Naquel 1931,
ano da proclamación da República, houbo loxicamente moita efervescencia
política. En maio César Alvajar, Juan Pita Serapio e Benedicto Carro,
representantes da Alianza Republicana, visitaron Ordes e Mesía onde xa se
pronunciaron contra algunhas actitudes do alcalde Antonio Concheiro.
Pero en canto ás festas todo seguiu coma se
nada tivese cambiado.
En abril a Semana Santa foi tan fastosa como de costume, sendo o portador da cruz na procesión da Soidade o secretario do Xulgado Waldo Rivas Martínez. Segundo El Ideal Gallego moitas casas presentaban vistosas iluminacións, destacando a do militar Arturo Loureiro e as de Concheiro, del Río, Carballido, Amor, Liste, Castro, Romero, Astray, Viqueira, Álvarez Valdés, Liñares, Carnota, Bernárdez, Sánchez Guisande e Patiño (ou sexa as das familias ricas).
O mes de maio tiveron lugar as
habituais misas na honra da Virxe. Decoraron o templo as mozas Rita Castro,
Piedad
Carnota e Rosita Trasmonte.
Durante a festa do Corpus en xuño, segundo El Compostelano, «el templo rebosaba de gente, ávida de dar
un mentis a los que se titulan "avanzados", creyendo de ese modo
colocarse a la cabeza de la civilización...», estando esa misa a cargo do
coadxutor Domingo
Barbeito Veiras, e presidida polo fatigado sacerdote don Nemesio Morgade
(morrería só catro meses despois). O estandarte foi portado polo xuíz José Sánchez
Guisande e as varas do palio levábanas o republicano Manuel García Gerpe,
Juan Liñares Castro, Benigno Concheiro García, Antonio Louro Parada -fillo do secretario-, Nicolás
del Río Barros e o seu pai (antigo mestre de todos eles) Nicolás del Río Castelo. Na Capela de Lourdes cantouse unha panxoliña. Tamén formou parte da
cerimonia o sacerdote de Ardemil don Pascual Couce Pico.
Pola tarde tivo lugar a romaría da Rúa dos
Lagartos (entón Calle Nueva)
amenizada pola Banda da Garabanxa
que se prolongou ata ben entrada a noite. O encargado dos festexos (posto
conseguido despois de dura pugna) foi o propietario Manuel Mariño Liste, que sería
substituído para o ano seguinte polo comerciante Juan Calvo Pérez (da
ferraxería).
En xullo tivo lugar na vila un disputado
partido de fútbol entre o Órdenes e o Curtis
FC arbitrado por Manolo Vilaboa.
A aliñación do Ordes era: Concheiro de
porteiro; Elice e Edreira defensas; Morandeira, Adolfo e Luis, centrocampistas;
e Paco, Segis, Arturo, Camelo e Louro, dianteiros.
Na primeira parte o Curtis dominou amplamente
e meteu dous goles. O descanso deulle a volta ao partido e o Ordes remontou na
segunda parte rematando o partido 3-2.
Destacaron no Ordes Concheiro (que mesmo
detivo un penalti), os defensas, Adolfo e Arturo. Segundo o xornal "Camelo hizo honor a su nombre".
Coa idea de recadar cartos para as festas organizáronse unhas veladas teatrais no Salón Troche representando "Mi casa es un infierno" de Fernández del Villar. Os "entusiastas" actores foron Manuel Gª Gerpe, Manuel Mariño Vilela, Segismundo Viqueira, Manuel Amor, Antonio Louro Parada e José Abeijón Sánchez, e as actrices Lolita del Río Barros, Angelita Stolle, Olvido Viqueira, Anuncia Faya Vilariño e a nena Encarnación del Río Barros. Todos cumpliron "admirablemente" o seu cometido, mesmo o director de escena Nicolás del Río Barros, e apuntador Celestino Concheiro, que o fixeron "con singular acierto".
As festas patronais (que duraron 5 días) contaron unha vez máis con Ezequiel Astray, encabezando unha comisión na que tamén formaban parte os mozos Nicolás del Río Barros, Celestino Concheiro Iglesias, Manuel García Gerpe, José Concheiro García, Segismundo Viqueira, Manuel Amor e Juan Liñares Castro (como vemos moitos formaban parte tamén da "compañía teatral").
As festas patronais (que duraron 5 días) contaron unha vez máis con Ezequiel Astray, encabezando unha comisión na que tamén formaban parte os mozos Nicolás del Río Barros, Celestino Concheiro Iglesias, Manuel García Gerpe, José Concheiro García, Segismundo Viqueira, Manuel Amor e Juan Liñares Castro (como vemos moitos formaban parte tamén da "compañía teatral").
O venres 14 de agosto as sete da tarde
entraron as bandas de Camboño
(Lousame) e Corme (Ponteceso),
percorrendo a vila en compañía da gaita enxebre "Airiños de
Campeiras". Ás dez foi a verbena na Alameda con elevación de globos e
queima de fogos de artificio.
O sábado 15, día grande, houbo unha gran
salva de bombas ás oito da mañá e novamente bandas e gaitas percorreron as
rúas. Houbo concertos, partidos de
fútbol, paseos de moda e verbena nocturna con iluminación eléctrica.
O domingo 16, San Roque, houbo ademais
carreiras de bicicletas e xogos de cintas, presididos pola comisión e "bellas señoritas de esta
localidad" que entregaron os premios. O partido de fútbol foi contra o Celta de Rutis de Vilaboa que chegou acompañado por moitos afeccionados desprazados en varios autobuses para a ocasión.
O luns 17 percorreron as rúas as comparsas de
xigantes e cabezudos e houbo no Outeiro de Poulo a merenda dos Caneiros.
O martes 18, ademais dos festexos habituais,
foi o día do concurso de baile galego con premios ás mellores parellas.
Os días 12 e 13 de setembro celebrouse a
Festa do Cristo da Agonía na "Calle
Nueva" (Lagartos). A comisión estivo formada por Manuel e Rafael
Mariño Vilela, Manuel Mariño Martínez das
Corredoiras, Manuel Verea Remeseiro, José e Antonio Liñares Rama,
Alfonso e José Candal, Tomás Iglesias e Juan Calviño.
O sábado 12 ás 5 da tarde chegou a banda
"La Humorística" no medio do estoupido de numerosas bombas. A verbena
foi moi animada, ao que contribuíu Rafael Mariño Vilela coa súa artística iluminación
eléctrica.
O domingo houbo misa cantada polo párroco de
Visantoña Manuel Romero Álvarez. A procesión foi espectacular: a imaxe do Cristo ía
nun autobús suntuosamente adornado no que tamén ían as nenas Adita Verea, Elisita Ferreiro e Carmiña Villaverde vestidas
de anxos e soltando numerosas pombas durante o traxecto. Portaba o ramo desde a rúa
en festas a nena Carmiña García, acompañada de Divina Bahamonde, Conchita e
Jesusa Villaverde e Marujita Fraga.
Ás 4 tivo lugar a romería á que acudiu moita
xente, igual que despois á verbena.
O sábado 19 e domingo 20 de setembro tiveron
lugar ás festas do Recreo na hora da
Virxe de Lourdes. A comisión estivo formada por Manuel del Río Iglesias e Manuel Castro coa
colaboración, tamén aquí, de Rafael Mariño na iluminación eléctrica.
O sábado a imaxe foi trasladada desde a
capela ata a igrexa parroquial (regresando á súa ubicación inicial ao día
seguinte despois da misa). Tanto sábado coma domingo houbo baile de cinco a dez
da tarde e de once a doce da noite.
En setembro houbo un partido entre os
reservas do Ordes e o FC de Sigüeiro que rematou cun tanteo de 5-2.
No hay comentarios:
Publicar un comentario