A igrexa de Santa María de Barbeiros está
situada case perfectamente no centro xeográfico da parroquia, na beira leste da
pista que comunica a AC-524 (Ordes- Lanzá) con Folgoso.
A pesar de que a fachada non é especialmente ancha e a súa lonxitude pasa pouco dos 14 metros, o engadido das naves fai que o edificio teña en total uns 130 metros cadrados, máis ou menos no promedio do resto de igrexas do concello.
Esa nave principal e a ábsida están construídas
de perpiaños (bordeados na fachada e laterais adxuntos cun cordón de cemento
pintado de cor branca). Na ábsida podemos ver unha base antiga de cachotería
(pedra miúda). No muro meridional hai 8 ménsulas que testemuñan claramente a orixe medieval do templo. As naves laterais están feitas de cachotería revocada agás as
esquinas e están descompensadas, sendo a do lado norte moito máis alta cá do
lado sur.
Pero a descompensación máis salientable é a
da espadana. Se ben no concello de Ordes as igrexas soen ter espadanas de bo tamaño,
a de Santa María de Barbeiros é excepcional: a fachada (que ten de ancho pouco
máis de 6 metros)
mide ata a base da espadana uns 5,60 metros, mentres a espadana ata o pináculo
... 6 metros!
É dicir, ten máis altura que o resto da fachada.
Na fachada, ademais dunha porta cun arco de
medio punto e unha pequena fiestra rectangular, podemos ver de adorno dúas
cruces das misións, unha de 1963 e outra de 1993 e, a carón desta, unha placa
co texto "Donado por la señora
Manuela Paz Rivas".
O interior da igrexa é modesto cun arco que
da paso ao altar e detrás un retablo no que aparecen imaxes da Virxe, de San
Antonio, de San Roque e outras máis pequenas. Tamén hai un retablo na nave
norte, mentres que na sur hai un par de imaxes. Preto do altar está unha imaxe
de Santa Eufemia á que se lle garda moita devoción na parroquia.
A igrexa de Barbeiros segundo os expertos data
de finais do século XII ou comezos
do XIII. Probablemente constaba
dunha pequena nave con presbiterio cadrado e logo fóronlle engadidas no século
XVII ou XVIII as dúas capelas cuadrangulares, dispostas nun mesmo eixo a
ambos os dous lados da nave. Nun volume sobre os edificios da comarca de
Ordes dirixido por Soraluce Blond,
sinalouse a posibilidade de que a cabeceira fose a orixinal, agás os canzorros.
Non obstante, o testeiro orixinal non se conserva nin interior nin
exteriormente e só o conxunto de ménsulas que sostén a cornixa na cara
meridional da capela maior parecen ser medievais. Trátase dun grupo de oito
pezas de tipo xeométrico, moi sinxelas, labradas con forma de proa de nave ou
con motivos cilíndricos.
|
No adro, aparte das vellas tumbas e dos
panteóns hai unha recente fonte (de 2015) dedicada tamén a Santa Eufemia e
doada por José Antonio Veiras Suárez.
A uns 50 metros ao sur, diante
do campo da festa, está o cruceiro, pequeno, con fuste de granito pero base e
cruz feitos de formigón. Outros 50 ou 60 metros despois podemos ver a reitoral, que
exteriormente non se diferencia doutros edificios da zona.
No hay comentarios:
Publicar un comentario