sábado, 6 de febrero de 2016

Lendas toponímicas

  Lendas toponímicas son aquelas que o pobo crea para xustificar o nome dun lugar. A vinculación afectiva con este lugar fai que se desboten explicacións vulgares aínda que sexan lóxicas e se abracen as máis novelescas. Estas lendas teñen un compoñente case relixioso porque se cre nelas por fe, sen ningunha proba e, ás veces, coas probas en contra. En Ordes contamos con tres destas lendas.

ARDEMIL: É a máis poética e quizais a máis antiga: Na Idade Media eran moi frecuentes as incursións dos musulmáns en Galicia. Unha destas partidas que contaba con mil homes foi perseguida polos cristiáns. Dispuxéronse á loita pero os cristiáns prenderon lume ao lugar e alí morreron os mil. Destes feitos ven o nome de ARDEMIL.
  Na súa obra "Os nomes da terra" Celso de Baión explícao mellor coa súa florida prosa: "Viña unha tropa de mouros facendo todo o mal que podía pola terra adiante. Os galegos porparáronse a recibilos como merecían. Ben armados e fortecidos pola carraxe, caíron sobor dos mouros e vencéronos. Somentes mil alarbios conseguiron facerse fortes nunha aldea, cuio nome ninguén acorda. Os galegos cercaron o sitio, de onde xa os cristiáns tiñan fuxido, e prendéronlle lume. Ardéu a aldea, cos mil mouros. E logo que todo pasóu, tornaron as xentes a viviren no lugar, que xa non se chamóu coma denantes, senón Ardemil, poisque alí arderon os mil mouros da historia. ¡Coitados!".
  Por suposto ninguén atopou os restos desa batalla, nin falta que fai. Tampouco temos outra explicación 100 % segura, aínda que é probable que sexa un nome de orixe sueva e que signifique algo así como "Terras de Ardemiro".
 Hai outra etimoloxía popular relacionada con este gran incendio, a do lugar de Xanarde. “Arden mil, arden mil!”, berraban os veciños desesperados, ata que nun pequeno outeiro comezou a amainar o lume e unha veciña deu a boa nova: “Xa non arde, xa n’arde!”.

MESÓN DO VENTO: Tamén na parroquia de Ardemil. A lenda é a seguinte: En realidade non é Mesón do Vento, senón Mesón do BENTO (con b) porque hai moitos anos había un mesón atendido por un señor que se chamaba así e rematou por darlle nome ao lugar.
  Esta lenda pasa por alto que o nome castelán Benito da Bieito en galego -non como no caso do portugués- e que Domingo Fontán que parou alí en 1822 non atopou a ese tal Bento e escribiu no seu diario "Meson del Viento" (en castelán). Todo isto non impediu que a finais do século XX esta lenda cobrara forza e ata o colexio empregara o nome "Bento" nos seus escritos oficiais. Tamén o equipo de fútbol da localidade se denominou así ata a súa desaparición.

ORDES: Segundo a lenda, a vila non existía ata que en 1764 se fixo o "Camiño novo". Os habitantes da capital, Poulo, tiñan que vir ata o lugar a buscar o correo, comunicacións e ORDES. O nome viría desas ordes que viñan recoller.

  Esta lenda foi defendida principalmente por Manuel Astray Rivas e causou que ao escudo heráldico do concello se lle engadise un brazo cun pergamino. Posteriormente o entusiasmo baixou cando se descubriu que Ordes existía xa no ano 1607 segundo documentos desa época. Hoxe non se ten claro de onde ven o nome, pero disto xa falaremos noutro artigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario