domingo, 30 de junio de 2024

Explotacións gandeiras no 2022


   O peche de granxas de gando vacún é unha constante en toda Galicia. A suba dos custes de produción, a falta de relevo xeneracional e o progresivo despoboamento do campo son algúns dos factores que explican este proceso.
  A comarca de Ordes está na mesma situación. Entre os anos 2005 e 2022 pecharon 6 de cada 10 granxas, concretamente o 62,4%, cifra que supera lixeiramente o promedio da provincia da Coruña (59,22%).
 Malia este devalo no número de explotacións, a cabana gandeira mantívose estable na comarca. Apenas 1.350 vacas menos e só 5 se consideramos especificamente as vacas de muxidura.
  Nestes 17 anos en todos os concellos da comarca pecharon un gran número de granxas e aínda así en Frades, Mesía e Trazo medrou a cabana gandeira. Pero mentres nos dous últimos a suba foi mínima, Frades en cambio aumentou contundentemente o seu número de reses (83% do total do aumento comarcal), consolidándose como un dos municipios gandeiros por excelencia de Galicia e o primeiro da comarca sen discusión.
  Os outros 4 concellos (os 3 centrais máis Tordoia) perderon animais neses anos, sendo Ordes o municipio onde máis baixou o censo vacún, pois mentres en 2005 contaba con 0,4 reses por habitante no 2022 esta cifra baixou a 0,2.
  Como no resto de Galicia as explotacións que sobreviviron aumentaron o seu tamaño, nalgúns casos duplicando e mesmo triplicando o número de animais. É o caso de Cerceda que pasou de ter unha media de 14,5 vacas por granxa no 2005 a 40,8 no 2022. En Frades este aumento foi desde as 32,5 ás 80,2 vacas por explotación.
  O que non variou apenas foi a tipoloxía, representando as vacas de muxidura algo menos da metade do total. Do 47,5% que había en 2025 pasouse ao 47,8% no 2022.
  Por municipios, a maior parte do gando leiteiro está en Frades e Mesía, se ben, mentres en Frades representan o 56% do total, en Mesía o seu peso é menor sendo só o 38%
.
EXPLOTACIÓNS e Nº de VACAS de 2005 a 2022
Concello
Granxas
+-
Vacas leite
+-
Vacas (v/h)
+-
Cerceda
99
-227
1.522
-339
4. 037 (0,3)
-702
Frades
198
-154
8.897
2.328
15.884 (3,9)
4.460
Mesía
233
-222
6.666
-219
13.187 (2,7)
690
Ordes
271
-408
2.837
-1.615
7.491 (0,2)
-3.273
Oroso
139
-156
1.148
-378
3.388 (0,2)
-1.054
Tordoia
209
-314
5.236
-853
10.081 (1,6)
-1.652
Trazo
207
-228
6.147
1.071
13.036 (2,0)
197
Comarca
1.356
-1.709
32.453
-5
67.834
-1.334
 
TOP 10
  En 2022 a comarca de Ordes situaba 3 municipios no Top 10 de Galicia por número de explotacións gandeiras: Ordes era o 4º, só por detrás de Arzúa, Mazaricos e Santa Comba. Mesía era o 7º e Tordoia pechaba a lista co seu 10º posto.
  Pero se falamos de cabezas de gando, mudaba o podio, aparecendo Frades no 3º posto, Mesía no 5º, Trazo no 6º, Tordoia no 7º e Ordes quedando en 12º lugar. Restrinxindo a clasificación só ás vacas leiteiras as posicións son similares.
 
CALIDADE
  A comarca de Ordes pode presumir da calidade do seu leite. Nas últimas edicións  dos Premios Exceleite desde 2019 ata 2024 as gandarías ordenses acadaron 16 premios, entre eles 11 ouros. A máis galardonada foi a Casa Landeira de Trazo con 3 ouros e 1 prata, seguida con 2 ouros por Jesús Baleato de Tordoia e Carmen Iglesias de Ordes. Por municipios, Tordoia é a onde foron a parar máis premios (4 ouros e 1 prata), seguido de Trazo (3 ouros e 2 pratas).
  Fóra da comarca destacaron Aranga, Friol e Guntín.  

martes, 25 de junio de 2024

Ascenso a 3ª División

   Xaneiro de 1956 resultou ser un dos mellores momentos na historia do equipo de fútbol de Ordes. A excelente campaña realizada o ano anterior garantiulle o primeiro posto da clasificación que permitiría o soñado ascenso a terceira división, antes da última xornada.
  Como o número de equipos da categoría Rexional Serie A era impar (11 concretamente) un deles sempre descansaba e ao Ordes tocoulle precisamente facelo na xornada final o día 15 de xaneiro de 1956.
 
  Para celebralo axeitadamente a directiva concertou un partido amigable co Club Marte coruñés. Así, de paso, o adestrador Neira puido comprobar o estado de titulares e suplentes. O partido acabou 7-1, mostrando a diferenza de nivel entre os equipos. O que tivo máis traballo foi o árbitro xa que os xogadores do Marte, quizais picados polo avultado marcador, empregáronse con máis dureza da aconsellable nun partido non oficial.
 Pola noite celebrouse unha festa, documentada polo xornalista Luis Sánchez-Harguindey Pimentel Lusapi nas páxinas de La Noche.
 
   El presidente del club, Antonio Concheiro Iglesias, invitó a jugadores, entrenador, directivos y a alguna otra persona allegada al club a una magnífica cena que fue servida en un espacioso salón, engalanado con motivos futbolísticos, en los que destacaba la insignia del club en su momentáneamente nueva división.
  La cena transcurrió dentro de la mayor camaradería y cordialidad entre todos los asistentes, en los que el buen humor se dejó notar a lo largo de todos los suculentos alimentos.
  Fue muy comentado favorablemente por todos los comensales el magnífico gesto deportivo del club Santiago -único hasta aquel día- al enviar un telegrama de felicitación al Club Órdenes por su reciente ascenso. Deseando toda la concurrencia allí presente y en especial la directiva del Club Órdenes, que para el próximo campeonato de tercera División su club lo pueda disputar en compañía del club compostelano.
  Al final de la cena hizo uso de la palabra el alcalde de Órdenes, don Juan Liñares, el cual en nombre de la alcaldía y como primera autoridad, agradeció a jugadores, entrenador y directiva del club, todos los esfuerzos realizados que cristalizaron con la máxima aspiración final como líder de la competición; e hizo constar que el club encontraría en todo momento el máximo apoyo en el Ayuntamiento que él preside.
  Siguieron a las palabras del Sr. alcalde las del presidente del club en las que hizo patente su propia satisfacción y agradecimiento a jugadores, entrenador, alcaldía y compañeros de directiva; cuyo esfuerzo conjunto ha llevado al club Órdenes a la meta perseguida, desde que él se había hecho cargo de la presidencia cuando el club comenzaba a dar sus primeros pasos.
  Finalmente habló el entrenador señor Neira y los dos capitanes del equipo Janito y Ponte que hasta ahora vinieron desempeñando el mencionado cargo.
  La parte amena de la mesa corrió a cargo del defensa central Floreal, el cual con sus magníficas intervenciones sostuvo en constantes carcajadas a todos los invitados que no cesaban de hacer sonar sus palmas en honor a estas magníficas dotes que realmente en él desconocíamos.
  Y para finalizar, quiero también desde estas columnas sumar mi felicitación al Club Órdenes por este magnífico galardón obtenido, al mismo tiempo que quiero hacer constar mi agradecimiento por todas sus inmerecidas atenciones que han tenido para conmigo. 
 
  Pero realmente non se lograra aínda nada, porque o equipo aínda tivo que participar no que se chamaba Torneo de Permanencia xunto co gañador da Serie A Rexional Sur, o Gran Peña de Vigo, e otros 8 equipos de Terceira (mentres o Ourense e o Turista xogaban a promoción á 2ª División). Por norma federativa non podían reforzarse con outros xogadores e ambos os dous tiveron que disputar os partidos coas plantillas que tiñan previamente.
 
   Os 10 equipos participantes foron: Arsenal de Ferrol, Brigantium de Betanzos, Juvenil da Coruña, Fabril, Ordes, Lugo, Lemos de Monforte (que sería o gañador), Ponteareas, Pontevedra e Gran peña de Vigo. 
  O torneo comezou a finais de xaneiro e remataría en maio. O Ordes comezou moi mal, perdendo o primeiro partido por 6-1, pero no segundo empatou na casa contra o Juvenil, o que non lle valeu para deixar o fondo da clasificación. Unha meritoria victoria 1-0 contra o Lugo e un empate 3-3 contra o Pontevedra en febreiro endereitaron o seu rumbo. En abril xa era 5º na clasificación, posto que conservaría ata a xornada final que foi o 20 de maio, onde perdeu contra o Gran Peña por 3-2 nun partido que xa non era relevante. Ese 5º posto era a confirmación, agora si, do seu ascenso á Terceira División.
  Os xogadores habituais nas aliñacións foron: Mangana na portería, Canito, Floreal e Salgado na defensa, Pintos, Chas e David na media, e Chines, Lichi, Mena, Ponte, Marzoa e Moncho na dianteira.
 
  O equipo de Ordes debutaría en setembro dese ano na 3ª División. O obxectivo sería manterse nela e iso logrouse quedando decimosegundo*. Sería a primeira de 5 temporadas (ata a 60-61) na categoría. Aqueles anos máxicos foron o cénit do equipo, especialmente a temporada 58-59 na que acadaría o 5º posto. Nos 60 volvería á Rexional (agás un novo ascenso no ano 1967), e nos 70 empezaría unha decadencia que non pararía ata principios do século XXI. 
 
* Se ben a Wikipedia pon que acadou o 13º posto, eu fíome dos xornais da época. 

viernes, 21 de junio de 2024

Cruceiro do Mesón


   Este cruceiro, totalmente de pedra, está no adro da igrexa do Mesón do Vento. A pesar da súa aparencia, é bastante moderno pois data da época de construción do templo en 1964.
  Orixinalmente estaba situado máis próximo ao edificio e tiña unha plataforma cuadrangular de 2 graos (máis o pedestal), feita de formigón, e unha mesa exenta (separada) sobre dúas columnas cilíndricas, tamén de formigón. Arredor do ano 2000 restaurouse totalmente a igrexa, cambiando o estilo da fachada e a forma das fiestras. Aproveitouse tamén para mellorar esteticamente o cruceiro e colocalo na posición actual, máis separado do templo, co que hai algo máis de espazo para dar a volta procesional.
  Agora conta cunha plataforma cuadrangular de tres graos duns 70 centímetros de altura e un pedestal tamén cuadrangular con chafráns que lle suma outros 35 centímetros.
  O varal, duns dous metros de alto, é bastante groso e de forma octogonal pero empeza cadrado. Precisamente nese inicio hai unha inscrición alusiva a cando se fixo pero na actualidade é case ilexible. O capitel é cuadrangular con cuarto bocel.
 

  A cruz que xunto co capitel debe medir algo máis de 80 centímetros tamén é cuadrangular. Ten as típicas figuras dun Cristo e unha Virxe, ambas as dúas de aspecto rústico, imitando á escultura románica máis primitiva. Cristo mira cara ao sur coa cabeza ergueita sen coroa, mans pechadas, tres cravos e pano de pureza sen nós. Vese o cartel co INRI. No reverso, a Virxe está mirando cara á igrexa, en actitude de orar coas mans xuntas sobre o peito.
  Como dixemos, actualmente o cruceiro é totalmente de granito e rolda os 4 metros de altura.
  Se queres ver máis fotos e a súa ubicación nun mapa preme en Cruceiro do Mesón na excelente web Todos los cruceiros de Galicia.
 

domingo, 16 de junio de 2024

O ano 1956

  En 1956 continuaba a Guerra Fría e Estados Unidos, que ese ano reelixiu de presidente a Eisenhower, seguía explotando bombas atómicas de proba e sufrindo conflitos raciais. En Europa, que ese ano padeceu unha histórica onda de frío, a URSS de Kruschev iniciou a Desestalinización pero iso non lle impediu dar unha contundente puñada na mesa en outubro e novembro esmagando a revolución en Hungría. Francia mentres tanto concedeu a independencia a Marrocos e Tunes pero seguiu conservando a xoia da súa coroa: Alxeria. En Exipto Nasser en xaneiro declarou relixión oficial o Islam e en outubro nacionalizou a Canle de Suez, estalando así a Guerra do Sinaí, consecuencia da cal foi un boicot petroleiro dos países árabes. O ano acabou co buque "Granma", onde viaxaba Fidel Castro, chegando a Cuba para iniciar a revolución e coa admisión por unanimidade de Xapón na ONU.
 

  Doutra banda 1956 foi o ano no que quedou dispoñible a vacina contra a polio inventada por Jonas Salk e doutras boas novas como as Olimpíadas de Melbourne ou o 1º Festival de Eurovisión celebrado en Lugano (Suiza) e gañado pola cantante Lys Assia coa canción "Refrain". Non obstante o evento que congregou a maior atención mundial foi o 19 de abril a voda en Mónaco do seu príncipe Rainiero III coa belísima actriz americana Grace Kelly. 1956 foi ano de excelentes cancións e de grandes películas como The Searchers, Giant ou a moi significativa Invasion of the Body Snatchers
 
  En España 1956 comezou con dureza ata no clima. En febreiro a onda de frío polar que afectou a toda Europa deixou as temperaturas máis baixas do século XX. Un lugar costeiro como Santander rexistrou –7°C, pero Lleida no Lago Estany acadou o récord absoluto con -32ºC.
  E non só no clima foi un febreiro complicado. A penetración de socialistas e comunistas no estudantado universitario (na súa maior parte, fillo das elites franquistas) provocou unhas protestas tan graves que o goberno decretou o estado de excepción en todo o país. Foron destituídos o ministro de Educación Joaquín Ruíz Jiménez e o secretario general do Movimiento Raimundo Fernández Cuesta, nacendo así o 7º goberno da época franquista.
  O resto do ano sería máis tranquilo, aínda que en abril un terremoto en Granada provocou 7 mortos e máis de 50 feridos. Ese mesmo mes o rei de Marrocos Mohamed V visitou o país para asinar os acordos onde España recoñecía a súa independencia e renunciaba á zona do Protectorado.
  En marzo houbo dous rechamantes accidentes mortais: faleceu dun pelotazo o pelotari Luis Cenoz Alsúa II e o neno Alfonso de Borbón dun disparo efectúado polo seu irmán, o futuro rei Juan Carlos.
  No eido da cultura, o ano empezou cun decreto en xaneiro polo que se creaban as casas de Cultura e rematou coa inauguración en outubro de TVE, aínda que a súa difusión nos primeiros tempos foi mínima. Outra cousa era a radio onde ese ano apareceu "La segunda esposa". A música deixou unha canción mítica: "Soy minero". Tamén triunfou outra que xa tiña 3 anos pero foi a voz de Joselito quen a fixo destacar: "Campanera".
  O cine deu unha obra superior, Calle Mayor de J.A. Bardem, estreada no Festival de Venecia, pero claro, a nivel de público non se puido comparar coa aparición da primeira película do fenómeno Joselito: El pequeño ruiseñor. Outras destacadas foron Calabuch, Mi tío Jacinto, Tarde de Toros, El malvado Carabel, Manolo, guardia urbano ou mesmo a mediocre Saeta rubia, recordatorio da importancia do fútbol que aquel ano deu a gran alegría da primeira copa de Europa gañada polo Real Madrid. E finalmente no cómic apareceu o Capitán Trueno, personaxe que marcou a infancia dos nenos dos anos 50, 60 e 70.
 
 
  Galicia ese ano rexistraba a saída de 22.890 emigrantes, unha das cifras máis baixas de toda a década. A situación seguía sendo dura pero víanse indicios de mellora. Ese ano tivo lugar a visita do cardeal Tisserant.
 
E que pasaba en Ordes? Pois ese ano Dolores Iglesias Moar, muller de Julio Liñares, creou o primeiro queique empregando como molde unha lata grande de sardiñas. Vendeuse en menos de dúas horas e pronto sería o símbolo gastronómico da vila. Tamén apareceu un "rañaceos" no que hoxe son os Parques Municipais, a casa de Pepe do Ribacho (que antes estaba detrás do cárcere e viuse obrigado a mudar de lugar. Iso mesmo lle pasou ao Churrero que tivo que establecer o seu negocio preto da Casa Nogallás).
XANEIRO: Nomeado rexistrador da Propiedade Jesús Montero Raposo. Chegou a Ordes a reliquia de San Ignacio. O equipo de fútbol quedou campión de Rexional co dereito de xogar o Torneo de Permanencia en 3ª División. Detido na feira de Santa Susana o estafador ordense José Manuel Rodríguez "el estanquero".
FEBREIRO: Timado (7.000 pesetas que levaba para pagar o barco a Uruguay) o campesiño de 27 anos da Gorita (Buscás) Antonio Areoso Noya.
MARZO: Visita do Padre Peyton. Nomeado coengo da Colexiata da Coruña don Joaquín Andrade Orza. Morreu en Buscás aos 29 anos Félix Calviño Iglesias da familia Cancelada Calviño, en Leira Manuel Fariña Rodís aos 60 anos, e en Vilamaior Pedro Moar Botana.
ABRIL: Voda de Milagros del Río con Guillermo Represa. Morreron Manuel Villaronga Castro (dos Castros) aos 44 anos e Ramón Prado Carnota Ramón da Ponte aos 56 anos. En Poulo morreu Manuel Sánchez del Río aos 73 anos.
MAIO: O equipo de fútbol de Ordes quedou 5º no torneo de Permanencia, logrando así o definitivo ascenso a 3ª División. D. Francisco Nimo Castro (1928-1995) nomeado ecónomo da parroquia de Ordes.
  Francisco Nimo Castro (1928-1995), natural de Cruido (Lousame), estudou no Seminario de Santiago. En 1953 foi nomeado presbítero e en abril de 1954 oficiou a súa primeira misa despois de ser ordenado polo Cardeal Quiroga. Foi coadxutor de San Xoán (igrexa de San Martiño Pinario) ata que en 1956, debido ao traslado á Coruña de don Joaquín Andrade, veu como ecónomo para Ordes. Estaría pouco tempo na igrexa xa que  en 1957 chegaría don José Fernández, pero botou moitos anos sendo profesor de Relixión no Instituto (nunha época en que non había alternativa), así que deu clase a varias xeracións de ordenses. Morrería en setembro de 1995 aos 66 anos. 
 
XUÑO: Homenaxe de Ordes ao seu ex-párroco don Joaquín Andrade. Morreron José Ríos Vilariño aos 45 anos e o garda civil Jesús Gómez Iglesias aos 58 anos.
  Jesús Gómez Iglesias o Tolimpo (1898-1956), natural de Sar, foi garda civil. Destinado na provincia de Pontevedra sufriu un gravísimo accidente de motocicleta en Caldas en 1938 que lle afectou á cabeza. Casado con Josefa González Jácome (1909-1985), tivo varios fillos: Jesús (1932-2010), Josefa Fefa (1933-2022), Elisabet (1937-2018) e Alfonso Gómez González. Josefa sería a nai do profesor e director do IES Manuel del Río.
 
XULLO: Entrada en funcionamento do apeadoiro de Gorgullos en Tordoia. Voda de Luisa Prado e Antonio Álvarez. Torneo triangular "Apóstol Santiago" en Santa Isabel co Pontevedra e unha selección galega coa que o Ordes perdeu a final por 3-1. 
AGOSTO: 3ª escola unitaria na vila e unha feminina en Guindibóo de Arriba. Torneo triangular de fútbol nas festas patronais. Morreu en Leira María Pacheco Bascoy.
SETEMBRO: Debut na 3ª: Ordes gañou 3-1 ao Pontevedra.
OUTUBRO: Visita do cardeal Tisserant. Ángel Concheiro Iglesias destinado á secretaría do concello de Ordes. Santa Misión en Parada.
NOVEMBRO: Morreu en Barbeiros Manuel Liñeira Ramos aos 70 anos.
DECEMBRO: Tremenda derrota 1-6 do Ordes na casa fronte ao Santiago. Morreron o párroco de Montaos don Juan Simal Fernández, José Fernández Rey aos 38 anos,  e José Mirás Mariño co só 24 anos de idade.  

viernes, 14 de junio de 2024

Toponimia de Poulo

  Entre os topónimos que podemos atopar na parroquia de Poulo hai un pouco de todo. Algúns teñen un significado moi claro, outros son falsamente claros e finalmente outros presentan máis dificultades.
 
  O Outeiro é un dos fáciles. Obviamente ten o significado de "pequena elevación do terreo, sitio alto" e procede da palabra latina alteriu. É o lugar onde está a igrexa parroquial, que desde logo cumpre esta condición: é bastante elevado e ten unha preciosa vista como podedes comprobar na foto.
.

  A Costa, do latín costa, por suposto significa "terreo en pendente". 
  O Piñeiro, do latin pinu, toma o seu nome da árbore antigamente máis abundante.
  A Calle, nome do maior núcleo habitado de Poulo, é unha palabra que procede do latín callis. Hoxe en castelán equivale á palabra galega "rúa", pero en latín significaba máis ben "verea, sendeiro". Ten clara relación co Camiño Inglés que pasa polo lugar.
   A Blanca. Sábese perfectamente que o adxectivo branco/a procede da palabra xermánica blank "branca -e tamén limpa e nobre-" O que non sabemos é a que se refire. Será unha rocha, unha casa ou quizais unha antiga propietaria do lugar?
   Lavandeira é un topónimo algo enganoso. Podería pensarse, dado que o río Cabrón pasa preto deste lugar, que o seu nome deriva dun lavadoiro que houbese na antigüidade. De feito hai un lavadoiro no fondal que hai entre as dúas Lavandeiras... Pero non.
  Segundo Elixio Rivas, tanto Lavandeira como Lavadores, Lavancos ou Lavacolla, proceden dunha raíz preindoeuropea nava que significa "chaira entre montes, valgada". Cabeza Quiles apoia esta teoría que relaciona o topónimo coa auga ou cunha valgada. Lavandeira de Abaixo está nun tramo bastante chan preto do río pero Lavandeira de Arriba está nunha gran pendente que os nativos denominan "Costa de Matías".
 
 
  Pardiñas é un pequeno lugar da parroquia de Poulo coñecido por ser orixe da Familia Veiras e tamén doutra rama familiar, os de Andrés ou Chuzos.
  Os topónimos Pardiñeira, Pardiñeiro ou Pardiñas, moi habituales por toda Galicia refírense a construcións que poden ser edificios en ruínas ou espazos pechados parecidos a cortes ou cortiñas. Todos eles proceden da voz latina pariete "parede". Pardiñas (antigamente As Pardiñas) sería por tanto unha pequena finca pechada ou unha construción onde gardar o gando ou os trebellos de labranza.
 
 
  A Senra, nome do lugar onde se celebra agora a festa, proviría de senara, palabra quizais céltica que derivou na galega seara -e tamén en senra- co significado de "campo sementado de cereais".
  Poulo. A idea de comparar terras pobres, incultas ou estériles con animais ou mulleres infecundas que non poden ter fillos está detrás dos vocábulos poula e poulo. O dicionario de Franco Grande de 1972 documenta a voz poula co significado de "retama, tojo, etc., que espontáneamente crece en la parte más inculta de un terreno. Dícese de la tierra que se deja en descanso, sin cultivar. Mujer solterona (sic). Tierra inculta". No mesmo dicionario poulo é unha "parcela de tierra. Tierra inculta, etc.".
  Por tanto, Poulo, segundo Cabeza Quiles procedente do latín pabulu, tería este significado de lugar pouco produtivo, como un prado que seca pola calor e dá pouco pasto ou leiras que se deixan descansar ou quedan abandonadas, tal como reflicten as expresións galegas "campo á poula" ou "casa á poula".
  Segundo Dolores González de la Peña, en cambio, no Alto Minho portugués Poulo significa "terra húmida, em geral mais baixa que a circundante e que dá pasto o gado", así que alí o topónimo parece provir do latín paludem (de palus-udis) con significado de lugar pantanoso.
  Dado que a parroquia tanto ten lugares altos como o Outeiro e zonas baixas de brañas a carón do Cabrón, creo que non se pode descartar ningunha das dúas opcións.