1953
foi un ano espectacular para o fútbol en Ordes. Non só iniciou o equipo a súa
primeira competición totalmente oficial na Rexional Serie A, senón que rematou
o ano imbatido.
1954 comezou igualmente ben. O Órdenes (habitualmente Milucho, Janito,
Nando, Vila, Astray, Cuca, Félix, del Río, Mauriz, Merrellas e Moncho) sería
quen de gañarlle por 1-2 ao mesmo Fabril, que acabaría sendo o campión da
categoría. A finais de xaneiro, despois de vencer ao Brigantium por 1-0 e ao
Numancia por 3-2, o Ordes ía en cabeza e
era o único equipo imbatido. Pero en febreiro, coincidindo coa baixa de
Merrellas, perdeu o primeiro partido
en casa contra o Arenal de Santiago o domingo 21. A partir dese momento o
equipo foi costa abaixo, chegando a perder en Ares por 8-0 contra o Numancia, e rematou ao final no 7º posto.
O Fabril (campión) e o Brigantium competiron
aquel ano polo ascenso a 3ª división co Zeltia de Porriño (campión da zona sur)
e o Guardés, saíndo gañador o Fabril.
Para o Ordes a decepción durou pouco, pois o
2 de maio comezou un novo torneo semi-oficial, a Copa Federación. O obxectivo deste torneo era que os clubes gañasen
diñeiro e para logralo permitíanse ata tres incorporacións de xogadores alleos,
normalmente figuras de categorías superiores, que puidesen atraer ao público. Competían
polo sistema de copa a dobre partido. Os finalistas serían Ordes e Astano, pero
este foi castigado nos despachos e substituído polo equipo ao que eliminara no
campo: o Racing Villalbés.
O Ordes empezou gañando a o Villalbés 2-0 en
Vista alegre o 6 de xuño, pero o día 13 na visita á vila luguesa perdeu por
3-0, quedando por tanto subcampión. Xogaron polo Ordes naquel partido: Milucho, Astray,
Irusquieta, Vila, del Río, Díez, Losada, Pepiño, Mauriz, Ledo e Losa.
En setembro comezou a liga Rexional 54-55. Os 10 equipos competidores eran Astano
e Esteiro de Ferrol, Numancia de Ares, Racing Villalbés, Eumesa de Pontedeume, Brigantium de Betanzos, Deportivo
A da Coruña, Órdenes, Arenal de
Santiago e Flavia de Padrón. O Ordes reforzouse con numerosos xogadores das
canteiras coruñesa e compostelá. Do Deportivo
Juvenil da Coruña trouxo ao porteiro Zamorita e ao defensa Modesto e do
Arenal a Díaz, Lalinde, Capeáns, Pepiño e Losa.
Novamente empezou coma un tiro. En novembro,
despois dun polémico partido co Arenal en Santa Isabel que acabou gañando 1-2 e
que se tivo que suspender a falta de 27 minutos para o seu final, ía en cabeza
da clasificación seguido do Flavia e o Brigantium. En decembro xa foi superado
polo Brigantium. En xaneiro de 1955 rematou
a competición co Brigantium campión (31 puntos) e ascendendo á 3ª división,
mentres o Ordes (28 puntos en 18 partidos) tivo que conformarse co 2º posto.
En febreiro fíxose cargo do equipo o adestrador Antonio Villar Chao, número un da súa
promoción na Escola Rexional de preparadores, adestrador de categoría nacional
e capitán do Deportivo moitos anos. Ese mesmo mes comezou un novo torneo
semi-oficial onde participaban 8 equipos: Astano, Numancia, Eumesa, Racing Villalbés, Vivero, Deportivo A, Órdenes
e Arenal. O equipo de Ordes estreou novos xogadores, o porteiro Lozano (traído
do Caudal) e Alejo (ex-xogador do Lugo), pero esta vez non logrou quedar nos
primeiros postos, sufrindo ademais unha dolorosa derrota (6-1) contra o Arenal
en Santa Isabel. En xullo o adestrador Villar Chao deixou o club para pasar ao Juvenil da Coruña, sendo substituído por
Neira. Pouco despois Concheiro
contratou un novo porteiro procedente do club Marte, Luis Mangana, que xogara
15 partidos como titular do Juvenil
en 3ª División.
Ese ano o martes 16 de agosto xogaría nas
festas patronais contra o mesmo Deportivo da Coruña -entón equipo de 1ª
división-, partido que perdeu por 3-1. Neira, o flamante adestrador, presentou
o seguinte equipo: Mangana, Ponte, Modesto, Janito, Mena, David, Tonete,
Pepiño, Casteleiro, Chas e Losa. O máis destacado foi o central Modesto.
A colaboración co equipo coruñés era tan
estreita nesa época que ata veu adestrar a Vista Alegre un par de semanas.
O 4 de setembro comezou a liga Rexional 55-56. Esta vez eran 11 os competidores:
Ribadeo, Vivero, Astano de Ferrol,
Numancia de Ares, Racing Villalbés,
Eumesa de Pontedeume, Órdenes, Santiago
(que baixara da 3º División), Arenal de Santiago, Noya e Flavia de Padrón. O Ordes debutou en Vista Alegre contra o
Ribadeo ao que gaño 1-0. Perdeu logo co Arenal en Santiago e foi superado polo
Eumesa na clasificación, pero a continuación encadeou moitas vitorias seguidas
coas que acadou en outubro o 1º posto.
En decembro tivo un gran partido contra
o Santiago que gañou por 5-1. Xogaron: Mangana, Ponte, Carlos, Boedo, Salgado,
Chas, Chines, Mena, Liche, Marzoa e Platos.
Xa non abandonaría o 1º posto no que quedaba
de liga, proclamandose campión en xaneiro de 1956 e acadando logo o soñado ascenso á 3ª división.
Neses tempos na vila de Ordes había apenas 2.000 habitantes pero o equipo tiña un enorme apoio popular. As taquillas promedio do club eran de 2.000 pesetas aínda que se superaban estas cifras cando viñan os equipos de Santiago ou o Brigantium.
No hay comentarios:
Publicar un comentario