lunes, 9 de agosto de 2021

Plantas de flores rosadas

 
   Hai bastantes plantas silvestres con flores rosadas, se ben na maioría dos casos estas flores son pequenas e pouco rechamantes.
  Se descontamos as silvas que son arbustos e xa falamos delas noutro artigo, as plantas das que é máis fácil apercibirse son as malvas. Teñen unhas inconfundibles flores de cinco pétalos, grandes e de cor rosada pálida (malva, claro). Son tan habituais que se atopan ata nos cemiterios, de onde ven a expresión dos defuntos "criando malvas". A Malva sylvestris é a que chamanos malva común, pero tamén é numerosa a Malva tournefortiana. Non tan habitual, aínda que hai moitos exemplares a carón do colexio do Mesón do Vento que alcanzan bastante altura, é a Malva multiflora (ou Lavatera cretica), a popular malva loca castelá.
 
 
  Agora ben, nos cemiterios (polo menos no do Piñeiro) se atopamos unhas flores máis ou menos malvas no outono, pois resulta que non son malvas! Se nos fixamos máis, teñen 6 pétalos en lugar de 5 e son de forma lanceolada. Son plantas do xénero Colchicum. Hay dúas especies moi parecidas: Colchicum montanum e Colchicum autumnale, azafrán silvestre en castelán e cólquico en ambos os dous idiomas, non obstante o seu nome popular é quitamerendas.
  Pouco abundante é a Silene dioica, cabaciñas en galego e Red campion en inglés.
 
 
  Moi correntes son os xeranios que teñen flores bastante pequenas. Geranium robertianum (agulleira en galego, aguja de pastor ou geranio de San Roberto en castelán) e Geranium pusillum son comúns.
 
 
  Tamén da familia das Geraniaceae é Erodium cicutarium (agujitas ou pico de cigüeña en castelán), unha herba que medra por todas partes e que era moi querida polos rapaces do século XX porque se facía coas súas agullas un xogo (eran outros tempos!) moi divertido. Moi parecida é Erodium moschatum, chamada en castelán almizclera polo seu cheirume a almiscre.
  Ás labiadas pertence Clinopodium vulgare (calaminta ou néveda, clinopodio ou albahaca de monte en castelán) que destaca pola súa pilosidade.
 
 
  Fumaria officinalis (herba dona, sangre de Cristo en castelán) como rasgo máis salientable ten unhas pequenas flores rosadas que parecen rematar nunha pinga de sangue. Verbena officinalis (verxebán) tamén é moi común.
 
 
  Parecido a un trevo con follas estilizadas e acorazonadas é Oxalis latifolia, unha mala herba abundantísima no medio das fincas de millo e noutros lugares. Epilobium parviflorum como moitas outras plantas ten as flores tan pequenas que xa aparece esta característica no seu nome científico. En cambio Epilobium hirsutum (hierba de San Antonio en castelán) é unha planta de bo tamaño e con flores bastante grandes, ademais dunha pilosidade á que debe o seu nome científico. Falemos agora de Lamium maculatum, unha planta moi abundante e con flores que parecen pequenas orquídeas. As súas follas parécense ás das ortigas polo que reciben o nome de ortiga muerta en castelán. Da mesma familia é Lamium album, só que esta última ten as flores brancas.

 

  Finalmente da familia das asteráceas temos o eupatorio (cannabina en castelán), planta que está sendo cada vez máis común polo seu atractivo para as bolboretas.
  Para ver máis plantas silvestres (non necesariamente da comarca) con flores rosadas e púrpura, podedes premer aquí: Plantas silvestres de flores rosadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario