En outubro de 1956 viaxou a Galicia o
cardeal Tisserant. Para dar idea da importancia desta visita hai que ter en
conta que España fora illada durante os anos 40 e comezara a súa rehabilitación
diplómatica en 1950, pero aínda así
poucos mandatarios extranxeiros, agás o rei de Marrocos Mohamed V, puxeran o pé no noso país. Neste contexto, a
chegada dun personaxe tan importante (Nº 2 do Vaticano) era recibida como auga
de maio. E que parase en Ordes, aínda que fose só para descansar un pouco da longa viaxe, era un motivo de orgullo para a vila.
O
francés Eugène Tisserant (1884-1972)
xa era un dos homes fortes da curia romana en plena 2ª Guerra Mundial. Ao longo
da súa traxectoria sería prefecto da Congregación para as Igrexas Orientais,
presidente da Comisión Pontificia Bíblica, prefecto da Congregación de
Cerimonias, Bibliotecario e Arquiveiro da Santa Igrexa Romana, ademais de
gran maestre da Orde do Santo Sepulcro de Xerusalén. Pero principalmente
sería decano do Colexio
Cardinalicio, e por tanto, presidiu os conclaves de 1958, no que se elixiu
Papa a San Xoán XXIII, e o de 1963, do que saíu Papa San Pablo VI.
Protagonismo fundamental tivo tamén no Concilio Vaticano II, onde formou
parte da presidencia e a súa sinatura apareceu xusto a continuación da do
Papa nos documentos conciliares. Anos despois Israel declarouno “xusto entre
as nacións” (a máis alta consideración a unha persoa non xudía) pola súa
axuda na época da guerra.
|
O 16 de outubro chegou Tisserant A Betanzos
onde foron recibilo diversas autoridades. Inmediatamente comezou a súa viaxe a
Santiago, na que faría unha parada en Ordes.
Unha gran cantidade de autoridades
compostelás aproveitaron para ir ata Ordes e presentar os seus respectos ao
purpurado.
Encabezaba o alcalde Enrique Otero Aenlle, o xuíz de
Instrucción Ramón Fernández, o rector do Seminario Conciliar Manuel Capón
Fernández acompañado dos profesores do centro Jeús Precedo, Ricardo González e
Manuel González, o secretario de cámara do arcebispo Benito Espiño Arceo, os
coengos Guerra Campos, Leirós Fernández e Pérez Millán, o presidente da
comisión da Arquidiocese do Apóstolo Luis Maiz Elicegui, o presidente do
Colexio Médico de Santiago doutor Luis Sánchez Harguindey, o presidente da
Cámara de Comercio Gerardo Bermejo, o presidente da Caixa de Aforros José Reino
Caamaño, o sr. Porto Anido, o concelleiro de Santiago López de Rego, o abogado
sr. Braña, o padre Telesforo e o padre Isorna do Convento de San Francisco, o
padre Santiago Serrano e o padre Prieto da Residencia dos xesuítas, o
presidente dos Cabaleiros de San Ignacio Andrés Díaz de Rábago e varios máis.
Por suposto tamén estaban os persoeiros da
vila, encabezados polo alcalde Juan Liñares Castro á fronte da Corporación. Non
faltaban o secretario Ángel Concheiro, o xuíz de Instrucción Alfonso Navascués
y Pablos, o xuíz comarcal en funcións Eduardo Souza del Río, o rexistrador da
Propiedade Jesús Raposo Montero, o notario Alfonso Leirós Fernández, o ecónomo
Francisco Nimo Castro, o médico forense Antonio Concheiro Iglesias, o médico de
Asistencia Pública Joaquín de Juan y Casas, o xefe do posto da Garda Civil e
varios sacerdotes da comarca entre eles don Ramón Pérez Rejoán de Leira, don
José Mª Barreiro García de Poulo, don Ángel Collazo de Ardemil e don Jesús
Sánchez Verdeal de Parada.
Ás 18:40 a comitiva do cardeal parou diante
da Casa do Concello onde había gran número de persoas que o vitorearon
alegremente. Toda a vila estaba adornada coas cores españolas e os nenos da
escolas cos seus mestres ondeaban pequenas bandeiras.
Tisserant, que viña acompañado polo recente bispo
auxiliar de Santiago Juan Miguel Antonio José Novoa Fuentes e por Manuel Gila
Lamela (representando ao gobernador civil), baixou do coche no medio dos
aplausos, estrondo de bombas de palenque e repenique de campás. Despois de
saúdar aos ordenses desde a escalinata entrou na Casa do Concello onde descansaría
un chisco e logo tería lugar unha breve recepción onde sería el quen recibiría
os saúdos e reverencias de todos os presentes.
Á saída novamente foi aclamado polos ordenses,
despedindo á lucida caravana de coches que chegaría a Santiago case de noite.
Nesa viaxe Tisserant viña de visitar Fátima
en Portugal e Salamanca e Alba de Tormes en Castela antes de peregrinar a
Santiago. Logo desas xornadas volvería a Portugal, a Coímbra para recibir o título
de doutor Honoris Causa daquela universidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario