domingo, 30 de junio de 2024

Explotacións gandeiras no 2022


   O peche de granxas de gando vacún é unha constante en toda Galicia. A suba dos custes de produción, a falta de relevo xeneracional e o progresivo despoboamento do campo son algúns dos factores que explican este proceso.
  A comarca de Ordes está na mesma situación. Entre os anos 2005 e 2022 pecharon 6 de cada 10 granxas, concretamente o 62,4%, cifra que supera lixeiramente o promedio da provincia da Coruña (59,22%).
 Malia este devalo no número de explotacións, a cabana gandeira mantívose estable na comarca. Apenas 1.350 vacas menos e só 5 se consideramos especificamente as vacas de muxidura.
  Nestes 17 anos en todos os concellos da comarca pecharon un gran número de granxas e aínda así en Frades, Mesía e Trazo medrou a cabana gandeira. Pero mentres nos dous últimos a suba foi mínima, Frades en cambio aumentou contundentemente o seu número de reses (83% do total do aumento comarcal), consolidándose como un dos municipios gandeiros por excelencia de Galicia e o primeiro da comarca sen discusión.
  Os outros 4 concellos (os 3 centrais máis Tordoia) perderon animais neses anos, sendo Ordes o municipio onde máis baixou o censo vacún, pois mentres en 2005 contaba con 0,4 reses por habitante no 2022 esta cifra baixou a 0,2.
  Como no resto de Galicia as explotacións que sobreviviron aumentaron o seu tamaño, nalgúns casos duplicando e mesmo triplicando o número de animais. É o caso de Cerceda que pasou de ter unha media de 14,5 vacas por granxa no 2005 a 40,8 no 2022. En Frades este aumento foi desde as 32,5 ás 80,2 vacas por explotación.
  O que non variou apenas foi a tipoloxía, representando as vacas de muxidura algo menos da metade do total. Do 47,5% que había en 2025 pasouse ao 47,8% no 2022.
  Por municipios, a maior parte do gando leiteiro está en Frades e Mesía, se ben, mentres en Frades representan o 56% do total, en Mesía o seu peso é menor sendo só o 38%
.
EXPLOTACIÓNS e Nº de VACAS de 2005 a 2022
Concello
Granxas
+-
Vacas leite
+-
Vacas (v/h)
+-
Cerceda
99
-227
1.522
-339
4. 037 (0,3)
-702
Frades
198
-154
8.897
2.328
15.884 (3,9)
4.460
Mesía
233
-222
6.666
-219
13.187 (2,7)
690
Ordes
271
-408
2.837
-1.615
7.491 (0,2)
-3.273
Oroso
139
-156
1.148
-378
3.388 (0,2)
-1.054
Tordoia
209
-314
5.236
-853
10.081 (1,6)
-1.652
Trazo
207
-228
6.147
1.071
13.036 (2,0)
197
Comarca
1.356
-1.709
32.453
-5
67.834
-1.334
 
TOP 10
  En 2022 a comarca de Ordes situaba 3 municipios no Top 10 de Galicia por número de explotacións gandeiras: Ordes era o 4º, só por detrás de Arzúa, Mazaricos e Santa Comba. Mesía era o 7º e Tordoia pechaba a lista co seu 10º posto.
  Pero se falamos de cabezas de gando, mudaba o podio, aparecendo Frades no 3º posto, Mesía no 5º, Trazo no 6º, Tordoia no 7º e Ordes quedando en 12º lugar. Restrinxindo a clasificación só ás vacas leiteiras as posicións son similares.
 
CALIDADE
  A comarca de Ordes pode presumir da calidade do seu leite. Nas últimas edicións  dos Premios Exceleite desde 2019 ata 2024 as gandarías ordenses acadaron 16 premios, entre eles 11 ouros. A máis galardonada foi a Casa Landeira de Trazo con 3 ouros e 1 prata, seguida con 2 ouros por Jesús Baleato de Tordoia e Carmen Iglesias de Ordes. Por municipios, Tordoia é a onde foron a parar máis premios (4 ouros e 1 prata), seguido de Trazo (3 ouros e 2 pratas).
  Fóra da comarca destacaron Aranga, Friol e Guntín.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario