sábado, 28 de septiembre de 2024

Bolboretas para non expertos

   En Bolboretas para principiantes falei das 12 especies de bolboretas diurnas máis habituais nos arredores da vila de Ordes (segundo o meu criterio). Hoxe subiremos un nivel e falarei doutras que tamén se poden ver con certa frecuencia. Recordade que isto é algo bastante aleatorio porque bolboretas abundantes un ano poden case desaparecer ao seguinte. Todas as que saen nas fotos, agás Boloria dia, foron vistas por min (e polo meu experto de cabeceira Alejandro Lázaro Camafreita), pero pode haber outras bolboretas máis numerosas que eu non teña observado e por iso non as cito. Para coñecer o nome científico debedes picar nas ligazóns.
 
 
  En canto a tamaño hai un par de bolboretas que son as raíñas indiscutibles. A enorme macaón chega a alcanzar os 8 centímetros de envergadura. Algo menor é a podalirio que se parece superficialmente porque ambas as dúas teñen de fondo unha cor amarela pálida, pero cando están preto de nós non hai erro posible, xa que a podalirio ten unhas listas negras que a semellan a unha cebra (de aí ven o seu nome galego galo cebrado).
 

  Agora ven o turno doutra bolboreta bastante grande e intensamente laranxa. É a moi fermosa nacarada (señora en galego). Habitual a carón dos ríos, voa continuamente e é bastante difícil vela parar, agás se hai algunha budleia, planta que as atrae moito. Tamén de cor laranxa é a inconfundible esnacada do c branco, nome que ao igual que o científico poligonia, alude á forma quebrada do borde das súas ás e a que no seu reverso ten un debuxo branco semellante á letra C. A sofía (espelliños en galego), igualmente laranxa é moi fácil de recoñecer porque no reverso das ás ten como uns lunares intensamente brancos e brillantes. A perlada violeta, en cambio ten unha especie de mosaico de diferentes cores no que as partes brancas non destacan tanto. É moi parecida á perlada castaña que tamén se pode atopar na comarca de Ordes.
 

  Unha bolboreta con ás de anverso maioritariamente negro é a ninfa do bosque, en cambio o reverso é parecido ao da sofía. Tamén das familia dos ninfálidos é a tornasolada pequena (irisodio pequeno), moi similar pero cuns tonos azuis sumamente bonitos.
 

  Agora falaremos dalgúnhas licénidas, bolboretas pequenas e moi numerosas (representan o 40 % das especies diurnas). En Ordes podemos atopar a mouriña do sur, a rabeira común, a rabeira estriada e moitas especies máis difíciles de distinguir entre si.
 
 
  Outra bolboreta que se pode atopar con certa frecuencia é a dourada, da familia dos Hespéridos, bastante diferente das bolboretas clásicas. O seu pequeno tamaño e os grandes ollos escuros fan que teñan un certo parecido coas moscas. Segundo A. Lázaro Camafreita hai varias especies moi parecidas no noso concello, pero eu non son quen de distinguilas. Outras hespéridas, como a carcharodo ou a erinea (saltareira), xa teñen outras cores diferentes.
  E remato coa esfinxe colibrí. As esfinxes son bolboretas nocturnas pero hai algunha como é o caso que ten hábitos diurnos. Recibe o seu nome porque non se pousa nas flores e bate as ás a enorme velocidade. Se non nos fixamos ben podémola confundir facilmente cun abellorro.
 
  En Ordes hai bastantes especies de bolboretas. Segundo Alejandro Lázaro Camafreita, o maior experto neste tema, roldan as 80 (as diurnas) en toda a comarca. No concello hai moitas pero moi desigualmente repartidas. As zonas onde houbo concentracións parcelarias a partir da década dos 70 son máis pobres porque transformáronse en leiras de millo ou prados de herba destinados a alimentar o gando. Nestas zonas apenas se poden ver de 12 a 15 especies no mellor momento. Unha  cantidade similar voa nas zonas de degradación próximas ás plantacións de eucaliptos. Dentro das propias plantacións apenas se ven bolboretas, son case un "deserto verde". O maior número acádase nos cursos fluviais máis grandes (non nos pequenos regatos) onde se poden atopar de 25 a 30 especies sen demasiada dificultade. Por exemplo, na Senda Verde que está a carón do río Lengüelle pódense observar multitude de bolboretas con extrema facilidade.
  Agora velaquí unha lista de moitas bolboretas diurnas que podedes ver no concello  e comarca de Ordes, agrupadas por familias. Ademais do nome científico engado o seu nome popular en castelán (e ás veces unha tradución do inglés).
 

ALGUNHAS BOLBORETAS DA COMARCA DE ORDES

Papilio machaon macaón

Iphiclides feisthemelii podalirio

Ochlodes sylvanus dorada orla ancha

Thymelicus acteon dorada oscura

Erynnis tages sucia patrona

Lycaena phlaeas manto bicolor

Polyommatus icarus ícaro

Pseudophilotes baton batuta azul

Celastrina argiolus náyade

Lampides boeticus canela estriada

Satyrium esculi querquera o princesa

Favonius quercus nazarena

Thymelicus sylvestris dorada de línea larga

Hesperia comma dorada manchas blancas

Carcharodus alceae piquitos castaña

Lycaena tityrus manto oscuro

Lycaena alciphron manto púrpura

Aricia cramera morena

Cupido argiades naranjita rabicorta

Leptotes pirithous gris estriada

Satyrium spini mancha azul

Plebejus argus hocecillas

Pieris brassicae mariposa de la col

Pieris napi blanca verdinervosa

Colias croceus colia

Pieris rapae blanquita de la col

Leptidea sinapis blanca esbelta

Gonepteryx rhamni limonera

Vanessa atalanta atalanta

Vanessa cardui cardera

Argynnis paphia nacarada

Brenthis dafne laurel

Boloria selene perlada castaña

Euphydryas aurinia doncella ondas rojas

Apatura ilia tornasolada

Maniola jurtina loba

Coenonympha arcania ninfa perlada

Coenonympha glycerion ninfa morena

Melanargia lachesis medioluto

Erebia triarius montañesa

Aglais io pavo real

Polygonia c-album c-blanca

Argynnis adippe nacarada puntos rojos

Boloria dia doncella violeta

Melitaea phoebe doncella mayor

Melitaea diamina doncella oscura

Limenitis camilla ninfa del bosque

Pararge aegeria maculada

Pyronia tithonus lobito jaspeado

Coenonympha dorus velado de negro

Coenonympha pamphilus pánfila

Issoria lathonia sofía

No hay comentarios:

Publicar un comentario