En 1957
continuaba a Guerra Fría e USA superou ese ano as 100 explosións atómicas de
proba desde 1945. Tamén RU explotou a súa primeira bomba de hidróxeno. Dwight
D. Eisenhower foi reelixido presidente e tivo que enfrontar a tensión racial,
mandando en setembro tropas federais a Little Rock en Arkansas para escoltar
aos primeiros nove estudantes negros que compartiron aulas cos brancos naquel estado. De
reollo miraban cara a Cuba onde o ditador Batista enfrontaba aos rebeldes
mandados por Fidel Castro. Ao lado en
Haití sería elixido presidente vitalicio o ditador François Duvalier
(1907-1971).
Europa en cambio avanzaba cara a integración asinando en marzo os Tratados de Roma,
primeiro chanzo na creación da CEE. Tamén avanzaba a descolonización e ese ano
lograron a súa independencia Ghana, Costa de Ouro, Malasia e Singapur. Non
obstante Francia resistíase a deixar Alxeria (batalla de Alxer) e continuaba en
guerra. En Exipto reabríuse a canle de Suez en abril cando se retiraron as
tropas de Israel.
1957 foi o ano de Buddy Holly e a súa "Peggy Sue", da
aparición en Arxentina da revista "Hora Cero Semanal" onde saíu o
cómic "El Eternauta" e
da inauguración da ponte colgante máis longa do mundo no Estreito de Mackinac
sobre o lago Míchigan.
Pero o gran protagonista dese ano non foi
humano. Se a URSS, para consternación dos Estados Unidos, lograra un espectacular
golpe de efecto cando lanzou en outubro o Sputnik,
aínda elevou á aposta en novembro lanzando o Sputnik 2 levando a bordo á
célebre cadela Laika
de triste destino.
España, despois do xélido inverno de 1956, vivíu
agora un tórrido verán. E a pesar de comezar o ano coa boa nova da chegada do buque
soviético Crimea con 412 repatriados, pronto chegarían tamén aires de crise. En
febreiro houbo un novo intento de folga promovido polo PCE na minería asturiana
case coincidindo coa primeira asemblea libre de estudantes no paraninfo da
Universidade de Barcelona. A resposta do Réxime sería o 8º goberno (1957-1962) que iniciaría o xiro tecnocrático. Outras novas serían
a morte do militar Juan Bautista Sánchez González, o recoñecemento do ensino non oficial e o inicio do conflito en Ifni.
Pero o máis importante foi o 27 de xuño a aparición do Seat 600.
Este pequeno vehículo de menos de 600 kg cambiou a vida dos españois para sempre
pois o seu prezo, 65.000 "rubias" fixo que o coche deixase de ser un
obxecto de luxo e moita xente aspirase a el (de feito a lista de espera era de
10 meses). Segundo frase da época o "peatón"
sería agora o "seatón".
Sara
Montiel arrasou con El último cuplé e
a canción "Fumando espero". Tamén triunfaron a 2ª versión de La hija de Juan Simón e Saeta del ruiseñor, o 2º gran éxito de Joselito.
En Galicia
emigraron máis de 27.400 personas. De feito foi o ano da famosa fotografía de Manuel Ferrol. Iso non quitaba que houbera
avances, sobre todo nas cidades, e xa se intentara promocionar o turismo con
esta filmación: Viaje por Galicia. Por exemplo foi o ano no que Frigsa inaugurou o gran matadeiro de Lugo, promovido polo INI. Tamén se fundou Celulosas de Pontevedra e comezaron as obras en Lourizán, aínda que a inauguración da factoría aínda tería lugar 6 anos despois. Como anécdota, en agosto visitaron A Coruña os Harlem Globetrotters. O equipo
estaba entón nos seus mellores momentos e contaba cos carismáticos Meadow Lark
Lemon, Leo Hillard e Andy Johnson.
En Ordes
non houbo grandes novidades.
XANEIRO: O equipo do
Ordes en 3ª División gañou 2-0 ao Lugo.
FEBREIRO: O equipo do
Ordes gañou 5-0 ao Flavia. O día 5 morreu
na Coruña Purificación Rendueles Menéndez, viúva de Varela Tojo.
MARZO: Gran riqueza
troitera esa temporada. Derrota do equipo do Ordes na casa 0-4 fronte ao Orense. Morreron Juana Bello Boquete aos
92 anos en Buscás, María Manteiga Gómez aos 91 anos en Leira e Jesús Mosquera Villaverde, traballador de FENOSA que morreu electrocutado nun transformador do Mesón do Vento con só 26 anos de idade.
ABRIL: Creada unha
escola unitaria feminina na vila. O día
24 celebrou a súa primeira misa don Isidro Marcos Romero (1933-2024) en Sta
María.
MAIO: Santa Misión dos
Dominicos en Beán. Morreu Cecilia Bello Uzal aos 86 anos en Ardemil. José Neira Duro funda Autos Grabanxa co 1º autobús a Santiago.
XUÑO: Accidente de camión
en Santiago na rúa das Rodas. Conducía Ángel Prado Meijide de 26 anos e tamén
ían Manuel Villaronga Castro, José Ferreiro e Antonio del Río Rial, único
ferido e tamén detido por "insolentarse" cos gardas que o levaban ao
hospital. Na Coruña tivo lugar a 2ª voda de Carlos Ramón Ballesteros, viúvo de Mª Jesús Moar.
XULLO: José Santiago Lojo
Formoso nomeado oficial de 4ª no xulgado de 1ª Instancia. Morreu Emilio Sánchez
Álvarez da familia Sánchez Somoza aos 56 anos.
AGOSTO: Festas patronais de 5 días cun
torneo triangular de fútbol entre Ordes, Flavia e Santiago, gañado por este
último equipo vencendo na prórroga ao Ordes por 2 goles a 1. Morreu
Estrella Rodís del Río en Parada.
SETEMBRO: D. Francisco
Nimo Castro (ecónomo en Ordes) nomeado párroco da Baña. Inicia a temporada de fútbol con novo adestrador, o coruñés ex-Brigantium Alfonso Rico Arizmendi. Morreu aos 65 anos
Etelvino Riande Ameijeiras da familia Tacón.
OUTUBRO: Toma de posesión
do novo párroco de Ordes don José Fernández Fuentes. Morreu en Beán Mª José Patiño García aos 59 anos e en Poulo Dolores Varela Abella aos 84.
NOVEMBRO: O día 24 houbo
eleccións para concelleiros polo tercio de cabezas de familia, saíndo elixidos
en Ordes o avogado Celestino Concheiro Iglesias e o mestre Ricardo Rama Blanco.
Violento partido con derrota 1-2 contra o Lugo que rematou con catro lesionados
lugueses.
DECEMBRO: O día 7 Manuel
Raña Ríos de 21 anos, natural das Casillas, fillo de Antonio Raña e Francisca
Ríos, suicidouse en Santiago apoiando a súa cabeza na vía do tren. Morreron
Juan Mosquera Soneira en Ordes e Josefa Darriba Bouzas aos 73 anos en Leira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario