el, que, a pesar de ter poucos estudos, chegou a capataz.
Juan casaría con Marcelina Lestón Simal
(1918-2003) coa que tivo un fillo, Juan José (que morrería antes ca el), e con
quen viviría en Santa Cruz na Igrexa Nº 29.
Juan era moi activo e, ademais do seu traballo
en Obras Publicas, comezou a colaborar co Servizo Meteorolóxico Nacional (agora
AEMET) a petición do mestre de Pereira, en agosto de 1948, e dous anos despois, en 1950, tamén empezou a mandar informes
fenolóxicos.
Todos os días ás 8 da mañá recollía os datos
dos pluviómetros, anemómetros e cataventos que tiña na súa finca. Os datos
enviábaos a Madrid mensualmente por correo. Tamén saía co seu coche a recoller
datos fenolóxicos que servían para estudar a relación entre o clima e o ciclo
biolóxico das especies. Era moi coñecido na zona polos paisanos a quen lles
preguntaba polas aves que avistaran, especialmente polo cuco e as andoriñas.
Os seus datos foron moi valiosos para a
investigación e o seu nome aparece citado mesmo en teses de doutoramento. Era
tan recoñecido o seu saber no campo da meteoroloxía que nunha ocasión foi
chamado a un xuizo por mor dun accidente de tráfico en Ordes, para testificar
cos seus datos a choiva que caera ese día.
Os anos foron
pasando e Juan rematou por ser o máis veterano colaborador dos 3.000 que tiña a
AEMET. Isto valeulle aparecer varias veces na prensa e que a entidade lle
rendera unha gran homenaxe en marzo do ano 2016 en Madrid, dentro dos actos
conmemorativos do Día Meteorolóxico. Tiña nese momento 102 anos.
Ese mesmo ano
xa non renovou o carné de conducir e deixou de dar os seus habituais paseos a
bordo do seu Peugeot 206, pero continuou recollendo os datos pluviométricos ata
que o corpo aguantou.
Morreu o 21
de abril de 2019 aos 105 anos de
idade.
Podes ver aquí un vídeo onde o entrevistan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario