lunes, 13 de abril de 2020

Alejandro Ferreiro Recouso

  Alejandro Ferreiro, máis coñecido como Janito, naceu en 1932 no seo dunha das máis coñecidas familias da vila, os Ramechos do Recreo.
  O seus pai foron os panadeiros José Ferreiro Rama o Ramecho (1894-1980) e Carmen Recouso Conde (1896-1971), matrimonio que tivo 10 fillos, dos que Alejandro foi o oitavo.

  Janito empezou a súa vida deportiva moi novo. Forte e alto para a época, con 16 anos xa disputaba partidos amigables co equipo de Ordes do que era adestrador Ignacio Castro Ramos e o xogador máis veterano Antonio del Río Toniño

  Cando a "SD Órdenes" se federou, na temporada 1953-1954, e empezou a xogar na categoria rexional, Janito era con Toniño e Luis Astray un dos referentes locais daquel equipo. Na 56-57, a primeira temporada do equipo en 3ª división, xa era o único xogador nacido na vila, no medio de moitos xogadores que viñan das canteiras da Coruña e Santiago.
  Na temporada 55-56 con 24 anos tivo a oportunidade de fichar polo Fabril, pero a SD Órdenes, entón baixo a presidencia de Antonio Concheiro, non lle concedeu a liberdade. Isto sumiuno na desilusión, non obstante refíxose e continuou xogando no Ordes, no que foron os tempos máis gloriosos do club, ata que se retirou aos 32 anos cando de novo volvían a estar en categoría rexional. 

  Aínda que sempre lle gustou o posto de interior de ataque, as necesidades do equipo fixeron que xogara case sempre de lateral coa camiseta número dous. Con bo físico e excelente xogo aéreo Janito non carecía tampouco de técnica. Recordaba con orgullo que lle marcara un gol ao Fabril de chilena desde o medio do campo.
  Despois da súa retirada non se desligou totalmente do mundo do fútbol e foi adestrador do Arzúa e do Ordes cando estaba en preferente. Tamén os seus irmáns Gelos e Jaime estiveron implicados no equipo de Ordes, tanto de xogadores como o segundo de presidente.

  Janito foi o mellor deportista dos anos 50 en Ordes. Aínda que hoxe, acostumados a ter un campión mundial como Iván Raña, poida parecer que o que acadou non foi tan importante, hai que valorar que naquela época as oportunidades para destacar nos deportes fóra das cidades eran moi escasas. El foi o referente indiscutible do deporte ordense nunha época na que a paixón polo fútbol rexional era enorme (nada que ver co de agora) e movía centos de persoas de campo en campo.
  Na súa vida persoal casou con Mª Esther Costa Alfonsín, filla do latoeiro Segundo, coa que tivo dúas fillas, Esther e Mª José, e traballou no ramo dos seguros. Morreu o 8 de xaneiro do ano 2017 aos 84 anos de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario