martes, 25 de marzo de 2025

Festas en 1960

   O verán de 1960 comezou ben para Ordes. O mércores 27 de xullo o gobernador civil Evaristo Martín Freire pasou revista a diversas estradas que estaban con obras de mellora e visitou os concellos de Carballo, Arzúa e Ordes onde inaugurou diversas obras. En Ordes foi inaugurado o edificio do matadoiro, gran mellora para a vila, en presencia das autoridades locales.
 
 
  As festas de agosto duraron 4 días e non se diferenciaron moito das de anos anteriores. Segundo o alcalde os gastos ascenderon a unhas 90.000 pesetas da época.
  O domingo 14 a verbena nocturna estivo amenizada pola Banda de Arca. A Alameda lucía a iluminación dos industriais García y Blanco de Padrón.
  O luns 15, día grande, a Banda de Arca compartiu protagonismo coa Banda del Frente de Juventudes de Pontedeume. Pola tarde houbo partido de fútbol entre o Olímpico de Rutis e o club Órdenes. A verbena nocturna estivo a cargo das bandas e da orquestra Oriente. Non faltaron a elevación de globos e a sesión de pirotecnia a cargo dos irmáns Rocha de Oza dos Ríos.
  O martes 16 iniciou ás 10:30 unha competición de tiro ao prato con valiosos premios. Houbo o habitual concerto da Banda de Arca. Pola tarde outro partido de fútbol, nesta ocasión entre o Negreira e o Ordes, e outras competicións deportivas. Pola noite nova verbena.
  O mércores 17 de novo ás 10:30 houbo nova competición de tiro ao prato. Logo concerto na Alameda, cucañas e carreiras de cintas. Pola noite a Banda de Arca e a orquestra Oriente amenizaron a última verbena que rematou coa elevación de numerosos globos.
 
  La Voz de Galicia dedicoulles o sábado 13 de agosto un especial de dúas páxinas onde, ademais de moitos anuncios, e o artigo "Órdenes hace un siglo", había unha entrevista co alcalde Juan Liñares.
  Nela explicaba que xunto as xa construídas escolas de Merelle, Guindibóo, Mercurín e Carballedo, foran adxudicadas e estarían rematadas ese ano as de Beán, Leira e Vilamaior. Para o ano seguinte estaban previstas no Outeiro, o Canedo, Faramilláns, Vilasenín, Sar, Mesón do Vento, Cabeza de Lobo, o Cruceiro, Cestaños e a Igrexa.
  Logo recordaba a recente inauguración do matadoiro municipal e falaba do novo cárcere* do partido xudicial que se estaba construíndo na rúa General Mola (hoxe Rúa de Galicia), obra financiada por todos os concellos do partido.
  Falaba tamén do proxecto de construír un camiño desde o Mesón do Vento a Cabeza de Lobo e da inminente substitución do alumeado público de Alfonso Senra e o Campo da Feira (hoxe Parques Municipais) por brazos ou armaduras adosadas aos edificios e lámpadas de vapor mercurio.
 
 * Ese edificio , destinado a ser o cárcere, parecíase ao antigo que houbera onde logo se fixo a Casa do Concello. Tiña planta cadrada cun amplo patio central rodeado do que serían as celdas. Nunca tivo o uso para o que fora concibido e en 1963-64 comezouse a empregar como centro educativo. Sería un Colexio Libre Adoptado, dependente do Instituto Gelmírez de Santiago, aínda que na vila era coñecido popularmente como "a Academia" ou "Academia de Arriba" (por contraposición á de Fausto de Fleira, que era "a Academia de Abaixo" ou "Academia de Vilar"). Logo, cando rematou esta etapa, empregouse como sede de distintas asociacións, ata que foi derrubado e no seu lugar construíuse o edificio Multiusos, sede da Xunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario