martes, 14 de julio de 2020

O ano 2001

  O ano 2001 non se pareceu en nada a aquel que pintaba a famosa película de Stanley kubrick, baseada nun conto de Arthur C. Clarke. Non houbo monolitos nin viaxes espaciais pero si houbo avións chocando contra edificios.


  O 11 de setembro foi un día para a historia. Algúns sosteñen que aí comezou realmente este século XXI cheo de ameazas. Nunca antes os cidadáns dos USA foran atacados no seu propio territorio, nunca antes se sentiran vulnerables. As guerras que libraran transcorrían a moitas millas do seu sacrosanto fogar, pero ese día todo cambiou.
  Ás nove menos cuarto da mañá, cando a cidade de New York aínda non levaba moito tempo traballando, un avión comercial de American Airlines estrelouse contra unha das entón famosísimas Torres Xemelgas.
  En Galicia eran as tres menos cuarto da tarde dun fermoso día de verán. A xente que ía traballar pola tarde ou a tomar o sol na praia puido ver por televisión o ataque dun Boeing 757 á segunda torre, apenas 15 minutos despois.
  A estes ataques continuaron outros contra o Pentágono, a Casa Branca, o Departamento de Estado... en fin, todos os símbolos máis prezados do país.
  O mundo enteiro quedou conmocionado. A maioría dos países expresáronlle as súas condolencias ao xigante ferido e correron a poñerse ao seu lado na vinganza inevitable.
  Poucos días despois todo apuntaba a que o responsable era un rico árabe, antigo aliado dos USA, Osama Bin Laden, que se converteu no home máis buscado do mundo.
 
  O ano tamén foi nefasto para Arxentina da que se fugaron en 11 meses 18.000 millóns de dólares. O 2 de decembro o presidente Fernandode la Rúa implantou as restriccións monetarias (o famoso "corralito"). Pouco despois fuxiu en helicóptero e o país tivo catro presidentes en 10 días!
 
  O noso país, en cambio, vivía a 2ª lexislatura do goberno de Aznar. Eran os tempos de "España va bien", porque efectivamente a economía ía coma un tiro. O ladrillo colonizaba cada metro cadrado libre de terreo e 50 millóns de turistas visitaban as nosas praias.
  A xente, que asistira embobada o ano anterior ao boom de "Gran hermano", comezou a ver os luns deste 2001 un programiña no que pouca xente confiaba. Debía competir co xigante mediático, Javier Sardà, que remataba de devorar sen piedade ao millonario fichaxe de Antena 3 Máximo Pradera. O programiña, chamado "Operación Triunfo" foi aos poucos levantando cabeza, desbancou aos "marcianos", desbancou ao fútbol e chegou... marabilla de marabillas! a ser o programa máis visto desde que naceran as privadas.
 
  Galicia vivía a era Fraga (a 3ª lexislatura) e Ordes o  Martinismo. Non é que non houbese oposición, que a había, pero o bo momento económico ocultaba todos os problemas e as maiorías absolutas caían unha detrás doutra. Así, nas eleccións autonómicas daquel ano, o PP sacou en Ordes 3.389 votos por 1.473 do BNG e 1.133 do PSOE.
  Se a economía ía ben, o que castigaba era o clima. O inverno do ano 2000-2001 choveu tanto que algúns ata falaban dun 2º diluvio.
  En Ordes as principais polémicas viñan da desmesura que empezaba a tomar a movida e das dificultades de aparcamento.
  Ao longo do ano cambiouse a dirección dalgunhas rúas, fóronse eliminando estacionamentos nunha beira das rúas dos Lagartos e o Mercado e en verán comezou a zona azul na zona da Alameda ata o Sanatorio. Tamén comezou o emprego de soares baleiros para o aparcamento. A medida que máis sorprendeu e cambiou o aspecto da vila comezou o 19 de xullo e foi a prohibición de aparcar na marxe oeste da Rúa Alfonso Senra. Por suposto, isto non foi do agrado de moitos veciños, pero o tempo deulle a razón aos cambios.
  En novembro a atención popular estivo no xuizo na Audiencia da Coruña contra Manuel Antonio Prado, o mozo que matara a un taxista e logo se fora de copas. Finalmente foi declarado culpable, pero non pasaría moito tempo no cárcere e, en 2008, volvería a cometer outro crime en Betanzos. 
 
  2001 foi un ano de cine espectacular. Apareceron os blockbusters "The Lord of the Rings" e "Harry Potter", pero tamén (snif) "The Fast and the Furious". No campo da animación vimos "Shrek", "Monsters, Inc." e a experimental "A viaxe de Chihiro". Reese Whitherspoon foi "Legally Blonde" e Amenabar dirixiu "Los otros" con Nicole Kidman. En TV destacou 24.
  No campo da música foi a explosión internacional de Shakira con "Whenever, Wherever" e de Linkin Park co tema "In the End", mentres en España non paramos de escoitar a Sonia e Selena co seu pegañento "Yo quiero bailar" e a Coyote Dax coa viral coreografía de "No rompas más". 

domingo, 12 de julio de 2020

Axitación agraria en 1933

  O ano 1932 contemplara o nacemento de varias sociedades agrarias en Ordes e en 1933 a tendencia consolidouse. Xa en xullo dese ano había sociedades en Ardemil, Barbeiros, Buscás, Leira, Lesta, Montaos, Parada, Pereira e Vilamaior, que xunto ás de Cerceda, Rodís, Encrobas e Leobalde formaban unha Federación Agraria del Partido de Órdenes, da que era presidente Heriberto Pérez Proenza e secretario Jesús Liste. Houbo unha reunión da Federación Galega o día 16 de xullo en Vigo para protestar contra o tratado con Uruguay á que foron como representantes Manuel Lameira, Manuel Souto, Senén Raña, José Areoso, Juan Ríos, Severino Suárez e Heriberto Pérez. 
  En outubro o gobernador civil aprobou os regulamentos de "Unión Campesina" de Lesta e Parada, "Defensa del Agro" de Ardemil, "Solidaridad Agraria" de Montaos, "Redención del Campesino" de Pereira e "Mancomunidad Agraria" de Barbeiros.
  Sabemos que en Ardemil constituíuse unha sociedade agraria e de oficios varios da CNT. Manuel García Gerpe revelou nun escrito que unha sociedade de agricultores do Canedo estaba na liña ideolóxica de Izquierda Republicana.
  En 1936 practicamente todas as parroquias de Ordes contaban con sociedades agrarias. Isto que en principio era unha boa noticia, tivo tamén efectos perversos.
  Non hai que esquecer que moitos dos asociados a estas organizacións eran os mesmos campesiños semi-analfabetos que se daban paus con entusiasmo na romarías. As actitudes violentas foron unha constante desde o principio. 
 

  En marzo o xornal El Compostelano citaba expresamente ás sociedades de Ardemil e Leira dicindo que os asociados organizaban campañas de boicot contra os non asociados. Estas campañas ían desde negarse a auxilialos en calquera contratempo ou enfermidade, non alugar as súa maquinaría agricola, non comprar nos seus comercios, talleres, consultorios, etc, nin traballar para eles. Máis sorprendente é que, como en Romeo e Xulieta, os mozos negábanse a bailar e a mocear coas fillas dos non asociados e viceversa. Pero a cousa chegaba a máis porque comezaron a darse ataques á propiedade, como lanzamento de pedras aos tellados -que ninguén ousaba denunciar- e chegouse á intimidación física. Por exemplo, o día 18 de marzo, cuadrillas de asociados situáronse nos camiños de acceso ao Mesón do Vento e impediron a chegada á feira dos non asociados, tirando polo chan as mercadorías dos que se negaron a retroceder. O 25 ía ocorrer o mesmo na feira de Cerceda pero a Garda Civil impediuno, aínda que non na súa totalidade.

  Pode parecer que esaxeraba El Compostelano, xornal con simpatías agraristas aínda que católico e de dereitas, pero houbo moitas e peores noticias que estas.
  En maio tivo lugar un atentado con dinamita no Mesón do Vento. Foron derrubados tres postes do tendido eléctrico da "Sociedad General Gallega", o que ocasionou que quedasen sen enerxía eléctrica a liña tendida para as obras do ferrocarril e a vila de Ordes.
  A hipótese máis probable que se barallou sobre a causa do atentado era que foi por incidentes que houbera nas obras do ferrocarril con motivo da admisión de obreiros non afiliados a determinada sociedade.
  En agosto houbo un atentado en Parada de novo (xa houbera outro en 1932). Dous petardos explotaron e produciron danos na máquina debulladora de Pedro Pampín del Río. Os autores foron Manuel Souto Galano, Manuel Remuiñán Filgueira, Antonio Soto Pena, Heriberto Pérez Proenza e Juan Ríos. A Causa foi, como non, negarse a integrase na asociación agraria á que pertencían eles.
  Tamén en agosto pero esta vez en Pereira, os irmáns José e Ramón Suárez Pedreira propinaron unha malleira ao seu conveciño Antonio García Varela pola mesma razón.

  Pero o suceso máis grave ocorreu de novo en Ardemil, a finais de agosto. Despois de oficiar misa, o sacerdote da parroquia, Pascual Couce Pico, foi obxecto dun atentado. Cando regresaba á súa casa varios veciños saíronlle ao encontro e disparáronlle balas e pedras mentres gritaban "Matalo!". Afortunadamente puido escapar e refuxiarse na casa dun fregués, resultando ileso.
  Os autores fuxiron pero foron detidos un par de días despois. Eran Manuel Sánchez Gómez, Manuel Blanco Bello, Jacobo Brandariz, Andrés Gómez, Carmén e Andrea Gómez e dous fillos desta, chamados Ricardo e Andrés.
  A causa do atentado: que o sacerdote non quixo utilizar a maquina debulladora da sociedade na malla das leiras da súa propiedade. 

miércoles, 8 de julio de 2020

Obradoiro da Historia

  A principios dos anos 90 a maioría dos antigos membros da ARO, que participaran nas revistas "ARO" e "O Mês", entraron a formar parte da asemblea local do BNG e dedicáronse á acción política.
  Non foi o caso de Manuel Pazos Gómez, nado e residente na parroquia de Marzoa (Oroso) e licenciado en Maxisterio, que naqueles momentos estaba máis preocupado pola conservación do patrimonio e a historia da comarca.

  En 1996 a destrución do dolmen de Aiazo foi un feito determinante na súa vida: "Escribimos ás institucións pedindo protección para estes restos arqueolóxicos. Démonos conta de que politicos e asociacións pasaban de todo, e decidimos formar Obradoiro da Historia".
  Xunto co seu amigo Daniel Pereiro (tamén ex-ARO) e as mozas Begoña Pérez Feijóo e Chus Souto* creou en marzo dese ano a asociación Obradoiro da Historia.
  O seu traballo desenvolveuse en tres ámbitos: a organización de actividades culturais, a defensa do patrimonio e a recuperación da memoria histórica na comarca ordense.

  Deste xeito apareceron as "Xornadas literarias" nas que un recoñecido autor asistía na Casa da Cultura a unha exposición, venda e sinatura das súas obras, logo daba unha conferencia e remataba cun concerto dalgún grupo de música tradicional.
  Así viñeron a Ordes Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda en novembro de 1997. En febreiro de 1999 o invitado foi Suso de Toro nunha velada amenizada por Quico Cadaval e o grupo Pandeiromus. En febreiro do ano 2000 asistiu Manuel María que contemplou a actuación do contacontos Cándido Pazó e dos músicos Mini e Mero. En abril de 2001 o invitado foi o escritor pontevedrés Bernardino Graña e en novembro do 2002 o ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín.
  Paralelamente Obradoiro da Historia impulsou a creación literaria coa edición da publicación SEGREL, subtitulado "Boletín Poético da Terra de Ordes" porque en principio só estaba pensado para a poesía. O dous primeiros números que tiñan formato A3 dobrado en cartolina satinada apareceron en setembro e decembro de 1998 e contaban con poemas das ordenses Mª Xesús Botana Vilar e Reme Liste. O terceiro e último número apareceu no verán de 2006, xa como "Revista Literaria da Terra de Ordes" con formato de libro. Seguía habendo poemas de Mª Xesús e Reme, pero tamén narracións curtas (unha do propio Pazos) e ata cómics de Pedro Fernández Faya e Xan Ferreiro.
  Non foi a literatura o único campo artístico que tocaron porque a finais do ano 2006 organizou un concerto musical titulado "Rock en galego no Camiño Inglés" que se celebrou no pub Nunca Máis e que contou coa participación de ITH, Machina e Zënzar. 
  Arredor do ano 2000 a asociación intentou conseguir do concello un lugar para instalar a súa biblioteca e crear un museo etnográfico pero as negociacións non chegaron a bo porto.

  A protección do patrimonio foi outra fronte de actuación. Novamente en palabras de Pazos: "Cando atopamos ou nos avisan dalgunha acción destrutiva, mandamos denuncias á Dirección Xeral de Patrimonio, aos concellos, ao Valedor do Pobo e á prensa. Buscamos que se cumpra a Lei de Patrimonio, aínda que algúns non saiban que existe tal cousa. Máis da metade de casos que denunciamos non acaban como nós queremos, pero polo menos as denuncias serven como aviso aos gobernantes locais de que hai persoas dispostas a protestar. [...] En realidade estamos facendo un traballo que é responsabilidade deles".

  Pero quizais o que máis perdura na memoria son as moi numerosas publicacións sobre aspectos históricos e culturais da comarca. A gran maioría delas eran escritas polo propio Pazos e conlevaban unha gran cantidade de traballo de investigación (nunha época onde case non existía a Internet e isto levaba aparellado moita dificultade).
  O formato máis habitual era un tríptico feito en cartolina de cor. Grazas ao soporte económico de empresas como Reyca, Internaco, Electricidad Carlos... e a puntuais aportacións da Deputación e o Concello, estas publicacións  podían ser repartidas de balde en diversos establecementos da vila.
 A primeira, en marzo de 1996, foi unha tarxeta coa foto do guerrilleiro Manuel Ponte. Logo seguiron traballos sobre o dolme de Aiazo e achados arqueolóxicos na comarca, o patrimonio e a heráldica de Oroso, biografías de personaxes importantes de Ordes (Vicente Carnota, Nicolás del Río, Alfonso Senra, García Gerpe, o Soldado Lois...) dos que a xente só  coñecía o nome pero pouco máis, etc.


  Colaborador gráfico habitual na maioría destas publicacións foi Xan Ferreiro.
  Dado que as publicacións eran en branco e negro e as vellas fotografías podían saír borrosas ao imprimilas, o meu traballo, maioritariamente, era calcar esas fotografías remarcando moito os bordes e dando unha axeitada gradación ás sombras, cousa que era especialmente difícil nos escudos e monumentos de pedra.

  Ademais houbo libros e cadernos de pago. O primeiro, sobre os antigos camiños no concello de Oroso, foi patrocinado pola empresa Rafra e publicado en 1996. Especialmente exitosos foron os dous libros recopilando fotografías antigas dos concellos de Ordes (2002) e Oroso (2004) feitos en colaboración con Daniel Pereiro López. Tamén en cadernos e libros tocou o tema da 2ª República e a represión despois do Alzamento. O último libro publicado ata o de agora é "A República da Berxa" en 2014.

* María Jesús Souto Alvedro: Pode que vos sone o nome porque é meteoróloga e saiu como muller do tempo varios anos na TVG.

sábado, 4 de julio de 2020

Carpe

  A España da 2ª República padecía unha complicada situación chea de tensións políticas e sociais, pero, fóra dese ámbito, a vida seguía. Non hai que esquecer ademais que, aínda que amplas capas da sociedade como campesiños e obreiros malvivían sempre ao límite, había tamén clases acomodadas que podían permitirse gastos suntuarios. A esa xente que tiña tempo de ler xornais ía dirixida a publicidade nese medio.
  Hoxe imos ver un exemplo curioso. A firma catalá Prol-bel SA creaba produtos de beleza, entre eles o CARPE. En 1933 Fernando Ruiz Moreno, conselleiro do xornal El Pueblo Gallego, era nomeado representante para toda Galicia da firma e paralelamente comezaba nese xornal unha potente campaña de publicidade que durou algúns anos.
 Estes anuncios de 1933 son moi interesantes porque, por unha banda permítennos ver a situación da muller burguesa daquela época obsesionada coa caza dun marido, e polo outro tamén nos permite ver o pouco que cambiou o fondo da publicidade (só foi substituído o matrimonio polo sexo). 

domingo, 28 de junio de 2020

Juan José Liñares Martiáñez

  Juan José Liñares Martiáñez, máis coñecido como Juanjo Linares, naceu en Ordes o 6 de Setembro de 1933. Era fillo de Gumersindo Liñares, propietario do "Bar Liñares" (entón punto de reunión dos VIPs de Ordes) e de Valentina Martiáñez Bengochea, unha madrileña de distinguida familia.
  Juanjo viviu por e para o baile. Entregou toda a súa vida á danza, nas súas diferentes facetas: bailarín, coreógrafo e mestre e, sen ningunha dúbida, foi unha máxima autoridade no estudo do baile folclórico español (el prefería o termo “danza tradicional”) ao que consideraba como un patrimonio que debía ser atendido e conservado.

  Desde moi pequeno, Pocholo, como era alcumado en Ordes, escapaba do bar e achegábase uns 100 metros á casa da súa tía avoa Rita Castro Bao (m.1984) -hoxe Alfonso Senra 106-, que lle ensinou os primeiros pasos de baile.
  Xa sabía bailar aos 6 anos e aos 10 presentouse ao concurso de baile galego que había nas festas e por suposto gañouno. Logo acudiría ás romarías de Santa Margarida na Coruña, tendo como primeira compañeira de baile á súa veciña Teresa Marcos.
 Esa afección ao baile rexional levouno a ser instrutor de "Coros y Danzas" durante 3-4 anos, a traballar co "Ballet de la Coruña", ser profesor de "Lembranzas do Arte" e colaborar con "Follas Novas" e "Aturuxo". Paralelamente chegou a estudar Dereito pero a súa dedicación á danza impediulle rematar a carreira. 

  Despois de estudar con Paco Reyes, o mestre Carito, Salvador Melho ou Lolita Domíngez e facer televisión con José Toledano, en 1960 prodúcese o seu debut profesional no Teatro de La Comedia de Madrid co Ballet Español de Rosario (1918-2000), ex-parella do seu admirado Antonio.
  Obtivo un gran éxito, ata o punto de que a crítica bautizouno como “o bailarín dos pés alados" (como Aquiles). Gañaba 400 pesetas ao día que pronto se converteron en 500.

 Logo sería primeiro bailarín con Mariemma e colaboraría con Marifé de Triana, Antoñita Moreno, o Ballet español de Pilar de Oro e Alfredo Gil, María Rosa ... en fin, os nomes máis prestixiosos desa época.
  Tamén formou o seu propio ballet coas bailarinas Carmela Prieto, Malena Muñoz, Fefa de Alba, Elvirita Loal e Dolores España, acompañadas ao piano por América Villar.
 A súa etapa como bailarín rematou cando, traballando como artista convidado con María Rosa foille diagnosticada unha tuberculose renal en 1970.

  Tempo despois regresa á capital onde se lle ofreceu a creación do Grupo Nacional de Danzas de Educación e Descanso. Coa caída do franquismo, pasa a ocupar un posto de funcionario que compatibilizou coa montaxe de coreografías para o Ballet Nacional de Festivales de España, Antonio Gades, Ballet Folklórico Nacional, a Compañía de Zarzuela Isaac Albéniz, Imperio Argentina, José Greco, etc.

  En 1970 "Sementes do Arte" en Ordes foi o primeiro de varios grupos de danza folclórica que creou por Galicia e Castela. En 1971 foi "Semillas del Arte" de Puebla de Moltalbán (Toledo), e logo varios máis, porque o estudo e o ensino da danza tradicional foi a paixón á que dedicou a segunda metade da súa vida. Escribiu varios libros e moitos traballos pequenos sobre bailes rexionais. Discípulos seus serían Javier García, Manuel Segovia, o director da Compañía Ibérica de danza, ou Aida Gómez, que preparaba un traballo con el.

  Paralelamente era un coleccionista compulsivo de traxes. Sostiña que o clima e por tanto o vestido determinaban o modo de bailar. Non tiña un oco libre na súa casa, ocupada totalmente por centenares de traxes, non só rexionais senón tamén vestidos de artistas famosas coas que compartira o escenario. Ao longo da súa vida realizou exposicións en Madrid, Santillana del Mar, Cádiz, Córdoba… pero finalmente legou a colección a Ordes, que creou para ela o Museo do Traxe.

  Non puido asistir á súa inauguración, en xaneiro de 2010, porque morreu o 16 de novembro de 2009 no Hospital de la Concepción de Madrid, aos 76 anos, por complicacións dun infarto sufrido cando ía saír da súa casa para impartir unha clase maxistral. Rematou a súa vida “coas zapatillas postas” como era a súa obsesión.


  Juanjo Linares foi o ordense máis exitoso durante os anos 60 e 70. O número de premios e distincións que acadou é altísimo, destacando a Medalla de las Bellas Artes (prata) e unha das Medallas de Galicia (bronce). É Fillo predilecto de Ordes desde 1990 e leva o seu nome a rúa coa que fai esquina a Casa da Cultura.

martes, 23 de junio de 2020

Bolboretas para principiantes

  Como podedes supoñer polo título, este artigo só pretende ser unha lixeira introdución ao tema, lonxe do rigor científico. Por tanto limitareime a nomear unha ducia de bolboretas moi comúns nos arredores da vila de Ordes, das case 80 que, segundo Alejandro Lázaro Camafreita, hai na comarca. O que queira nomes latinos e precisión académica pode picar nas ligazóns para ampliar coñecementos.

  Os profanos, ou sexa o 99,9 % de nós, non sabemos o nome de ningunha bolboreta, pero, sendo algo observadores, decatámonos polo menos de que a maioría das que vemos ao pasear polo campo son de tres cores: brancas, marróns e amarelas.


  As case totalmente brancas (que en galego reciben o nome de anxos) pertencen a dúas especies moi parecidas: a bolboreta da col e a branquiña da col. Se nos fixamos ben cando están pousadas, podemos distinguilas porque a segunda é algo máis pequena e carece de banda negra na punta do borde das ás anteriores. Na miña infancia, preto dos núcleos habitados, as bolboretas da col viánse máis que case todas as outras bolboretas xuntas, pero a diminución das hortas con verzas, sustento das súas eirugas, provocou unha baixada importante na súa poboación.
  Aínda hai unha terceira especie predominantemente branca pero con gran número de manchas negras. En castelán é a medioluto (medioloito), nome que lle deron porque parecía estar de alivio, deixando o loito.


  En canto ás bolboretas amarelas hai dúas especies moi fáciles de distinguir. Se nos fixamos un pouco, decatarémonos de que unha semella ter unha cor máis forte. É a colia (en galego xofrada), que voando, parece de cor case alaranxada pero coas ás pechadas é simplemente amarela. Se nos achegamos podemos ver tamén un punto branco, algún negro e uns grandes ollos verdes. A outra bolboreta, de máis tamaño ca anterior, ten unha cor amarela mais clara, ás parecidas a unha folla e ollos escuros. Chámase  limoeira e podedes supoñer a razón do nome.


  Pasemos agora ás bolboretas marróns. Aquí xa temos máis problemas porque hai varias especies parecidas e que ademais son moi abundantes todas. A bolboreta loba (meadow brown "prado marrón" en inglés e bailadora dos prados en galego), a lobiño -ou tamén lobiño agreste-, que ten as ás pola parte interior máis alaranxadas (en inglés gatekeeper "porteira" ou hedge brown "seto marrón"), e a pánfila (ninfa de linneo ou níspola en castelán, nêspera en portugués, e small heath "pequena uz" en inglés).


  Tamén bastante común é a maculada ou vanesa dos muros. O seu nome significa "manchada" e ten por fóra un tono bastante alaranxado. Aínda máis alaranxada e gris clara é a bonita e inconfundible cardeira, así chamada pola querencia ás flores de dita planta e que ten un tamaño bastante grande (ata 9 cm) comparada coas anteriores.


  Rematamos falando de dúas bolboretas bastantes escuras e moi bonitas. A atalanta ou vulcana e a espectacular paxara ou pavo real. Esta última coas ás pechadas parece unha tea negra de encaixe, pero cando as abre vemos un precioso espectáculo que xustifica o seu nome. Por certo que as eirugas de ambas as dúas son grandes comedoras de ortigas e non teñen nin de lonxe a beleza das súas conxéneres adultas.
  
  Unha caractéristica sorprendente de moitas destas bolboretas é que parecen ter só 4 patas (realmente as 2 primeiras son moi curtas e están pegadas ao tórax). Isto ocorre coas bolboretas das familias Satyridae, Ninfalidae e Danaidae.
  Continúa en Bolboretas para non expertos

domingo, 21 de junio de 2020

1933: Vodas de sangue

  En 1933 García Lorca publicou "Bodas de sangre", un título profético para un mundo que ía cada vez peor.

  Alemaña asiste ao nacemento do III Reich. En xaneiro o ancián presidente Paul Von Hindenburg, a pesar de desprezar a Adolf Hitler, accede a nomealo chanceler. Só dous días despois este disolve o Parlamento. En febreiro o Reichstag resulta pasto das chamas. O goberno atribuíu a autoría ao Partido Comunista e decretou a suspensión da prensa marxista e o cesamento de todas as actividades dos partidos de esquerdas. Nas eleccións de marzo o partido nacionalsocialista arrasou con 17 millóns de votos fronte aos 7 dos socialdemócratas, os case 5 dos comunistas e os 3 dos nacionalistas. Pouco tempo despois abriuse en Dachau o primeiro campo de concentración e creouse a Gestapo. Hitler obtivo de Hindenburg a disolución do Parlamento e, a continuación, iniciou a detención de membros das organizacións socialdemócratas e comunistas. En abril tivo lugar o "Día do boicot" aos xudeus, seguido de leis que lles prohibiron a práctica da avogacía, a medicina ou o desempeño de cargos públicos. Concluíu o ano sendo o partido nazi o único autorizado.

  Tampouco ían moi ben as cousas en Asía. En marzo Xapón invadiu China e en maio tivo lugar a folga de fame de Gandhi para protestar pola opresión do goberno británico na India.
  En Estados Unidos en cambio houbo un sopro de esperanza. Franklin Delano Roosevelt, salvado polos pelos dun atentado, comezou a súa primeira presidencia e puxo en marcha o New Deal, que pronto melloraría o sombrío panorama económico, e a finais de ano derrogou a Lei seca que levaba 14 anos amargando ao país.
  E, como anécdota, 1933 viu en maio o renacemento da lenda do monstro do Lago Ness, que se vería reforzada ao ano seguinte coa aparición dunha famosa fotografía.

  Para España tamén é un ano crítico. Iniciouse coa revolta anarquista de Casas Viejas (Cádiz) que acabou de forma sanguenta. A mediados de xaneiro, entre este e outros sucesos, chegou a 100 o número de mortos pola violencia política. Isto supuxo unha gran presión para o goberno de Azaña que acabou dimitindo e sendo substituído en setembro por Alejandro Lerroux.
  Paralelamente a dereita foise reorganizando. En marzo apareceu Renovación Española e fundouse a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), presidida por Gil Robles. En outubro José Antonio Primo de Rivera fundou a Falange Española.
  Toda esta reorganización deu os seus froitos cando nas eleccións do 19 de decembro, as primeiras nas que puideron votar mulleres, gañaron os partidos da dereita. O ano rematou como empezara con outra insurrección anarquista en decembro que de novo fracasou, pero que deixou un saldo de preto de 80 mortos.
  1933 foi o ano en que Miguel Hernández publicou o seu primeiro libro: Perito en lunas.
 
  En Galicia o Partido Galeguista celebra a súa 2ª Asemblea onde triunfa a tese de que son unha minoría directora na política de galeguización sen interese pola afiliación masiva "de xentes non formadas no galeguismo". Esta actitude elitista será rexeitada máis tarde cando se dean conta da necesidade do número para facer esixencias a Madrid. Ese ano instálase en Santiago de Compostela a 1ª emisora de radio (a 6ª española da empresa Unión Radio) grazas ás xestións do Comité pro-Estatuto. Será unha parte valiosa na futura propaganda do referendo.

  En Ordes a situación non era boa. A tensión era grande é as habituales liortas de mozos e veciños sumábanse agora as producidas por motivos políticos e por afiliarse ou non ás distintas organizacións, chegando aos atentados con bomba e ao intento de asasinato do sacerdote de Ardemil.
XANEIRO: Visita de Niceto Alcalá Zamora (fillo do presidente), catedrático da Universidade Compostelá invitado por José Concheiro García. Nova directiva da "Unión Mercantil" con Pedro Álvarez de presidente, Juan Linares (vicepresidente), Manuel Franqueira (tesoureiro), Manuel Sousa (contador), Manuel Mariño (secretario) e Julián Marcos (vicesecretario).
FEBREIRO: Mitin republicano con José Concheiro García. Aprobado o regulamento da Sociedad de Agricultores de Santa Mª de Barbeiros. En Buscás iniciouse a constitución dunha sociedade agraria de inspiración socialista.
MARZO: Marcha de Ordes para Coruña o xuíz José Sánchez Guisande (1895-1959), que levaba desde 1922 na vila. Protestas da UGT e dos agrarios de Ordes, Ardemil, Encrobas e Cerceda contra o contratista do camiño veciñal de Mesón do Vento a Cerceda. Multa de 250 pesetas a Pedro Sánchez Corbelle "por usar unha navalla das prohibidas".
ABRIL: Uns 400 membros de asociacións de Ardemil e as Encrobas armados con fouces e paus presentáronse nas obras do tren en pé de guerra pedindo a exclusividade ou que unha parte importante dos contratados fosen de ambas as dúas parroquias (e organizacións). O motín rematou cun par de feridos. O gobernador mandou máis números da Garda Civil para que non se repetisen os feitos. Horacio Pol entra como telegrafista na estación de Ordes e Juan Manuel Amor Rivas marcha para a da Coruña.
MAIO: Atentado con dinamita no Mesón do Vento contra os postes do tendido eléctrico da "Sociedad General Gallega". Toma de posesión do sacerdote Ramón Mosteiro Ferro, aínda que non chegará á vila ata xuño.
XUÑO: Parto de trillizas de Mª Blanco del Río, muller do xastre José Noval Corral. Unha nova sociedade, "Federación Agraria", ve aprobado o regulamento polo gobernador. Marcha Higinio Cambeses e Bernardo del Río será o novo director da Banda. Morre aos 72 anos José Fernández Varela, irmán de Ricardo (capataz de legoeiros e patriarca dos Fernández das Casillas).
AGOSTO: Fernanducho atropela a un par de persoas na beirarrúa. Breve parada en Ordes do republicano conservador Miguel Maura nunha xira por Galicia. Ataque a Pascual Couce Pico, cura de Ardemil. Crime nas Encrobas. Voda do avogado Juan Amigo coa súa curmá Mª Luisa Amigo. Elvira Troche, que cumpría 60 anos, cesada como mestra de Mercurín. Aprobado o regulamento da Sociedad Agraria de Leira. Atentado contra a maquina de Pedro Pampín en Parada.
SETEMBRO: Germán Doval é destinado como mestre a Ardemil 1 (O Canedo). Morre María Boquete Ríos, matriarca dos Martís do Casal.
OUTUBRO: Atentado contra a casa de Domingo Antonio Moar. Aprobados os regulamentos de sociedades agrarias de Lesta, Parada, Ardemil, Montaos, Pereira e Barbeiros.
NOVEMBRO: Concorrido mitin galeguista en Ordes cos candidatos Suárez Picallo, Martínez López e Manuel Bonet Fontenla. Mitin do Partido Radical en Tordoia no que falan Manuel Sousa Rey e o mestre Manuel Rubias.
DECEMBRO: Morre aos 64 anos o comerciante José Romero Faya, patriarca dos de Julián. Grave liorta no Mesón do Vento que rematou coa vida de Ricardo Prego.