O primeiro terzo do século XIX foi unha época
economicamente moi dura na que se disparou a delincuencia en Galicia. Os
bandoleiros xuntábanse en bandas que se denominaban gavelas -gavillas en castelán-
(116 ata 1850), e actuaban por toda a rexión.
A principal estudosa deste fenómeno é a
profesora Beatriz
López Morán que nos seus libros* defende a hipótese do bandolerismo
de subsistencia, todo o contrario da visión romántica e heroica que existe dos
seus homónimos andaluces e estremeños como exemplo de rebeldía e símbolo de
loita dunha comunidade campesiña contra a opresión.
Polo contrario, as gavelas galegas actuaban
brutalmente e non eran permanentes. A maioría de membros eran desherdados da
fortuna, labradores sen terra que se asociaban para delinquir con maior
eficacia. Había tamén moitas mulleres e colaboradores. Atracaban por
subsistencia e a proba é que non rexeitaban apropiarse de diñeiro, pero o que
sempre roubaban era comida e roupa. Así, era habitual que desaparecesen o porco
curado, o augardente, o liño xa fiado, o pote da cociña e as velas para
alumarse. A miúdo, o asalto ía acompañado do asasinato ou crueldade innecesaria,
chamando aínda máis atención cando a vítima era un sacerdote.
Porque un dos principais obxectivos destes
asaltos, ademais das casas dos labradores acomodados nos que se podía obter
diñeiro, obxectos de prata, armas e calzado fino, eran as igrexas. Estas
xeraban un abundante tráfico ilícito de cobre e metal procedente de cálices,
incensarios, patenas, copóns...
Había un claro rexeitamento popular contra o
bandoleiro, debido a que os roubos eran indiscriminados. Un 40% foron contra xente
de mediana ou case nula fortuna. O mesmo asaltaban pazos ou reitorais e casas
de campesiños fortes que outras de familias pobres ou miserables e camiñantes
solitarios. Por iso, os veciños armábanse, avisábanse e formaban roldas
nocturnas de seguridade.
Para maior complicación, á delincuencia común engadíase tamén a política
pois había partidas carlistas que dexeneraban en ladróns comúns e bandoleiros
que se finxían carlistas. Un xuíz de Ordes en 1840 emitiu unha comunicación
anunciando a reaparición dos antigos xefes Ramos, Couso e Calvo do Pino, que
vagaban xunto a outros delincuentes comúns polas zonas de Brates e San Esteban
do Campo.
Ao
principio os xuíces non se mostraban moi belixerantes contra estes
delincuentes, seguramente porque eles mesmos non se consideraban ben
protexidos. Mesmo, cando os bandidos eran detidos, as sentenzas adoitaban ser
benignas. A situación empezou a cambiar a partir de 1823, cando se creou o chamado corpo de voluntarios realistas, unha
forza militar dedicada á represión do bandidismo que operou con bastante
eficacia no medio rural. O 14 de xullo de 1826
promulgouse unha Real Orde pola que se mandou formar na provincia de Santiago
un Consello de Guerra permanente para xulgar aos ladróns e malfeitores que as
partidas de tropas capturasen.
Ademais nesa época foi nomeado capitán xeneral
de Galicia o duro militar Nazario Eguía,
quen puxo especial empeño en utilizar este novo corpo para restablecer a orde
nas áreas máis afectadas pola delincuencia, sen preocuparse moito polas
formalidades xurídicas (uso habitual da "lei de fugas"). Baixo o seu
mandato empezaron a emitirse sentenzas máis duras -incluídas as de morte-
contra os bandoleiros e a súa actividade decaeu bastante, aínda que nunca
chegou a desaparecer do todo ao longo do século XIX.
COMARCA de ORDES
Do mesmo xeito que o resto Galicia a comarca
de Ordes foi pasto de bandoleiros. Non só había gavelas locais senón que ás
veces actuaban as doutras comarcas nas zonas colindantes, pois tiñan moita
mobilidade.
Por exemplo, en 1804 unha banda con centro na comarca do Ulla ao mando de Manuel
Ventura Domínguez Coello chegou nas súas
correrías ata Xanceda. O pobo levantouse e logrou dar morte a un ladrón. Esta
gavela tiña ata 55 membros! dos cales 11 eran mulleres.
