A igrexa parroquial de Vilamaior é a máis peculiar de
todo o concello. Para empezar ten un campanario exento, ou sexa separado do
corpo principal da edificación. Que eu saiba, só a igrexa de San Mamede de
Berreo en Trazo comparte este rasgo en toda a comarca de Ordes.
Este campanario, integrado por un muro de
cachotería con escaleiras do lado sur, está coroado por unha espadana de
cantería de dous ocos, con campá e campanil -este último ten gravada a data de
1893-. Unha moldura horizontal á altura do soporte das campás decora a
espadana, que na parte alta remata con pináculos e adornos, formando a base
dunha sinxela cruz metálica. Pegada ao campanario hai unha pequena construción
de muros de cachotería e cuberta a dúas augas con rematado de tella curva sobre
armazón de madeira.
A igrexa propiamente dita tamén é peculiar
pois conta con tres corpos en liña que suman uns 24 metros de lonxitude,
mentres o fondo e a fachada non sobrepasan os 6 metros e medio, o que
fai que ocupe unha área duns 150
metros cadrados, un tamaño medio respecto a outros
templos do concello.
Destes tres corpos, o primeiro e máis moderno
(de finais do século XVIII), está feito de bloques graníticos, mentres os
outros -presumiblemente os máis antigos- son de cachotería revocada e pintada
de cor branca, agás os marcos de portas e fiestras e os esquinais. Esta
alternancia de perpiaños e zona revocada crea un interesante xogo estético. A
singularidade dos tres corpos queda realzada pola diferenza da cubertas, xa que
a nave principal ten tellado a dúas augas, a sancristía central -a máis alta- a
catro, e a ábsida final a tres augas.
Hai unha gran austeridade decorativa e
ornamental sendo as únicas excepcións a moldura da porta principal e a cornixa.
No interior, revocado e pintado de cor branca,
un arco de medio punto separa a nave do presbiterio. O retablo principal,
neoclásico en orixe, ten unha policromía tan brillante e entusiasta que racha
coa austeridade pretendida por ese estilo. Está presidido pola imaxe de
Santiago con caxato e sombreiro de peregrino, flanqueado por imaxes de San Xosé
e a Virxe acompañados do neno Xesús. Na
fila inferior hai un Sacro Corazón e San Pedro con mitra, báculo e as chaves na
man dereita.
Tamén hai dous retablos opostos nos muros
laterais. O do muro norte está dedicado á Virxe do Socorro (moi querida na
parroquia), rodeada de San Antón de Padua e do arcanxo Gabriel. No do lado sur
hai unha Virxe e volve a aparecer o apóstolo Santiago.
Para coñecer outros templos do concello, preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario