lunes, 27 de diciembre de 2021
Plantas de flores discretas
viernes, 24 de diciembre de 2021
Santa Cruz de Montaos
A fachada, que é totalmente de cantería, conta cunha porta rectangular adovelada e remarcada e unha sinxela fiestra, tamén rectangular e remarcada. Á dereita da porta pódese ver un pequeno azulexo cun reloxo de sol pintado. Remata a fachada unha espadana de dous corpos flanqueada por pináculos piramidais.
No interior, a nave está separada do presbiterio por un arco triunfal semicircular. No muro norte da nave hai unha imaxe da Virxe do Carme que é a que se saca en procesión nas festas, no muro sur hai unha imaxe de San Roque sinalando a chaga da súa perna.
Xa no presbiterio podemos ver un escudo en relevo e policromado no muro norte. No centro do retablo neoclásico detrás do altar hai unha gran cruz (advocación da parroquia) flanqueada por unha imaxe do sacro corazón de Cristo á esquerda e da Virxe do Rosario á dereita.
A igrexa está rodeada polo cemiterio. No adro que serve de campo de festa e que conta con dúas ringleiras de plátanos está un sinxelo cruceiro a uns 65 metros da igrexa, xa preto da estrada.
Unha noticia de decembro de 1877 en El Diario de Santiago permítenos saber que o Igrexario estaba en venda naquel ano e constaba de 128 ferrados de labradío, 38 de carballeira e 130 a monte.
sábado, 18 de diciembre de 2021
A voda Concheiro Blanco
miércoles, 15 de diciembre de 2021
Javier Veiga López
Os Veiga eran unha familia de boa posición no Ordes dos anos 30, que vivían no que hoxe son os Parques Municipais. Eran cinco irmáns: María (1896-1982), Élida (?), Ramón (1907-1980) que foi axente xudicial na Laracha, Amalia (1910-1995) e Celestino Leandro Veiga López (1912-1985), secretario do xulgado de Ordes. Este último casou con Adela Maroño Rodríguez de Sar coa que tivo 4 fillos, e remataría por establecerse na Coruña.
Nos primeiros anos 70, cando aínda asistía á
misa dominical, o cura don José estaba dando o sermón (que
como de costume eu non atendía, ocupado en contar as pedras da bóveda).
Segundo oín despois, dixo algo que molestou enormemente á maioría dos oíntes. Un home levantouse e abandonou
a igrexa en silencio pero ostensiblemente enfadado. Cando rematou a misa e
saiu a xente, vin que moitos se achegaban a felicitalo. Ese é o meu primeiro
recordo de Javier Veiga.
|
sábado, 11 de diciembre de 2021
A movida: os anos 80
Fóra da comarca apareceron grandes salas de
festas que aos poucos fixeron a transición a ser o que se chamou
"macrodiscotecas". En 1979 naceu Chanteclair en Valga, en
1980 inaugurouse en Touro Dona Dana (que en 1992 converteuse en
plató do "Luar" da TVG) e en 1981 Lennon na Estrada. Ademais de ser bastante
visitadas, especialmente Dona Dana por mor da súa proximidade, eran moi
famosas polas súas pegañentas cuñas publicitarias na radio. Aínda hoxe non
esquecín: "Chantecler ¿Te trisca
la idea?" ou "Dona Dana, tu macrodiscoteca en
Touro".
|
lunes, 6 de diciembre de 2021
O ano 1940
A desolación europea contrastaba coa situación nos USA onde aquel ano nacían Bugs Bunny, Tom & Jerry e o 1º «McDonald's» en San Bernardino (California) aberto polos irmáns Dick e Mac McDonald. Tamén era o ano onde Walt Disney estreou "Phantasy" e o do Pulitzer para John Steinbeck con "The Grapes of Wrath", concluíndo coa 3ª reelección de Franklin Delano Roosevelt.
En España, ademais desa entrevista de Hendaya que puido cambiar o destino do país, Franco enfrontaba dous problemas: por unha banda sentar as bases para o seu réxime e por outra loitar contra a mala situación económica.
Así, en xaneiro promulgouse a lei de Unidade Sindical que creou a OSE (máis coñecida como "Sindicato Vertical"), en febreiro restableceuse o Consello de Estado e en decembro naceu a organización Frente de Juventudes para adoutrinar á mocidade. Paralelamente continuouse coa represión (fusilamento de Lluis Companys en outubro) promulgando unha lei contra a masonería, o comunismo e demais movementos «que siembren ideas disolventes contra la religión, la Patria y la armonía social».
No ámbito económico España vivía as secuelas da Guerra Civil: o desabastecemento provocado pola cantidade de campos de cultivo arrasados durante a contenda e o illamento comercial máis a falta de diñeiro. A inflación (do 40 % en zona nacional, pero máis de 1000 % na republicana) arruinara a gran parte da poboación. Por enriba o clima non axudaba e a colleita de trigo dese ano foi de só 2,16 millóns de toneladas (cando antes da guerra chegaba aos 4 millóns). O goberno estableceu un ríxido control de prezos para os produtos básicos e, coma sempre que isto sucede, disparouse o mercado negro (o "estraperlo"). O 30 de setembro naceu a Fiscalía Superior de Tasas, organismo que foi o pesadelo dos comerciantes e campesiños durante a década dos 40, pero que non logrou nunca conter aquel mercado ilegal, propiciado pola fame, e que foi orixe de fortunas millonarias.
Pero nin nos momentos máis duros faltou algo de alegría: ese ano 1940 naceu a revista "Semana" e a xente puido ver "La Dolores" ou "La alegría de la huerta" (dúas películas de enorme éxito) e oír por primeira vez "El concierto de Aranjuez" de Joaquín Rodrigo.
En Galicia, que tiña entón 2,5 millóns de habitantes, comezaban os chamados con razón anos da miseria, agravados pola mala colleita de trigo. En abril prohibíase a venda e o consumo de carne os xoves, venres e sábados (agás a de ave) pero pola contra restableceuse o libre comercio de patacas. En setembro emitiuse unha "severa orden circular encaminada a la supresión del comercio clandestino de artículos de 1ª necesidad, vulgarmente conocido como estraperlo" que incluía vixiancia preto dos almacéns, comercios, etc. En outubro a Fiscalía Provincial de Taxas da Coruña recordaba aos comerciantes a necesidade de ter etiquetas cos prezos ben á vista. Claramente todas estas disposicións non lograron solucionar o problema, visto a enorme cantidade de multas que se emitían. Aínda así houbo algunha boa noticia como o nacemento da 1ª fábrica de Calvo en Carballo.
MARZO: 100 pesetas a Antonio
Rivas Couto Casabella (infracción no peche do establecemento). 100 pesetas a Juan Iglesias Rivas (exercer coacción e
blasfemia). 25 pesetas a José
Franqueira Recouso, Manuel Fernández Castro, Benito García Varela e Valentín Lois
del Río (escándalo).
ABRIL: 150 pesetas a Manuel Villaverde Veiras (venda de bebidas alcohólicas a menores). 100 a Domingo
Vieites Álvarez, marido de Ramona Faya (infrinxir a normativa de
transporte). 50 a
Modesto López Aparicio e Manuel Gómez González (viaxar sen salvoconduto). 50 a Andrés Martínez e 25 a Francisco Regos Golán
(Embriaguez).
MAIO: 100 pesetas a Purificación González Paredes
(escándalo e malos tratos). 50
a Benita Pena Martínez (embriaguez). 25 a Ángel Figueira Juncal
(levar os seus cans sen bozal).
XUÑO: 50 pesetas a
Antonio Álvarez Cotovío (levar viaxeiros
sen salvoconduto). 10 a
Manuel Linares Ramos, Manuel Viqueira Conde, Manuel Souto Gómez, Manuel
Manteiga Suárez e Rafael Moar Lata Tierra Tiembla
(viaxar sen salvoconduto).
XULLO: 100 pesetas a
Carmen Martínez, José Villaverde Veiras, José Ferreiro, Pedro Vieites, Manuela Vieites, Amalia Mirás, Etelvino Riande e
Josefa Bello, viúva
de Grela (venta de leite a prezo superior ao da taxa).
SETEMBRO: 200 pesetas a José
Gonzalez Louro (escándalo e blasfemia). 50 a Jesús Liste Caamaño
(escándalo).
NOVEMBRO: 250 pesetas a
Manuela Louro Garaboa e María Prado López (venda clandestina de xabrón). 50 a Rosario Gómez Gómez,
Jesús Vázquez N e María Veiras (escándalo).
|