En 1809 Tomás Míguez mandaba
unha gavela en Betanzos que se reconstituiría en 1819. Pouco despois outra gavela de
Arzúa cometeu roubos en Xanceda, Beán, Calvente e varios lugares da comarca.
A gavela de Manuel Fandiño e Lorenzo Tasende
operaba por Mesía. Nela estaban Alejandro de Meneses Negro
de Francos, José de Verea Cayado e a
súa manceba Úrsula Esmorís. O 27-05-1814 o subtenente Tomás Aldao que dirixía o
seu traslado aplicoulles a Lei de fugas no monte Tambural de Cabrui, morrendo fusilados
os tres delincuentes.
En 1816
apareceu a gavela
de Barbeiros, dirixida por Alonso Vilariño, natural de Olas composta
só de 7 membros. Desaparecería ese mesmo ano despois de asaltar a Antonio
Gundín, estanquilleiro de Barbeiros, e unha taberna (20-03-1816) de Teresa
Cordido ou de Barazón, e logo entrar en prisión a maioría de membros.
En 1818 a
gavela capitaneada por Manuel Vilariño de Montemaior (Laracha) de 15 bandidos,
que operaba polas proximidades da Coruña, tamén atacou Cerceda.
Sobre 1820
apareceu a gavela
de Poulo que coñecemos por un roubo en casa de Jacinto Sánchez
Merelas (15-10-1820) no que o maltrataron cruelmente. Vicente Antonio Rodríguez
foi arrestado no Mesón de Herves coa maior parte do botín e logo delatou ao
resto dos compoñentes da gavela: a súa propia nai, Andrea Agustina Rodríguez,
viúva que de moza fora tecelá e nesa época mendiga, Francisco Martínez, veciño
de Santa María de Pastoriza, o italiano Juan Antonio Iquina e a súa manceba
María Benita Barragán, Pedro Bello, veciño de Tabeaio que xa fora membro da
gavela de Cambre, Benito Díaz, Joaquín Mateo, e catro bandoleiros máis. Do
cárcere de Carral, na Noiteboa de 1820 fugouse Vicente Antonio Rodríguez
aproveitando a festa. Logo, o 8 de febreiro de 1821, fugáronse 5 bandoleiros
máis entre os que estaban Iquina e María Benita. O día 17 de febreiro serían
detidos novamente por unha partida de Voluntarios de Aragón. No tiroteo morreu
Francisco Martínez. O tribunal ditou condena, que ía desde os 10 anos de
presidio en Ceuta a 2 no cárcere de Santiago que lles correspondeu a Iquina e
María Benita.
Pero o grupo máis numeroso e coñecido que
operou na comarca foi, entre 1822 e 1828,
a gavela de Mesía, capitaneada por Pedro Lagares
que constaba de 46 membros. A plana maior estaba composta por Francisco López
Carnero o Temible de Boado (Arzúa)
-que sería o xefe despois de 1826-, Pedro González Salgado, Tomás Martínez,
Pedro Silva, Tomás Míguez, Francisco Montero Sar,
Antonio de Castro e outros. A Lagares pouco lle durou a capitanía porque morreu
en Arceo (Boimorto) no 1826 ao serlle aplicada a Lei de fugas. Hai constancia
de moitos roubos: a Domingo Botana de Papucín, ao escribán e veciño de Beán,
Miguel Gómez Varela, ao tamén escribán Ramón Botana, aos sacerdotes de Beán e
do Pazo. Entraron en Montaos na casa de
D. Antonio Garaboa, facéndose pasar por voluntarios realistas (2-06-1823) e
tamén asaltaron a reitoral de Mezonzo en Vilasantar (22-10-1824).
Entre 1826 e 1831 unha gavela con centro en
Tabeaio, formada por 10 bandidos, chegou a roubar no Mesón do Vento.
Os bandoleiros e as gavelas non despareceron
pero a súa actividade mermou moito a partir da terceira década do século XIX.
Atopamos menos casos pero seguía habendo actividade delictiva. Por exemplo
entre 1844 e 1845 houbo unha gavela en Oroso de só 9 bandoleiros que actuou nos
Anxos e Calvente.
*Beatriz López Morán: "El bandolerismo gallego"
(1820-1824), Vigo, Xerais, 1984.
"El
bandolerismo gallego en la primera mitad del siglo XIX" Sada, Ediciós do Castro, 1995