viernes, 21 de marzo de 2025

José María Botana López

 
José María Botana naceu en Vitre (Frades) en
1933. Era o fillo maior do matrimonio formado por José María Botana Sánchez (1903-1987), alcalde de Frades a principios dos anos 30 e logo secretario municipal, e a mestra Josefa López Díaz-Varela (1903-1989), 2ª filla do tamén mestre José María López Díaz e de Luz Díaz-Varela Cedrón. Josefa foi destinada a Moar (Frades) en 1927 onde coñeceu a José María Botana co que casou. Despois foi trasladada a Carballo, pero pediu permiso para o nacemento do seu fillo Jose Mª en 1933. Aínda terían outros 4 máis, todos varóns: Enrique (m.2000), Carlos (m.2024), Jaime e Manuel Botana López.
 
  Viviron ata mediados dos anos 40 en Frades, municipio onde ela deu clase en varias parroquias. O edificio que hoxe serve de Casa do Concello foi propiedade da familia.
  José María fillo estudou na USC e en 1955 licenciouse en Dereito. En 1959 iniciou a súa carreira como xuíz de Primeira Instancia en Belchite (zaragoza) e logo sería trasladado a Alcañiz.
  Casou o 8 de novembro de 1962 na Coruña con Mª Dolores Torrón Durán, filla do coronel de Infantería Francisco Torrón Dumas. O matrimonio, que se establecería provisionalmente en Alcañiz, tería tres fillos: José María, María Dolores e Francisco Manuel Botana Torrón.
 
  En abril de 1963 (ano no que tamén naceu o seu primeiro fillo) foi trasladado a Muros, pero aínda pasaría por Jerez de los Caballeros antes de volver a Galicia para exercer en Sarria e Cambados. Estando neste último lugar, en maio de 1973 foi nomeado para a Maxistratura de Traballo Nº2 de Vigo. Posteriormente trasladaríase á Coruña, onde se establecería definitivamente, xa que tamén nesta cidade vivían os seus pais que morrerían na década dos 80.
  Ao longo da súa vida acadou un lote de distincións: presidente da Sala Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, maxistrado do Tribunal Supremo, presidente do Padroado da Escola de Relacións Laborais da Coruña, profesor entre 1990 e 1998 da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, profesor da UNED... e xa desde a súa época en Cambados (1972) posuía a Cruz de San Raimundo de Peñafort.
 

  Unha das distincións máis sinaladas e queridas para el foi cando en marzo de 2011 celebrou ter acadado o título de "Fillo Predilecto" do seu concello, momento onde declarou: «Sempre presumín de ser de Frades, de onde son os mellores grelos do mundo». Agradeceu á corporación que dera o seu nome ao multiusos de Cimadevila «símbolo da transformación do pobo de Frades, que cando nacín non tiña ningunha comodidade e agora converteuse nunha sociedade do século XXI». Este evento contou coa participación de multitude de veciños de Frades e tamén coa do entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
  Morreu na Coruña o día 9 de marzo de 2025 aos 91 anos de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario