Este cruceiro, totalmente de pedra, está no
adro da igrexa do Mesón do Vento. A
pesar da súa aparencia, é bastante moderno pois data da época de construción do
templo en 1964. 
  Orixinalmente estaba situado máis próximo ao
edificio e tiña unha plataforma cuadrangular de 2 graos (máis o pedestal),
feita de formigón, e unha mesa exenta (separada) sobre dúas columnas
cilíndricas, tamén de formigón. Arredor do ano 2000 restaurouse totalmente a
igrexa, cambiando o estilo da fachada e a forma das fiestras. Aproveitouse
tamén para mellorar esteticamente o cruceiro e colocalo na posición actual,
máis separado do templo, co que hai algo máis de espazo para dar a volta
procesional.
  Agora conta cunha plataforma cuadrangular de
tres graos duns 70
 centímetros de altura e un pedestal tamén cuadrangular
con chafráns que lle suma outros 35 centímetros. 
  O varal, duns dous metros de alto, é bastante
groso e de forma octogonal pero empeza cadrado. Precisamente nese inicio hai
unha inscrición alusiva a cando se fixo pero na actualidade é case ilexible. O
capitel é cuadrangular con cuarto bocel.
  A cruz que xunto co capitel debe medir algo
máis de 80
 centímetros tamén é cuadrangular. Ten as típicas figuras
dun Cristo e unha Virxe, ambas as dúas de aspecto rústico, imitando á escultura
románica máis primitiva. Cristo mira cara ao sur coa cabeza ergueita sen coroa,
mans pechadas, tres cravos e pano de pureza sen nós. Vese o cartel co INRI. No
reverso, a Virxe está mirando cara á igrexa, en actitude de orar coas mans
xuntas sobre o peito.
  Como dixemos, actualmente o cruceiro é
totalmente de granito e rolda os 4 metros de altura.
  Se queres ver máis fotos e a súa ubicación nun mapa
preme en Cruceiro do Mesón na excelente web Todos los cruceiros
de Galicia. 

No hay comentarios:
Publicar un comentario