Víctor Benedicto Maroño Pena naceu no lugar
da Igrexa na parroquia de Calvente (Oroso) o 8 de xaneiro de 1935 (aínda que foi anotado no Rexistro
Civil o día 10). O seu pai era José
Maroño Sánchez, natural de Frades, e a súa nai María
Pena Fernández, natural da parroquia de Calvos en Touro pero residente en
Calvente. O matrimonio tivo 14 fillos! dos que dous deles, Víctor e Evaristo
Antonio, seguiron a carreira relixiosa.
Víctor viviu a súa primeira infancia ata os 6
anos e medio en Calvente, lugar que sempre recordaba con agarimo (a Casa de
Vieiro, a escola na Casa de Ponte, don Vicente -o cobrador da contribución-
...).
En 1955 obtivo unha bolsa que lle permitiu
realizar os estudos de Filosofía e Teoloxía no Seminario Conciliar Compostelán.
Tamén foi Graduado Social pola Universidade de Santiago de Compostela e
licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Salamanca. O 6
de marzo de 1959 nun solemne acto
dedicado a Santo Tomás de Aquino e presidido polo Cardeal Quiroga Palacios presentou a súa tese que foi moi eloxiada.
Diás despois, o 14 de marzo de 1959 foi ordenado sacerdote na igrexa
de san Martiño Pinario. Comezou como ecónomo na parroquia de Santo Tomé de
Piñeiro e logo pasou por San Vicente de Curtis (maio de 1960), o Divino Salvador
de Meis (novembro de 1960) e Santa María de Mira en Zas (1961).
En setembro de 1962 retornou á comarca de Ordes cando foi nomeado párroco de Santa
María de Restande (Trazo) e 2 anos despois, en 1964 tamén exerceu de tenente de
arcipreste de Berreo de Abaixo.
En xuño de 1970 foi nomeado párroco de santa Mariña de Anxeriz (Tordoia).
Desta época destacou o seu apoio á proposta de que o concello de Tordoia
cambiara o seu nome polo de Cabaleiros, proposta que obviamente non saíu
adiante. A partir de 1975, sen
deixar Anxeriz, tamén se encargou de San Xinés de Entrecruces e impartiu clases
de Educación Católica no Instituto de Carballo. Desde 1976 foi Arcipreste de Bergantiños, cargo que exercería ata 1981.
En outubro de 1981 foi trasladado á parroquia de Ordes, cargo que sería
definitivo ata a súa morte. En Ordes viña de xubilarse o párroco don José Fernández Fuentes (1905-1990) que
tivera varios conflitos cos fregueses, así que a chegada de don Víctor foi moi
ben recibida. En 1982 puxo en marcha o Fondo Común Diocesano de Bens, sendo o
seu xestor no período 1983–1985. De 1984 a
1996 desempeñou o cargo de Vicario Episcopal Territorial de Santiago e ese ano foi
nomeado Pro-Vicario Xeneral da Diocese Compostelá. O seu ascenso dentro da
xerarquía eclesiástica ocasionou que tivese que vir en 1989 outro sacerdote a Ordes, don Jesús Codesido Ben, natural do concello do Pino, pero don Víctor
continuou sempre residindo na vila e celebrando misa nas ocasións máis
sinaladas.
No século XXI o ascenso foi imparable. En
decembro do ano 2003, tomou posesión como Cóengo da SAMI Catedral, sendo
nomeado Cóengo Doutoral da mesma en xaneiro de 2006. Desde ese ano tamén exerceu
como Vicario Xeneral-Moderador de Curia, dirixindo a sección administrativa da
Curia. No 2010 foi membro da Comisión Diocesana do Ano Santo Compostelán.
No ano 2014
recibiu a maior honra: o arcebispo de Santiago Julián Barrio entregoulle o título e a faixa
de Capelán da súa Santidade, concedido polo Vaticano en
recoñecemento da súa dedicación á diócese. Desde o ano 2017 tamén atendía a Capelanía das MM. Carmelitas de Santiago de
Compostela.
Morreu o domingo 22 de agosto de 2021 polas secuelas dun accidente doméstico no seu piso da rúa Víctor
González Faya aos 86 anos de idade. O luns
23 tivo lugar o funeral na catedral. O seus restos repousan no claustro do
templo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario