Un dos máis descoñecidos personaxes de Ordes (basicamente
porque emigrou bastante novo) foi o artista e artesán Adolfo Pérez Graña.
Adolfo naceu en Ordes o 3 de decembro de 1917. Foi o cuarto fillo do
matrimonio formado polo reloxeiro Manuel
Pérez Rivas e Aurora Graña Blanco. Foi un home
inquieto e inconformista, cun carácter nada fácil porque era perfeccionista ata
a esaxeración.
Dos 4 aos 6 anos viviu na maquía de Leira cos
seus avós e tíos, época na que foi moi feliz e sempre lembrou con agarimo,
incluídos aos criados da súa familia, Blas e Laureano. De novo en Ordes, xa con
sete anos, comezou a aprendizaxe do oficio de xoieiro no taller do seu pai fóra
das horas de colexio.
Aprendeu a soldar, limar e axustar. Confeccionaba encendedores, pendentes e aneis pero o que máis lle gustaba era a arte da talla para o que usaba un desparafusador afiado por ambos os dous lados.
Aprendeu a soldar, limar e axustar. Confeccionaba encendedores, pendentes e aneis pero o que máis lle gustaba era a arte da talla para o que usaba un desparafusador afiado por ambos os dous lados.
Aos 12 anos decidiu que non quería ser
reloxeiro. O seu pai tróuxolle un banco e ferramentas de carpinteiro, esperando
que cambiara de opinión, pero non contaba coa teimosía de Adolfo que tiña
decidido que ese sería o seu camiño. Aos 14 deixou o colexio do mestre don Nicolás por
quen sentía unha gran admiración. Marchou a Santiago onde estivo en varios
talleres e asistiu por algún tempo á Escola de Artes e Oficios.
En perpétuo movemento, marchou para a Coruña
e durante a época da guerra, con 22 anos, gañaba o soldo máximo no seu taller.
Cambiou ao dun prestixioso artesán húngaro para perfeccionarse pero tivo que
deixalo aos tres meses porque o seu pai estaba enfermo terminal e os seus
irmáns no exército.
Como a reloxería non era o seu, saudou con
alegría o momento no que Manuel, o seu irmán maior, se fixo cargo dela.
Posteriormente Manuel estableceríase na Coruña e o negocio remataría nas mans
de Alfonso Pérez Graña, o 3º varón
da familia.
Así, en 1942,
iniciou a 2ª fase (a máis importante artisticamente) da vida de Adolfo. Emigrou
a Oviedo onde estableceu o seu
obradoiro e alí casou e tivo 6 fillos.
Comezou a tallar pezas que presentou ás
diversas exposicións. Acadou varios primeiros premios con obras talladas en madeira
e marfil. Casado e xa con dous fillos tamén asistiu a clases de talla artística
de metais na Escola de Artes e Oficios facendo catro cursos en dous anos e
sendo o primeiro desa promoción.
Foi tamén o impulsor da creación do Gremio
Artesán da Madeira do que foi elixido Mestre Maior.
Outro dos honores chegoulle en 1957 cando a Obra Nacional de Artesanía nomeouno "Artesán Ilustre de España".
Outro dos honores chegoulle en 1957 cando a Obra Nacional de Artesanía nomeouno "Artesán Ilustre de España".
A 3ª fase da súa vida comezou pouco despois,
no ano 1958. Parece ser que por
influencia dun coñecido ou familiar Adolfo decidiu emigrar á capital de Guatemala deixando en España á súa
familia á que case nunca volveu a ver.
Na cidade de Guatemala instalou o seu estudio,
ao que chamou "Graña" e
continuou coa súa obra. Só un par de anos despois, en 1960, nacionalizouse como guatemalteco.
Tivo bastante éxito durante 17 anos.
Sen ningunha razón aparente suicidouse o 23
de xaneiro de 1981, aos 63 anos,
disparándose un tiro na sen. O feito sucedeu moi de mañá na pequena oficina
anexa ao seu estudio onde tamén apareceu unha carta tirada no chan na que o
finado (ou outra man) escribira: "No
se culpe a nadie por este hecho...".
Os 6 empregados que tiña mostraron a súa
estrañeza porque a empresa marchaba ben e nada no comportamento do seu xefe
lles fixo sospeitar que puidera tomar tan fatal resolución. Doutra banda a
investigación policial e o certificado de defunción foron moi chapuceiros polo
que na familia sempre quedou a sospeita de que puidese ser un crime.
En todo caso, moi lonxe do seu Ordes natal (a
máis de 8.000 km),
rematou a vida de Adolfo Pérez Graña.
FONTE: Antonio Pérez Casas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario