miércoles, 9 de marzo de 2016

De onde ven o nome Ordes?

  Ordes é un topónimo controvertido. Hai varias teorías sobre a súa orixe.

  Segundo a tradición popular o nome faría referencia ás "órdenes" ou comunicacións postais chegadas á vila ao ser construída a actual estrada A Coruña-Santiago, tradición defendida polo cronista local Manuel Astray Rivas. Contra esa idea temos a documentación antiga, que testemuña a presencia do topónimo Órdenes xa no ano 1607 nunha memoria do Cardenal Jerónimo del Hoyo que se refire aos "quarenta y quatro feligreses" que por entón poboaban a freguesía de "Santa Maria de Ordenes".

  O lingüista Abelardo Moralejo Lasso, na súa obra "Toponimia gallega y leonesa" que escribiu en 1977, propón (con reservas) a hipótese de que procede de hordeis que ven sendo o dativo-ablativo da palabra latina hordeum -cebada- apoiandose nunha abondosa toponimia causada polo cultivo de este cereal. Sería algo así como campos de cebada.

  O investigador Manuel Vidán Torreira suxire a posible presencia dunha orde militar ou relixiosa no lugar. Neste caso podería provir de ordo-ordinis -fila, formación- e ata sería posible que o topónimo orixinal xa fose Órdenes sen ser unha castelanización moderna. Sería un caso parecido ao de Laracha onde existiu unha villa Ordini documentada no ano 990 ou o lugar de Ordes en Rairiz de Veiga (Ourense) documentada desde 1061 como sancta María de Ordines. Un punto a favor desta teoría é a existencia do topónimo A Bailía bastante preto da vila.

  O investigador da UCS Edelmiro Bascuas López sostén que Órdenes é unha de tantas castelanizacións caprichosas que se deron ao longo da historia e que o prefixo  ord ou urd  é un hidronímico, é dicir, fai referencia á auga, neste caso, a un río. Comparte prefixo con Ordizia (Euzkadi) localidade bañada polo río Oria, e varios lugares pirenaicos como Ordesa (bañada polo río Ara) e o lago Urdiceto. Tamén os ríos Ordunte, Urdanta, Orduña e Ordino están próximos. Especialmente interesante sería este último, Ordino, de orixe prerromana, e que significaría ribeireños dun río. Segundo Bascuas, pese a non haber ríos ord- ou urd- en Galicia todos os topónimos Ordes pódense relacionar con estas formas vascas, incluido en Guitiriz un monte coñecido como Ordinum cara a 1215, que o investigador directamente relaciona co anteriormente citado río de Ordino. Contra esta teoría diremos que en Galicia hai ríos e regatos por todas partes, co que debería haber un lote de topónimos que empezaran así e non é o caso.

   Como vedes hai teorías para todos os gustos. Probablemente dentro duns anos teremos algunha nova. Podedes elixir a que máis vos guste ou inventar outra, pero seguramente a verdadeira orixe do nome Ordes seguirá sendo un enigma.

2 comentarios:

  1. Lendo as teorías de Manuel Vidán, achegueime ao teu blogue. A hipotese de Vidan pareceme moi interesante.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si. Eu persoalmente estimo que é a máis probable, pero parece que ultimamente está máis de moda a hipótese hidronímica. Un saúdo.

      Eliminar