domingo, 10 de abril de 2016

O primeiro escudo de Ordes


  Antes de nada, dicir que o escudo do que estamos a falar non foi exactamente o primeiro que usou o concello. Os primeiros eran adaptacións do escudo de España que podían valer para calquera concello, agás pola inscrición do tipo "Ayuntamiento Constitucional de ...".


   Cando se construíu a Casa do Concello nos anos 50 (inaugurada en 1954), creouse o escudo usando como referencia o que aparece no lintel* da casa de Poulo onde pasou a noite o rei Felipe II. Como se cría nesa época que o nome ORDES procedía do correo e das "ordes" que pasaban pola vila, foille engadido un brazo con armadura suxeitando un pergamino (as ordes), cousa que lle daba un aspecto moi orixinal. Tamén foron engadidas (iso era o que se cría) as letras POSEIJOMBMD, non se sabía por que razón. Sempre foron un enigma e nos primeiros tempos a xente buscaba explicacións graciosas. O ex-concelleiro Victorino Cores Liste no libro "Ordes. Na búsqueda das súas orixes" apunta a que tal vez fosen as iniciais dos que participaron, ben na construción da Casa do Concello, ben no tema do escudo. Non obstante... as letras xa estaban no escudo!!! como podedes observar na foto de abaixo.


  Ese escudo da casa de Poulo non se sabe exactamente a quen representa. Como a comezos de século XVIII a casa era propiedade de Benita Romay Maldonado pénsase que as tres flores de lis poden aludir aos Maldonado (aínda que o escudo desa familia ten cinco flores).
Victorino Cores en cambio sostén a teoría de que o escudo representa á familia Araújo. Tamén é inusual o seu contorno que parece remitirnos á heráldica italiana. Buscando información, atopei un cuartel parecido (aínda que co castelo e as flores en distinta posición) nun escudo que hai na capela do pazo de Castro de Osedo en Samoedo (Sada). Os outros cuarteis corresponden ás familias Castro, Luaces e Andrade.

* O lugar do escudo non era o mesmo que na actualidade. Orixinalmente estaba moito máis alto e a inscrición da pernocta do rei debaixo del, pero ao facer uns arranxos na casa cambiárono ao lintel e a inscrición á xamba esquerda.



  Ademais deste escudo con letras e brazo armado co pergamino, houbo unha réplica menos heterodoxa (coa forma tradicional, sen bicho na torre, sen letras e cambiando o brazo por unha coroa) que na xerga heráldica se describe así:
  «De azur unha torre donxonada de ouro, mazonada de sable, aclarada de goles e sinistrada de 3 lises de ouro postas 1 e 2. Ao timbre, coroa real pechada».
  Sexa como sexa, este escudo acompañounos aos ordenses máis de 5 décadas, ata o ano 2008 e, coma ao primeiro amor, nunca o esqueceremos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario