Ascensión, máis coñecida como Choncha, naceu en Ordes en maio de 1913. Foi a
7ª dos 12 fillos do avogado Pedro Concheiro Rodríguez e Juana García Mouriño que, á súa vez, era filla do rico propietario Manuel
García Bermúdez, banqueiro -corresponsal do Banco
de España-, futuro alcalde (1921) e dono de moitas terras e da afamada tenda de
tecidos "Casa Carballo" (onde agora
está o supermercado Froiz).
Aos sete anos queda orfa de pai. A súa nai
métea interna nun colexio de monxas en Santiago, ata que casa unha das súas
irmás maiores e marcha a vivir con ela. Aos 17 anos, paseando por Santiago,
coñece a Francisco Comesaña Rendo Paquiño
(1912-1997), de pais tudenses pero nado en Cuba, que estudaba medicina na
cidade. Tamén era secretario xeral das Juventudes
Socialistas en Santiago. Inician unha relación e comparte as súas ideas
políticas pero sen abandonar as súas intensas crenzas relixiosas.
O Alzamento de 1936 sorpréndeos en Ordes. A resistencia é inútil e Comesaña é
detido o día 26 de xullo en Santiago cando ía presentar a Choncha aos seus
pais. É condenado á morte, pero sálvao o ter nacido en Cuba. Os seus 11
compañeiros de Ordes non teñen esa sorte e son fusilados o 8 de febreiro de 1937 no cemiterio de Boisaca.
Cando Choncha, chea de gozo, lle conta ao
sacerdote de Ordes, don Ramón Mosteiro, a súa alegría pola conmutación da pena,
este respóndelle:
-
Pois eu recei para que o matasen.
-
Pois eu tamén lle recei a Deus e escoitoume máis a min! - Contestou iracunda.
Non volveu a unha igrexa (salvo enterros) ata
a súa volta a España moitos anos despois.
Comesaña
pasa máis de 7 anos en diversos cárceres. De Santiago é trasladado á Coruña,
despois a Valencia, a un hospital penal onde acompaña a presos tuberculosos e
de alí a Vigo. Durante ese período casan por poderes. Choncha acompáñao durante
o seu traslado desde Valencia a Vigo e grazas á axuda da parella da Garda Civil
que os custodia, conseguen pasar a primeira noite xuntos despois de casados nun
hotel de Vigo.
Nesa
cidade instálase na casa dunha amiga fronte ao cárcere.
En 1943,
cando Comesaña é liberado por fin, marchan a Cuba. Na Habana nace o seu
primeiro fillo, Francisco Comesaña
Concheiro, que será violinista e durante tres décadas profesor da Orquestra
Sinfónica de Radiotelevisión Española.
Instálanse logo en México onde Comesaña
traballou de médico e continuaron dando apoio a emigrantes e exiliados. Alí
naceu a súa segunda filla, María de los
Ángeles. En México tamén estaban o seu irmán Luciano, que escapara de España cando se descubriu que colaboraba cos maquis, e a súa irmá Estrella.
Esta tiña unha historia parecida porque namorouse de Antonio Alonso Puente, fillo do industrial José Alonso Vieites, que exerceu como médico en Ordes na época da República. Tivo que exiliarse e finalmente casou con Estrella en agosto de 1947 no santuario de Nuestra Señora de la Piedad en México.
En 1975 volven a Galicia e instálanse en Tui, a vila de Francisco, ata a morte de este o 16 de xaneiro de 1997. Despois Choncha regresou de novo a México. A súa lonxevidade ocasionoulle vivir un novo momento de amargura en abril de 2011 cando morreu o seu fillo Francisco. Dous anos despois, en setembro de 2013, sendo xa centenaria, faleceu en Cidade de México onde está soterrada.
A historia de amor de Choncha e Francisco
fíxose famosa porque o escritor Manuel Rivas, despois de moitas horas pasadas
con ela para documentarse, contouna na novela "O lapis do carpinteiro" (1998) aínda que nela os personaxes son chamados Marisa Mallo e
Daniel da Barca.
Hola, sabes en qué cementerio está la tumba de Concha en la Ciudad de Mexico?
ResponderEliminarSaludos!
Pues no. No conozco ese dato. Un saludo.
Eliminar