Entre os topónimos que podemos atopar na
parroquia de Poulo hai un pouco de todo. Algúns teñen un significado moi claro,
outros son falsamente claros e finalmente outros presentan máis dificultades.
O Outeiro obviamente ten o
significado de "pequena elevación do terreo, sitio alto" e procede da
palabra latina alteriu. É o lugar
onde está a igrexa parroquial, que desde logo cumpre esta condición: é bastante elevado e ten unha
preciosa vista como podedes comprobar na foto.
.
A Costa, do latín costa, por suposto significa "terreo en pendente".
O Piñeiro, do latin pinu, toma o seu nome da árbore antigamente máis abundante. Aquí ten a súa orixe a familia Ferreiro.
A Calle, nome do maior núcleo habitado de Poulo, é
unha palabra que procede do latín callis.
Hoxe en castelán equivale á palabra
galega "rúa", pero en latín significaba máis ben "verea,
sendeiro". Ten clara relación co Camiño Inglés que pasa polo lugar.
A Blanca. Sábese perfectamente que o adxectivo branco/a procede da palabra xermánica blank "branca -e tamén limpa e nobre-" O que non sabemos é a que se refire. Será unha rocha, unha casa ou quizais unha antiga propietaria do lugar?
Lavandeira é un topónimo
enganoso. Podería pensarse, dado que o río Cabrón pasa preto deste lugar,
que o seu nome deriva dun lavadoiro que houbese na antigüidade. De feito hai un
lavadoiro no fondal que hai entre as dúas Lavandeiras... Pero non.
Segundo Elixio Rivas, tanto Lavandeira como
Lavadores, Lavancos ou Lavacolla, proceden dunha raíz preindoeuropea nava que significa "chaira entre
montes, valgada". Logo, por similitude co verbo lavar daría a palabra *navandeira que remataría por transformarse en Lavandeira. Cabeza Quiles apoia esta teoría que relaciona o topónimo
coa auga ou cunha valgada. Efectivamente Lavandeira de Abaixo está nun tramo bastante chan
preto do río separada por unha valgada de Lavandeira de Arriba que está nunha gran pendente denominada polos nativos "Costa de Matías". Gonzalo Navaza pola súa banda considera que é un hidrónimo que designa lugares onde un curso de auga desborda habitualmente e anega as inmediacións.
Pardiñas é un pequeno
lugar da parroquia de Poulo coñecido por ser orixe da Familia Veiras e tamén
doutra rama familiar, os de Andrés ou Chuzos.
Os topónimos Pardiñeira, Pardiñeiro ou
Pardiñas, moi habituales por toda Galicia refírense a construcións que poden
ser edificios en ruínas ou espazos pechados parecidos a cortes ou cortiñas.
Todos eles proceden da voz latina pariete
"parede". Pardiñas (antigamente As Pardiñas) sería por tanto unha
pequena finca pechada ou unha construción onde gardar o gando ou os trebellos
de labranza.
A Senra, nome do lugar onde se celebra agora a
festa, proviría de senara, palabra
quizais céltica que derivou na galega seara
-e tamén en senra- co significado de "campo sementado de cereais".
POULO. A idea de comparar terras pobres, incultas
ou estériles con animais ou mulleres infecundas que non poden ter fillos está
detrás dos vocábulos poula e poulo. O dicionario de Franco Grande de 1972 documenta a voz poula
co significado de "retama, tojo,
etc., que espontáneamente crece en la parte más inculta de un terreno. Dícese
de la tierra que se deja en descanso, sin cultivar. Mujer solterona (sic).
Tierra inculta". No mesmo dicionario poulo é unha "parcela de tierra. Tierra inculta,
etc.".
Por tanto, Poulo, segundo Cabeza Quiles procedente do latín pabulu, tería este significado de lugar
pouco produtivo, como un prado que seca pola calor e dá pouco pasto ou leiras
que se deixan descansar ou quedan abandonadas, tal como reflicten as expresións
galegas "campo á poula" ou "casa á poula".
Segundo Dolores González de la Peña, en
cambio, no Alto Minho portugués Poulo
significa "terra húmida, em geral
mais baixa que a circundante e que dá pasto o gado", así que alí o
topónimo parece provir do latín paludem
(de palus-udis) con significado de
lugar pantanoso.
Dado que a parroquia tanto ten lugares altos
como o Outeiro e zonas baixas de brañas a carón do Cabrón, creo que non se pode
descartar ningunha das dúas opcións.

No hay comentarios:
Publicar un comentario